VENRES SANTO

CRUZ DE CRISTO, CRUZ DE VIDA, CRUZ DE ESPERANZA, CRUZ DE SALVACIÓN



ESCOITA ACTIVA

          Nesta tarde de Venres Santo, convocados para seguir avanzando cara á Pascua de vida e resurrección, xuntámonos na igrexa para compartir o contrapunto da experiencia da vida: a sensación de fracaso e frustración. Pero compartir non significa quedar nela, senón descubrir que necesitamos superar este paso, nada doado e tan difícil sempre para nós. Quen non ten experimentado na súa vida a sensación de impotencia, derrota, incapacidade ou tristura?. A diferenza de quen non ten a Xesús como referencia no camiño, os cristiáns, diante destas situación non reaccionamos nin con resignación nin tampouco mirando cara outro lado, como se a cousa non fora con nós. Ao contrario, a experiencia de Xesús ábrenos unha perspectiva, senón nova, si polo menos distinta: Deus non nos deixa solos, senón que nos acompaña, facéndose compañeiro no camiño para superar a sensación de derrotismo e fracaso. Diante das cruces que a tod@s nos chegan, a experiencia cristiá dinos que non podemos volver a cara, senón buscar persoas, medios e convencemento para superalas e non deixarnos ir cara á morte. Porque esta non é o final do camiño, non nos limitemos a cantalo sen sentilo: traballemos para vivilo, convencid@s de que a santidade desta semana remata na ledicia da pascua.

(Oración de xeonllos, prostrados)
(Desde a sé faise a oración sen dicir oremos)


ORACIÓN

Señor, o teu Fillo Xesucristo,
vertendo o seu sangue na Cruz,
instituíu para nós o misterio pascual.
Acórdate da túa misericordia:
santifica e protexe sempre aos teus fillos.
Por Cristo, noso Señor. Amén


LITURXIA DA PALABRA

Primeira lectura     Is 52, 13 - 53, 12

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Foi ferido por culpa das nosas iniquidades (4º Canto do Servo)

Velaquí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ao seu Servo.
A gran multitude quedará abraiada diante del,
pois o seu aspecto non parecía o dun home,
a súa figura non parecía a dun fillo de Adán.
            Pero agora fará conmover a pobos numerosos:
por causa del os reis pecharán a súa boca,
porque contemplarán o que  nunca se lles contou,
e comprenderán o que nunca escoitaron.
            Quen creu o que lle dixemos?
A quen se lle revelou o brazo do Señor?
            El subiu coma tenro gromo na súa presenza,
coma raíz en terra reseca.
            Non tiña beleza nin esplendor;
vímolo, e o seu aspecto non era atraente.
            Desprezado, o máis rexeitado dos homes,
varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.
            Coma alguén de quen se esconde a cara,
desprezado, non lle tivemos aprecio.
            El cargou coas nosas dores,
el soportou os nosos sufrimentos.
            Nós considerámolo ferido,
castigado por Deus e aflixido.
            Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,
foi esmagado polas nosas iniquidades.
            O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a nosa curación.
            Todos nós, coma rabaño, andabamos perdidos,
cada un polo seu camiño.
            Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós.
Foi oprimido, foi aflixido;
pero el non abriu a súa boca.
            Foi levado coma unha res á matanza,
e, coma ovella muda ante o tosquiador,
non abriu a súa boca.
            Foi levado cun xuízo perverso,
ninguén se preocupou da súa vida.
            El foi arrincado do mundo dos vivos,
para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.
            Puxeron a súa sepultura entre os malvados,
e a súa tumba entre os ricos,
aínda que non cometeu violencia,
nin houbo fraude na súa boca.
            O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
            Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
            Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
            O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará.
            Por isto repartirei con el xunto cos grandes,
e cos poderosos terá parte no botín,
porque entregou a súa vida á morte
e foi contado cos malvados.
            Si, el foi o que cargou co pecado de moitos
e fai a intercesión polos malvados. 

L/ PALABRA DO SEÑOR                        R/. Grazas a Deus



Salmo responsorial       Sal 30, 2 e 6. 12-13. 15-16. 17 e 25

R/. (Lc 23, 46): Meu Pai, nas túas mans entrego o meu espírito.


 Abrígome en ti, Señor,
que endexamais me vexa defraudado;
Nas túas mans entrego o meu espírito,
ti, Señor, o Deus fiel, hasme librar.
Son o riso dos inimigos,
a burla dos meus veciños.
Para os meus coñecidos son espanto:
foxen ao verme na rúa.
Esquécense de min, coma dun morto
eu son coma un cacharro que non serve.

