Domingo 5 de Coresma - ciclo A
DOMINGO V DE
CORESMA - CICLO A
Primeira
Lectura Ez 37, 12-14
LECTURA
DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Dareivos
o meu Espírito e viviredes
Isto di o Señor Deus:
‑ Velaí que eu vou abrir as vosas
sepulturas,
e
vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e
vouvos levar á terra de Israel.
Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando
eu abra as vosas sepulturas,
e
cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
Vou poñer en vós o meu espírito
e
vouvos facer revivir na vosa terra.
Así recoñeceredes que eu, o Señor, o
digo e o fago
‑
é o Señor quen fala ‑.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8
R/.
(7): Do Señor vén a misericordia, e nel a redención é cumprida.
Desde
os abismos clamo a ti, Señor;
Señor,
escoita a miña voz.
Ten
atentos os oídos
á
voz da miña súplica.
Se
levas conta dos pecados, Señor,
Señor,
quen poderá terse en pé?
Mais
en ti está o perdón
para
te faceres respectar.
Eu
espero no Señor,
a
miña alma espera na súa palabra;
a
miña alma agarda o Señor,
máis
do que os vixías á aurora.
Agarde
Israel o Señor,
pois
do Señor vén a misericordia
e
nel a redención é cumprida.
El
é quen redime a Israel
de
todos os pecados.
Segunda
Lectura Rm 8, 8-11
LECTURA
DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O
Espírito de quen resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós
Irmáns:
Os que viven conforme a condición
carnal, non poden agradar a Deus.
Pero
vós non vivides conforme a carne, senón conforme o espírito, se é que o
Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non
é de Cristo.
Pero se Cristo está en vós, o voso
corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o espírito é vida por
causa da xustiza.
Se o Espírito do que resucitou dos
mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos,
vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Xn 11, 25a. 26
Eu
son a resurrección e a vida, di o Señor;
quen
cre en min non morrerá endexamais.
Evanxeo Xn 11, 1-45
(longo)
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu
son a resurrección e a vida
Naquel tempo, Lázaro de Betania, da
aldea de María e da súa irmá Marta, caera enfermo. María fora a que unxira o
Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro
era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
‑ Señor, mira, o que amas está
enfermo.
Ó oílo, dixo Xesús:
‑ Esta enfermidade non é para a
morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo
de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á
irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse
estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos
discípulos:
‑ Vaiamos outra vez a Xudea!
Os discípulos respondéronlle:
‑ Mestre, aínda non hai nada que te
querían apedrar os xudeus, e vas ir
outra vez alí?
Xesús replicou:
‑ Non hai doce horas de día? Se
alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén
camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
En dicindo isto, proseguiu:
‑ Lázaro, o noso amigo, dorme; pero
eu vouno espertar.
Dixéronlle entón os discípulos:
‑ Señor, se dorme, curará.
Xesús dicíao da morte. Pero eles
coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:
‑ Lázaro morreu, e alégrome por vós
de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el!
Díxolles entón Tomé ‑ o chamado
Xemelgo ‑ aos outros discípulos:
‑ Vaiamos tamén nós morrer con el!
Cando chegou Xesús, atopouse con que
Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Betania estaba preto de Xerusalén, a
uns tres quilómetros; moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles
daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle
ao encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
‑ Señor, se ti estiveses aquí non
morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera
cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
‑ Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
‑ Ben sei que resucitará na
resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
‑ Eu son a resurrección e a vida.
Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá
endexamais. Cres ti isto?
Ela respondeu:
‑ Si, Señor: eu creo que ti es o
Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
E,
ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
‑ O Mestre está aquí e chámate.
Ela, ao oílo, ergueuse de contado e
foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio
onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle
daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás
dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba
Xesús e, ao velo, caeu aos seus pés, dicíndolle:
‑ Señor, se ti estiveses aquí, non
morrería meu irmán.
Ó ver Xesús que ela estaba chorando,
e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente
conmovido, preguntou:
‑ Onde o puxestes?
Contestáronlle:
‑ Señor, ven ver.
E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus: "Ai
que ver como o quería!"
