Domingo 3 de Advento - ciclo A

DOMINGO III DE ADVENTO  -  CICLO A


Primeira Lectura          Is 35, 1-6a. 10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Virá o mesmo Deus e salvaravos
  
Que se alegren o deserto e mais a terra reseca,
que brinque de ledicia a estepa e que floreza!
Que, coma a lis, floreza abundantemente,
que brinque en exultante danza!
Concedéuselle a gloria do Líbano,
o esplendor do Carmelo e do Xarón.
Eles mesmos verán a gloria do Señor,
o esplendor do noso Deus.
Fortalecede as mans adormecidas,
e ponde firmes os xeonllos que tremen.
Dicídelles aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do  mudo cantará xubilosa.
E os rescatados do Señor volverán por ela,
entrarán en Sión con xúbilo,
felicidade eterna sobre as súas cabezas.
Conseguirán ledicia e felicidade,
pois o sufrimento e o pranto fuxirán.

               Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL        Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

R/. (cf. Is 35, 4): Ven, Señor, a salvarnos.
Ou: Aleluia.

O Señor failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.



Segunda Lectura           Sant 5, 7-10
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO
Afincade os vosos corazóns, porque está xa cerca a chegada do Señor.

Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará.
Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor.

                Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                            

ALELUIA        Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.


Evanxeo           Mt 11, 2-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Es ti o que ha de vir, ou agardamos a outro?

Naquel tempo, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
‑ Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulles Xesús:
‑ Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E ditoso quen non se escandalice de min!
Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
‑ Que fostes ver ao deserto?: unha cana abaneada polo vento?
Pois logo, que fostes ver?: un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, a que saístes?: a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:
Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.
Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.

       Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo



SER PACIENTES LÉVANOS A DESCUBRIR QUE AS COUSAS IMPORTANTES SEMPRE NECESITAN TEMPO PARA CALLAR.
CAMIÑEMOS CON PACIENCIA AO LONGO DESTE TEMPO DE ADVENTO!

SIGNO:

Penduramos da árbore un terceiro corazón, co que simbolizamos que estamos dispost@s a abrir o candado que deixe escapar canto non nos fai felices, para que entre a forza da palabra que renova e nos chama a cambiar as nosas actitudes. Neste terceiro domingo, a frase que escollemos é: “Tede paciencia, irmáns e irmás, deica a volta do Señor”.


PÓRTICO

En tempos de présa, a carta de Santiago lémbranos unha vez máis que é a paciencia a que nos axuda a descubrir onde están os alicerces da vida. As cousas que teñen que deixar pouso en nós, como lle ocorre á boa comida, necesitan tempo para irse facendo e asentando. E para isto as présas son sempre malas compañeiras.

Porque o Señor está a chegar, deixemos que este tempo de Advento vaia asentando en nós de xeito que cando chegue, nos atope preparados para acollelo. Do mesmo xeito que o Nadal, a pesares do que diga o neoliberalismo, non comeza en setembro senón o 25 de decembro, tampouco por moito correr as cousas van saír ben nin ser mellores. Cada cousa ten o seu tempo, e cada tempo é para o que é.

Deixemos que o tempo de Advento vaia preparando o corazón para celebrar un auténtico Nadal cristián.


PERDÓN

 Porque as présas non traen máis que ansiosa superficialidade, SEÑOR, QUE NON DESACOUGUEMOS COA PRÉSA.
 Porque nos falta alegría e nos sobra tristura, CRISTO, QUE NON DESACOUGUEMOS COA PRÉSA.
 Porque nos falta ánimo e nos sobran medos, SEÑOR, QUE NON DESACOUGUEMOS COA PRÉSA.


REMUÍÑO

• Collede ánimo, non temades. Velaí o voso Deus: Nos tempos que vivimos, cada día é maior o número de persoas que se senten tristes, sen horizonte. Persoas que afirman unha e outra vez que a vida non vale nada, que o que fan non ten sentido, que a rutina as vai engulindo pouco a pouco. Moitas destas persoas din que son crentes, mesmo participan en funerais, enterros, bautizos... ou na celebración do domingo. Que ocorre entón para que, manifestándose homes e mulleres de fe, Deus, e máis en concreto, Xesús e a súa mensaxe, non impacten nin ilusionen a súa vida?. Cómo pode un confesarse con conviccións de fe, se estas non inciden na súa vida de cada día, alentándoa, esperanzándoa ou indicándolle un camiño de sentido?. Non é que Deus se fora e nos deixase ao pairo. Non. El está sempre presente, nin cansa nin desmaia. Somos nós os que cansamos, os que imos con présa, os que non atopamos momentos ao longo do día para dialogar con El, para poñernos na súa man, para compartir desde unha oración viva e agradecida canto nos pasa e vivimos. Sempre é tempo para recomezar. Nunca é tarde para nada aos ollos de Deus. Collamos ánimo e non abandonemos o camiño.

• Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará: Quen é capaz de avanzar non con temor, senón con confianza, é tamén capaz de aprender a valorar e distinguir o importante do secundario. E algo fundamental, e polo tanto importante para un seguidor de Xesús, é non deixarse arrastrar polos problemas e dificultades. O fácil, o que podemos coller como primeiro recurso é deixarnos ir, abandonarnos diante das dificultades, e converter a nosa vida nun sensentido, como se todo dera igual, a nosa liberdade non existise e estiveramos predestinados de antemán. Se pensamos así, non é que non esteamos preto, senón que estamos moi lonxe daquilo no que, unha e outra vez, insistiu Xesús ao longo de toda a súa vida pública. Por iso, para un cristián as présas nunca son as mellores compañeiras na viaxe da vida; ao contrario, son a antítese –o oposto– do que debe ser o actuar e o vivir dun seguidor daquel que, encarnándose, asumiu a nosa condición humana. Camiñar na paciencia irá facendo de nós homes e mulleres con folgos suficientes para ir abrindo ocos na dureza do corazón que tantas veces se resiste a deixar atrás a dureza da pedra, para comezar o latexo dun corazón de carne. Que mellor que este tempo de Advento para ir facendo en nós esta conversión que fará posible acollelo cando chegue!.

• Mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño: Como moi ben nos di Xoán, el é o mensaxeiro que nos lembra constantemente que algo novo está a pasar, algo se está movendo ao noso redor, algo está comezando a xurdir. Tamén nós, coma Xoán, estamos a percibir este movemento que nos invita a cambiar e a abandonar rutinas e desganas?. Estamos desde xa preparando o camiño desta acollida?. Seremos capaces de romper cos costumes que nos impiden tantas veces descubrir que a fe é sempre esperanza e nunca costume; que a fe é convicción e non obriga; que a fe é acollida e liberdade e non imposición e discriminación?. Deixemos que a palabra de Deus nos ilusione sobre o que é importante e fundamental. Abandonemos canto nos fai cristiáns tristes, fanáticos, intolerantes ou resabidos.
Aínda temos moito tempo para facer esta viraxe na vida e no corazón, porque só estando en camiño poderemos prepararnos para acoller. Se non queremos poñernos en camiño, todo o que faremos son prácticas externas e rituais, pero pouco dispostas a prepararnos, desde a vida, para acoller ao amigo que chega: o noso Neno.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deus convócanos para que recemos xunt@s dicindo: QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR

 Para que saibamos construír, entre tod@s e sen discriminar a ninguén, unha Igrexa que acolle, escoita e se ilusiona con todo canto fai feliz ao ser humano, OREMOS. 
QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR
 Para que nos esforcemos por ser pacientes coas persoas que tratamos cada día; especialmente a xente da nosa casa, os nosos veciños e os nosos amigos, OREMOS. 
QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR
 Para que nós nos esforcemos por poñernos no camiño que converte o Advento en
tempo de conversión e o Nadal en experiencia de ledicia e esperanza, OREMOS. 
QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR

Grazas, Señor ,por invitarnos a rezar xunt@s desde a paciencia, e sabéndonos en camiño de transformación do corazón para acollerte cando chegues. P.XN.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Vén, Señor, salvarnos
e fai de nós salvadores.
Abre os ollos do noso corazón
co colirio do teu Espírito
para que sexamos luz do mundo.
Acende o noso corazón
co lume do teu Espírito
para que sexamos sementadores do amor.
Contáxianos a forza do teu Espírito
para que sexamos profetas de liberdade.
Únxenos co óleo do teu Espírito,
para que sexamos a túa medicina e o teu consolo.
Enriquécenos cos dons do teu Espírito,
para que nos deixemos evanxelizar polos pobres.
Dános a paixón do teu Espírito,
para que escoitemos, compasivos, ao irmán. Amén.


 (Caritas, Advento/Nadal 2013. páx.69)


 
CANTOS

• ENTRADA:
Volve, Señor
• LECTURAS:
Como che cantarei
• OFERTORIO:
Grazas, Señor, na mañá
• COMUÑÓN:
Vén axiña visitarnos


POWER POINTS



Comentarios

Publicacións populares