2 de abril- Día Internacional da concienciación do Autismo

Como case tódolos pais dun neno con trastorno autista, pasei un verdadeiro calvario ata que conseguín dar con alguén que se atrevese a dar un diagnóstico, recoméndovos en caso de dúbida que contactedes directamente cun psiquiatra infantil, raramente mestres ou psicólogos "móllanse" no tema. O tema da detección temprana é moi importante e liberador para pais e fillos, pois ata entón non fas mas que dar "paos de cego" e incluso eu, como mestra con formación, sabía que algo non iba ben pero non sabía por onde tirar.

Decidinme, tras escoitar hai pouco a unha compañeira preocupada polo seu fillo, a poñervos o test por se é de utilidade para alguén e, sobre todo, pedirvos que busquedes e leades como pais, como mestres, como catequistas, porque seguro, seguro, coñecedes algún rapaz con estes rasgos (as estatísticas non minten) ou a algunha persoa, amig@ ou compañeir@ que responde a estes signos. 

Hai xente á que lle preocupa que os demais saiban que o seu fillo é autista ou asperger, pero é o xeito de que comprendan porque o neno é diferente e facilita a integración. Se coñecedes a alguén que comparte clase co/a vos@ fill@ ou tedes algún alumno ou catecúmeno con algún destes trastornos sería bo que, co consentimento dos pais, os nenos souberan do seu problema sen complexos nin vergoña.Por se non o sabiades, moitos dos grandes visionarios que cambiaron o mundo tiveron algún destes trastornos, porque teñen unha "mirada diferente", non ha de ser tan malo ver o mundo con outro ollos, non credes? Aquí vos deixo algunha axuda para comprender "o seu mundo". 

Cuestionario para a detección precoz do autismo:


A partir dos 18 meses de idade
Esta escala consta de dúas seccións: na A, valóranse áreas de desenvolvemento a través da información que nos ofrecen os pais e na B, o clínico compara as condutas reais dos nenos cos informes dados polos pais. Canto máis temperán sexa diagnosticado o autismo o seu prognóstico mellorase, xa que unha intervención psicopedagógica acorde ás súas necesidades desde o principio ofrece maiores mellorías.


Valoración
Sección A.- Entrevista aos pais
Entre 0 e 5............ Puntuación normal.
Entre 2 e 8/10....... Certo atraso mental, non autista, facer seguimento.
Entre 8/10 e 18..... Posible autismo, derivar a especialista.
Sección B.- Observación dos pediatras ou visitadores médicos.
Entre 0 e 2/3......... Puntuación normal
Entre 2/3 e 7......... Derivar a especialista
 (sobre todo, si coincide con puntuación superior a 8/10 na sección A)

A ESCALA DE AUTISMO EN NENOS PEQUENOS (CHAT)
SECCIÓN A:
Preguntas aos Pais.

1. Sorrí en resposta ao sorriso do adulto?
2. Pon "cara de chorar" cando ve chorar alguén?
3. Cambia de expresión ao cambiar a do adulto?
4. Normalmente, mira aos ollos cando se lle fala?
5. Pide obxectos sinalando co índice?
6. Mira ao sitio que lle sinala o adulto?
7. Sinala co índice para mostrar interese, compartir...?
8. Mostra, ofrece ou dá obxectos ou xoguetes para iniciar unha actividade con adultos?
9.  Tenta atraer a atención cara á súa propia actividade?
10. Alégrase ao ver aos seus pais tras unha ausencia e desgústase ante estraños?
11. Goza con xogos interactivos (cinco lobitos...)?
12. Parece ignorar ás persoas e/ou prefire estar só?
13. Sospeitouse xordeira e/ou parece que ouve uns sons e outro non?
14. Adoita buscar consolo?
15. Realiza movementos repetitivos (abalos, aleteos, xiros, etc.)?
16. Xoga apropiadamente cun coche imitando o ruído do motor?
17. Xoga a facer coma se bebese dunha cunca (baleira) ou dá para comer a unha boneca?
18. Interésase por outros nenos?

SECCIÓN B:
Observacións dos Pediatras ou Visitadores Médicos
 (un bo pediatra debería coñecer este cuestionario ou similar, pero é raro que a usen)

A. Establece facilmente contacto ocular con vostede?
B. Mira, dirixe a súa atención onde se lle sinala?
C. Se lle ofrece unha boneca e unha culler, dálle de comer á moneca?
D. Reacciona apropiadamente a sons diversos?
E. Realiza repetidamente algún movemento físico?
F. Acepta gustoso xogar a xogos de tipo interactivo?
G. Se lle pregunta pola localización dalgún obxecto moi coñecido, sinálao?



CUESTIONARIO PARA A DETECCIÓN DE ALUMN@S
 CON TRASTORNOS DO ESPECTRO AUTISTA 
(para levar á escola ou guardería)

F frecuentemente AM a miúdo PV poucas veces N nunca

Valoración
No caso de que o neno/a puntuei F ó AM en máis de 5 ítems, sería importante porse en contacto co especialista. (Equipo de Orientación Educativa, Saúde Mental Infantil, asociacion.)

1. Non atende cando se lle chama
2. Non sinala para ensinar algo que ocorre ou está vendo
3. Non fala ou deixou de facelo
4. A súa linguaxe é moi repetitiva e pouco funcional
5. Utiliza as persoas coma se fosen instrumentos para lograr o que desexa
6. Comunícase xeralmente para pedir ou rexeitar, non para realizar comentarios
7. Non reacciona ante o que ocorre ao seu ao redor
8. Non mostra interese pola relación cos demais, non pide a súa atención e ás veces rexéitaos
9. Non mira á cara ou aos ollos sorrindo á vez
10. Non se relaciona con outros nenos, non lles imita
11. Non mira cara a onde se lle sinala.
12. Usa os xoguetes de maneira peculiar (viralos, aliñalos, tíralos...).
13. Ausencia de xogo social, simbólico e imaxinativo ("Facer coma se... ").
14. Os seus xogos son repetitivos.
15. Aliña ou ordena as cousas innecesariamente.
16. É moi sensible a certas texturas, sons, cheiros ou sabores.
17. Ten movementos estraños, repetitivos.
18. Presenta rabietas ou resistencia ante cambios ambientais.
19. Ten apego inusual a algúns obxectos ou estímulos visuais concretos.
20. Ri ou chora sen motivo aparente.
21.Ten boas habilidades visioespaciales.



PARA INFORMARSE MÁIS:

http://espectroautista.info/
http://www.equipoiridia.es/web_ei/deteccion-temprana
http://www.guiasalud.es/egpc/autismo/completa/documentos/apartado06/apartado06.pdf

Comentarios

Publicacións populares