Pero algúns deles dixeron: "E
logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non
morrese?"
Xesús, estremecéndose de novo,
chegou á sepultura. Era unha cova e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
‑ Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
‑ Señor, xa cheira, que leva catro
días.
Xesús contestoulle:
‑ Non che dixen que se cres, verás a
gloria de Deus?
Arredaron entón a pedra. Xesús
ergueu os ollos e dixo:
‑ Meu Pai, douche grazas porque me
escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que
está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E
dito isto, gritou con voz forte:
‑ Lázaro, ven para fóra!
Saíu o morto; tiña os pés e as mans
atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
‑ Desenleádeo e deixádeo ir.
Entón, moitos dos xudeus que viñeran
onda María, vendo o que fixo, creron nel.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
Ou
máis breve: 3-7. 17. 20-27. 33b-45
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, as irmás de Lázaro
mandaron a dicirlle a Xesús:
‑ Señor, mira, o que amas está
enfermo.
Ó oílo, dixo Xesús:
‑ Esta enfermidade non é para a
morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo
de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á
irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse
estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos
discípulos:
‑ Vaiamos outra vez a Xudea!
Cando chegou Xesús, atopouse con que
Lázaro xa levaba catro días no sepulcro.
Cando
oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio,
quedou na casa.
Díxolle entón Marta a Xesús:
‑ Señor, se ti estiveses aquí non
morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera
cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
‑ Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
‑ Ben sei que resucitará na
resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
‑ Eu son a resurrección e a vida.
Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non
morrerá endexamais. Cres ti isto?
Ela respondeu:
‑ Si, Señor: eu creo que ti es o
Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
A Xesús, véndoos chorar,
apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
‑ Onde o puxestes?
Contestáronlle:
‑ Señor, ven ver.
E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus: "Ai
que ver como o quería!"
Pero
algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non
podía facer que non morrese?"
Xesús estremecéndose de novo, chegou
á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
‑Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
‑ Señor, xa cheira, que leva catro
días.
Xesús contestoulle:
‑ Non che dixen que se cres, verás a
gloria de Deus?
Arredaron entón a pedra. Xesús
ergueu os ollos e dixo:
‑ Meu Pai, douche grazas porque me
escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que
está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
‑ Lázaro, ven para fóra!
Saíu o morto; tiña os pés e as mans
atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
‑ Desenleádeo e deixádeo ir.
Entón, moitos dos xudeus que viñeran
onda María, vendo o que fixo, creron nel.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
O
DON DA AMIZADE: UN AGASALLO QUE SEMPRE TEMOS QUE COIDAR E NUNCA DEBEMOS PERDER - 5º Coresma
SINAL DE CORESMA: Colocamos por riba do altar a quinta e derradeira
pedra, para que nos faga decatarnos de que, se estamos dispostos, aínda é tempo
de poñerse ao camiño para cambiar o noso corazón de pedra nun corazón de carne,
moito máis sensible e achegado á realidade da xente.
ESCOITA ACTIVA
Dentro da fondura que
hoxe nos presentan os textos da celebración, podemos fixarnos nun aspecto que
ao mellor pasa desapercibido: o valor da amizade. Temos escoitado moitas veces
o evanxeo de Lázaro, e seguro que nos teñen falado de moitas cuestións que nos
axudan a entendelo, pero ao mellor foron poucas as veces nas que nos invitaron,
a partir da lectura deste texto, a revisar as nosas actitudes e os nosos
comportamentos á hora de tratar cos amigos.
Ter un amigo, dise
moitas veces, é ter un tesouro, e os tesouros, porque son moi importantes e
teñen valor, debemos coidalos. O mesmo pasa coa amizade: saber que podemos
gozar da capacidade de escoita, acollida, axuda, solidariedade, confianza...
dun amigo ou amiga é o mellor dos tesouros.
Isto entendérono ben as
irmás de Lázaro, e o mesmo Xesús. Por iso, diante da situación de Lázaro, o
amigo, elas mandan chamar por Xesús, e El sente a tristura e a pena cando lle
contan o que lle pasara. Que tamén nós saibamos coidar con todo agarimo e
xenerosidade dos amigos, para así sentir a ledicia agradecida de sabérmonos
queridos e acompañados.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
* Porque moitas veces non somos agradecidos coa entrega e xenerosidade que os
amigos teñen para con nós, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A VALORAR O TESOURO
DA AMIZADE.