Mais eu teño confianza en ti, Señor,
e digo: "Ti es o meu Deus".
Nas túas mans está o meu porvir:
líbrame do poder dos inimigos
e dos meus perseguidores.

Fai brillar o teu rostro para o teu servo,
sálvame, pola túa misericordia.
Sede fortes e valentes
os que esperades no Señor.


Segunda lectura  Hebr 4, 14-16; 5, 7-9

LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da salvación para todos os que o obedecen

            Irmáns:
            Xa que temos un gran Sumo Sacerdote que  penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.
            Pois non temos un Sumo Sacerdote incapaz de se compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado. Acheguémonos, pois, con liberdade ao trono da graza, para conseguirmos misericordia e acadar a graza para unha axuda no tempo debido.
            Cristo, nos días da súa vida mortal, a berros e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa docilidade.   Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse para todos os que lle obedecen en causa de salvación eterna.

Palabra do Señor               R/. Grazas a Deus



Versículo    Flp 2, 8-9

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.



CANTO: A túa palabra

Evanxeo    Xn 18, 1 -- 19, 42

PAIXON DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Prenderon a Xesús e atárono

            C. Naquel tempo, saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mais os seus discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
            + A quen buscades?
            C. Respondéronlle:
            S. A Xesús de Nazaret.
            C. Díxolles El:
            + Eu son.
            C. Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ao chan. Entón, preguntoulles outra vez:
            + A quen buscades?
            C. Eles contestaron:
            S. A Xesús de Nazaret.
            C. Xesús respondeulles:
            + Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
            C. Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".
            Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu o garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. Pero Xesús díxolle a Pedro:
            + Mete a espada na vaíña; e, logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?

Levaron primeiro a Xesús onda Anás

            C. Entón a patrulla, o tribuno e mais os gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.
            Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. Era Caifás aquel que lles dera aos xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo".
            Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote.

            Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo o coñecido do Sumo Sacerdote , falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. A porteira preguntoulle a Pedro:
            S. Non es tamén ti dos discípulos dese home?
            C. El contestou:
            S. Non son.
            C. Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque ía frío, e quecían. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, quecendo.
            Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina.
            Xesús respondeulle:
            + Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan todos os xudeus, e non falei nada ás agachadas. Por que me preguntas a min? Pregúntalles aos que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.

            C. Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
            S. Así lle respondes ao Sumo Sacerdote?
            C. Xesús replicoulle:
            + Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, por que me pegas?
            C. Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.

Non es tamén ti dos seus discípulos?

            C. Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
            S. Non es tamén ti dos seus discípulos?
            C. El negouno, dicindo:
            S. Non son.
            C. Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
            S. E logo non te vin eu na horta con el?
            C. Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.

O meu reino non é deste mundo

            C. Levaron entón a Xesús de onda Caifás ao Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen comer a Pascua. Saíu entón fóra Pilatos, onda eles, e preguntou:
            S. Que acusación traedes contra este home?
            C. Eles responderon:
            S. Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
            C. Díxolles entón Pilatos:
            S. Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
            C. Os xudeus contestáronlle:
            S. Non nos é lícito matar a ninguén.
            C. Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.

            Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
            S. Es ti o Rei dos Xudeus?
            C. Xesús respondeu:
            + Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
            C. Pilato replicou:
            S. E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
            C. Xesús contestoulle:
            + O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
            C. Díxolle entón Pilato:
            + Logo ti es Rei?
            C. Xesús respondeu:
            + Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
            C. Pilato preguntoulle:
            + Que é a verdade?
            C. E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
            S. - Eu non atopo nel culpa ningunha. Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte o Rei dos Xudeus?
            C. Berraron entón outra vez, dicindo:
            S. Non. A ese non; a Barrabás. (O tal Barrabás era un bandido).

Salve, Rei dos Xudeus!

            C. Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, e, inclinándose diante del, dicíanlle:
            S. - "Salve, Rei dos Xudeus!".
            C. E dábanlle labazadas.

            Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:
            S. Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.
            C. Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:
            S. – Velaquí o home.
            C. Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:
            S. Crucifícao, crucifícao!
            C. Pilato respondeulles:
            S. Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.
            C. Os xudeus replicaron:
            S. Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.
            C. Cando Pilato oíu estas palabras colleu moito medo, entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:
            S. De onde es ti?
            C. Pero Xesús non lle deu unha fala. Entón Pilato insistiu:
            S. Comigo non falas? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para te crucificar?
            C. Xesús respondeulle:
            + Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.

Fóra, fóra! Crucifícao!

