Pascua 2A. Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia - Salmo 117

Domingo 2 de Pascua - ciclo A


SINAIS DE XESÚS RESUCITADO

Eu aposta polo humilde.
Renuncio á elegancia
no vestir, no facer e no dicir.
Renuncio á palabras solemnes
e a calquera forma de opulencia.

Renuncio a arrimarme aos grandes
e a sentarme nas súas mesas baleiras.
Renuncio aos finximentos estériles
e a cubrir os lindeiros da pobreza.
Renuncio ao corazón altivo
e a soñar castelos de arrogancia.

Renuncio a xulgar e a condenar
cal se eu fose o amo das certezas.
Eu aposto polo humilde.
Amo as poucas palabras
e cheas e sinceras.
Amo as formas humildes
no ser e no falar as miñas lerias.

Amo as poucas cousas da pobreza
tan ricas elas, fermosas, duradeiras.
Amo a xente humilde,
grande sempre na súa sinxeleza.
Amo os corazóns serenos
e as olladas limpas.

Amo as mans labregas
e a fala desta terra.
Amo os bichiños pequenos,
a auga, a neve, as herbas.
Amo os bicos e a tenrura
e o conforto dunha boa aperta.

Amo a amizade fiel
e o perdón que aleda.
Amo arrepentirme cada día
e buscar a verdade que libera.
Amo a comunidade transparente
e compartir a miña vida enteira.

Amo a loita calada e persistente
por un mañá que xa esperta.
Amo a Deus porque é humilde creador.
Amo a Xesús porque é humilde salvador
Amo o Espírito porque é humilde soñador.
Amo a María porque é humilde nai do meu Señor.

Eu aposto polo humilde e o sinxelo
e por estes versos pequenos
para dicir o que eu quero.





Comentarios

Publicacións populares