* Porque a dureza do noso corazón de pedra impídenos ás veces perder os medos
ao que dirán, para mostrarlle achegamento e presenza ás persoas amigas que
están a pasar dificultades, CRISTO, QUE APRENDAMOS A
VALORAR O TESOURO DA AMIZADE .
* Porque somos capaces de converter a fe en ideoloxía ou dogma, pero non en
sensibilidade e esforzo por buscar un trato xusto e igualitario cos demais, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A
VALORAR O TESOURO DA AMIZADE.
PALABRA ENRAIZADA
ü Pouco a pouco a coresma
vai avanzando cara ao seu remate. Daquela, é hora de que nos preguntemos se
neste percorrido que comezabamos o mércores de cinza temos acadado algún
obxectivo, ou pola contra todo segue igual. Somos os mesmos aos que lles
esvaran os textos da palabra que proclamamos nas celebracións?. Somos os mesmos
que non nos temos movido nada respecto das nosas teimas, e seguimos crendo que
a razón está en nós, e que isto da fe hai que vivilo cada un como lle peta,
esquecendo que Xesús nos marca un camiño que debemos percorrer ilusionados,
pero tamén de xeito responsable ao longo da vida?. Porque a salvación, a graza,
a esperanza ou a resurrección, palabras que escoitamos moitas veces nas
celebracións son medios que desde a vida e persoa de Xesús, imos descubrindo
que nos van facendo mellores persoas, que nos axudan a superar prexuízos e van
facendo de nós homes e mulleres para os que a fe non é un verniz externo e
ritualista, senón unha maneira de vivir e construír relación de irmandade e
amizade con aqueles que están ao noso redor. E se aos amigos os utilizamos
segundo o noso interese, abusamos da súa confianza, enganámolos buscando a nosa
comenencia... dificilmente pode ser crible a afirmación de que temos fe, de que
somos crentes ou de que a celebración do domingo é importante e moito máis ca
un costume. O profeta Ezequiel deixouno dito con claridade na primeira lectura
de hoxe, cando pon na boca de Deus a afirmación de que El, aquilo que di,
faino. Non xoga nin coas persoas nin cos seus sentimentos. Vainos narrando
-empregando unha linguaxe que podemos todos comprender-, que falar de Deus é
querer dicir que nunca estamos abandonados, solos ou ao pairo. Todo o
contrario: porque é un Deus que non quere sacrificios baleiros, senón actitudes
e comportamentos reais, invítanos a non esquecer que no mesmo xeito que vivamos
a nosa amizade e preocupación polos amigos, nesa mesma maneira estará sendo o
sentido, a razón e a comprensión que teñamos de Deus. El non é algo que está
nas alturas, senón alguén que terma e se preocupa de nós, ao chamarnos a non
deixar abandonados aos demais.
ü Amizade e misericordia
van sempre da man. Non pode darse unha sen a outra. Un non pode chamarse amigo
nin de Deus nin dos demais se non é misericordioso; é dicir, se non somos
capaces de tomar en serio a quen nos busca, de escoitar –non só oír– a quen nos
fala contándonos o seu problema ou os seus medos e inseguridades; de acompañar
a quen está vivindo unha situación dura, difícil ou se sente enganado por
todos. Se non somos quen de mirar aos ollos a quen temos ao lado, dificilmente
poderemos entender que significa a palabra amigo ou amiga e a palabra
misericordia. Escoitar, acompañar e sufrir con, son actitudes que nos invitan á
misericordia, a poñer o corazón ao lado de quen o precisa. Así o entendeu
Xesús, e así o entenderon moitos homes e mulleres que, descubríndoo en Xesús,
fixeron da súa vida entrega de gratuidade apaixonada. A misericordia non está
no externo, senón que bule dentro do corazón e móstrase no xeito de facer,
dicir e vivir as situación da vida ao lado dos outros. A isto se refire Paulo
cando di que nós non vivimos segundo a carne, senón segundo o espírito. Porque
nel imos atopando sementes de vida, de esperanza, de superación de atrancos; e
desde el, e tendo en conta canto vimos de dicir, entendemos que significa a
experiencia de resucitar. Botemos fóra a idea de identificala con un revivir
corporal, e comecemos a vivir e a entendela como a vivencia máis profunda que
fai que as persoas saibamos dicir sempre: todo é posible, porque nada ten final
senón en Deus.