            C. Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:
            S. Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ao César.
            C. Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O lousado", en hebreo "gábaza". Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce da mañá.
            Díxolles aos xudeus:
            S. Velaquí o voso rei.
            C. Pero eles berraban:
            S. Fóra, fóra! Crucifícao!
            C. Pilato preguntoulles:
            S. Pero como vou crucificar o voso rei?
            C. Os sumos sacerdotes insistiron:
            S. Non temos máis rei có César.
            C. Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.

Crucificaron a Xesús, xunto con outros dous

            C. Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.
            Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
            S. Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
            C. Pilato respondeu:
            S. O escrito, escrito está.

Repartiron as miñas roupas

             C. Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado , e mais a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:
            S. Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
            C. Así cumpriuse a Escritura, que di: Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.
            Tal fixeron os soldados.

Velaí o teu fillo. Velaí a túa nai.

            C. Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Madalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
            + Muller, velaí o teu fillo.
            C. Despois díxolle ao discípulo:
            + Velaí a túa nai.
            C. Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.


Está cumprido

            C. Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
            + - "Teño sede".
            C. Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo:
            + - Está cumprido.
            C. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
                                         (Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

No instante saíu sangue e auga

            C. Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado pois era grande aquel día de sábado , rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
            Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados lle traspasou o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
            Quen o viu dá testemuño, e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.

Envolveron o corpo de Xesús con panos, con aromas
            C. Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús –aínda que ás agachadas, por medo aos xudeus , rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo.
            Foi tamén Nicodemo aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite , levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
            Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, envolvérono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén.
            Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.

L/ PALABRA DO SEÑOR        T/ Loámoste, Cristo



PALABRA ENRAIZADA
(Facemos unha breve reflexión que axude a entender a celebración e a situar, 
no día a día, os textos que acabamos de proclamar)

Unha celebración austera e sinxela, como é a de hoxe tenta que comprendamos que o noso paso pola vida ha ser tamén un esforzo por ser austeros e sinxelos. Sen aparencias, sen buscar nin quedar ben nin que nos vexan, sen pretender mostrar o que non somos. Venres Santo é unha metáfora da sinxeleza e austeridade da vida á que estamos chamados tod@s, pero especialmente os que nos queremos chamar cristiáns, seguidores de Xesús. É unha boa ocasión para preguntarnos de que xeito imos integrando os momentos de dor, tristura e fracaso –as cruces– que a tod@s nos van chegando. Hoxe vemos como Xesús non cae na pasividade da resignación, senón que loita buscando sentido a canto tiña feito e compartido. Trata de transmitirnos que diante da sensación de fracaso é necesario facer outras lecturas que nos axuden a ver os feitos con outros ollos. Uns ollos que transcendan o puramente empírico, e que nos axuden a coñecernos mellor e a descubrir as razóns que nos levan a actuar do xeito no que actuamos. Aos ollos dos que non entenderon a lóxica na que Xesús se moveu ao longo da súa vida, a cruz foi un fracaso, o final daquela experiencia que tanto ilusionara e movera corazóns e persoas. Pero se afondamos un pouco nesta experiencia, seguro que somos capaces de descubrir que a súa morte foi entrega de xenerosidade, de esperanza e de triunfo. Que tamén nós esta tarde, logo de ter camiñado ao longo da coresma intentando deixar atrás o noso corazón de pedra, aprendamos que a quentura e o latexo do corazón que achega, acolle, escoita e ama é moito máis importante que as cruces que van aparecendo e que é necesario superar para non caer no derrotismo. Venres Santo non é tristura, senón xermolo de esperanza e cambio.


FRATERNIDADE ORANTE

1.       POLA IGREXA
a.   Para que traballe cada día pola sinxeleza, a superación de actitudes soberbias e a busca de canto achega e une e o faga con humildade, serenidade e respecto a todas as persoas.
b.   Señor, no teu Fillo Xesucristo manifestaches a forza da túa mensaxe a todo o mundo. Protexe a obra do teu amor: fai que a túa Igrexa sexa perseverante na fe e no testemuño. P.X.N.S. Amén.
2.     POLO PAPA
a.    Recemos polo Papa Francisco, para que o seu ministerio sexa un ministerio de fidelidade ao evanxeo e de esperanza para cantos agardan del actitudes de achegamento aos pobres e renovación da vida da Igrexa.
b.   Señor, Deus de amor e paz,acolle as oracións que presentamos polo noso papa Francisco. Que a forza do Espírito o siga alentando na tarefa de ser continuador da renovación da Igrexa que con tanta esperanza comezou o Concilio Vaticano II. PXNS. Amén
3.     POLA UNIDADE DOS CRISTIÁNS
a.    Recemos pola unidade dos cristiáns, divididos por enfrontamentos e discrepancias. Para que Deus, Pai e amig@, os axude a superar rupturas e os reúna nunha soa Igrexa guiada pola busca do entendemento.
b.   Deus, ti que es amor e acollida, danos azos para que os cristiáns que buscamos seguir ao teu Fillo Xesús vivindo o Evanxeo, traballemos para superar canto nos desune e afasta de ser unha verdadeira Igrexa comunitaria. P.X.N.S. Amén.
4.    POLOS QUE NESTE MOMENTO ESTÁN A VIVIR A CRUZ
a.   Recemos tamén por tódalas persoas que están a vivir situacións de cruz e dor: a cruz da dor e da enfermidade, do paro, da inxustiza, do maltrato, do engano, da perda da súa casa, da ruptura familiar...Para que sintan a solidariedade cercana de cant@s compartimos a fe no Deus no que confiamos e sempre se nos mostra como irmán e amigo.
b.   Señor Deus, que unes corazóns rotos e desunidos pola tristura. Que sintamos sempre a forza da túa presenza nos momentos de dificultade e desamor que ás veces chegan as nosas vidas. P.X.N.S. Amén.
5.     POLOS QUE PERTENCEN A OUTROS CREDOS RELIXIOSOS
a.   Recemos polas persoas que pertencen a outros credos relixiosos, para que con sinceridade e confianza, busquen e atopen co camiño que nos leva a tod@s a crer nas persoas como fillas de Deus.
b.   Señor da acollida e da misericordia, fai que cantos non teñen a Cristo como guieiro das súas vidas, descubran e coñezan que só quen camiña buscando canto fai dos seres humanos centro da vida, atopará o camiño que nos fai felices. P.X.N.S. Amén.
6.    POLOS NON CRENTES
a.   Recemos tamén por cantos no teñen un sentido trascendente da vida, e non admiten a Deus coma guía e amigo, para que coa coherencia e fidelidade ás súas conviccións acaden o agasallo de chegar a El.
b.    Deus Pai/Nai, que fixeches ao ser humano dignidade e respecto; concédelles que, no medio dos gozos e tristuras da vida, perciban os sinais da túa presenza manifestada en amor gozoso por facer a vida máis doada a tod@s. P.X.N.S. Amén.
7.     POLOS QUE TEÑEN A RESPONSABILIDADE DE GOBERNAR
a.    Recemos polos gobernantes, que foron elixidos para favorecer e desenvolver o ben común; para que o seu traballo non busque o seu enriquecemento, senón o servizo e a entrega aos demais.
b.   Señor e dador da vida e da dignidade, afasta de cantos foron elixidos para o servizo público e a busca do ben común, a tentación do abuso e do enriquecemento persoal. Dálles azos para que sexan sempre fieis á túa invitación de traballar por canto faga a vida das persoas o máis feliz e humana posible. P.X.N.S. Amén.


ADORACIÓN DA CRUZ

INVITACIÓN PARA MOSTRAR A CRUZ
Comeza agora o momento da adoración da cruz. Desde o fondo da igrexa imos subindo con ela tapada, avanzamos ao longo do corredor, á vez que imos destapando cada un dos brazos e cantando –facémolo tres veces- xunt@s:
Desde o fondo da Igrexa, tres persoas con velas traen a cruz
Mirade a árbore da cruz, na que estivo cravada a salvación do mundo
Vinde adorala
          

            Unha vez chegado quen preside/dirixe a celebración, diante do presbiterio, mostrámoslle á asemblea a cruz e invitamos a cantos participan na celebración a achegarse para adorala individualmente. Namentres dura a adoración soa música clásica.Non cantamos para favorecer o clima de silencio e recollemento que o momento suxire.


COMUÑÓN

Comezamos a última parte da celebración de hoxe dirixíndonos ao lugar onde temos colocado 
o Pan consagrado na celebración do Xoves. Levámolo ao altar.

Noso Pai

Año de Deus

Distribución da comuñón
                  

                   CANTO: Ti es o Pan do Ceo




Oración
Señor da misericordia e da esperanza, renováchesnos coa morte e resurrección do teu Fillo Xesucristo. Grazas por seguir dándonos novas oportunidades, a pesares das nosas dúbidas e das nosas desconfianzas. P.X.N.S. Amén.


BENDICIÓN
Que a túa bendición, Señor, nos acompañe sempre. Ti que nos reuniches para celebrar a morte do teu Fillo, acompáñanos para que camiñemos cara á celebración da esperanza da resurrección. Veña sobre nós o teu perdón, concédenos o teu consolo, acrecenta a nosa fe e consolida a cantos conformamos a comunidade. P.X.N.S. Amén.


Comentarios

Publicacións populares