ü E quen é misericordioso
acostuma a ser unha persoa con capacidade non de pecharse en si mesma e só nas
súas cousas, senón de abrir horizontes para descubrir que ao seu lado hai
moitas causas e cousas polas que loitar; moitas persoas capaces de poñer a súa
vida a render a prol dos demais, de facer o seu traballo non só de xeito
responsable e ben feito, senón de saber agradecelo e compartilo creando unha
relación de xenerosidade e colaboración con quen ten ao lado; de non deixar que
os máis fortes abusen dos débiles, que os inxustos triúnfen e esmaguen aos máis
pequenos, que o fracaso triúnfe sobre a esperanza. Quen descubre a misericordia
como actitude fundamental da súa vida, o mesmo que Xesús, sabe chorar nas
ledicias e consolar nas tristuras, porque sabe que ante o don da amizade está
aquel que non renuncia a ser amigo de todas as persoas: Xesús de Nazaré.
FRATERNIDADE ORANTE
Sabemos,
Señor, que pos en todos nós, sementes de amizade e xenerosidade, por iso de
xeito comunitario agradecemos que nos invites a construír relación de igualdade
entre nós, e dicimos xuntos:
QUE FAGAMOS DA
MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
* Que cantos formamos a Igrexa acollamos as esperanzas e
os gozos, as tristuras e dificultades de cantos esperan de nós corazóns da
carne e non de pedra, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA
MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
* Que cantos formamos parte das nosas parroquias non
practiquemos nunca a indiferenza coas persoas que están preto, e esperan de nós
coherencia entre o que cremos e como actuamos,
OREMOS.
QUE FAGAMOS DA
MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
* Que persoal e comunitariamente fagamos sempre o
esforzo por coidar as relacións cos nosos amig@s, sen caer na tentación de
reducilas a un simple e puro interese en obter cousas, senón que o tempo, a
dedicación, os sorrisos, as palabras de ánimo... vaian sementando as nosas
relacións de amizade, para que cando sexa o tempo dean o mellor froito de
todos: a plenitude da esperanza ao lado de Deus,
OREMOS.
QUE FAGAMOS DA
MISERICORDIA FARO NA NOSA VIDA
Porque
queremos ser os teus amigos e amigas, sentímonos hoxe agradecidos por
invitarnos a valorar que a amizade sempre se ten que cimentar sobre a
misericordia e a igualdade. Que saibamos levar á nosa relación cos demais este
xeito de actuar e vivir. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Á persoa non é posible
desexala, porque cando desexas a unha persoa deixaches de amala como tal. Eu
non son unha cousa. Eu non son desexable nin indesexable. Son o que son e nada
máis. Ti chegarás a amar ás persoas en canto non che importe o que as persoas
son. O amor é impersoal. No amor non se mete a personalidade. O amor é, e flúe
polo medio de ti. Ti non o fabricas, e no amor a persoa queda a un lado. Por
iso o amor é libre e dispoñible. O eu é un impedimento para amar. Cando elixes
ou comparas, ou pides compensacións, é porque necesitas a esa persoa para
amarte a ti mesmo. E o amor non sabe de deberes nin de gratificacións, porque o
amor é gratuíto e libre. Ámote, quérote, necesítote, non podo vivir sen ti,
significan: agárrome a ti porque enches a miña necesidade e o meu apego. Iso é
egoísmo. O amor existe inda que non haxa ninguén alí. (A. De Mello)
CANTO GOZOSO
Amigos nas penas
LECTURAS:
Eu sei de quen me
fiei
OFERTORIO:
Douche grazas, Señor,
noso Pai
COMUÑÓN:
Non vou só
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario