Domingo 2 de Advento - A Inmaculada

INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA
Solemnidade  -  Día 8 de decembro


Primeira Lectura  Xén 3, 9-15. 20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller
  
     Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:
     ‑ Onde estás?
     El respondeulle:
     ‑ Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.
     Preguntoulle o Señor Deus:
     ‑ Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?
     Respondeulle Adán:
     ‑ A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.
     O Señor díxolle á muller:
     ‑ Que é o que fixeches?
     E a muller respondeu:
     ‑ A serpe enganoume, e comín.
     Entón o Señor Deus díxolle á serpe:
     ‑ Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.
     O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.

   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4
R/.  (1a):  Cantádelle ao Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.



Segunda Lectura  Ef 1, 3-6. 11-12
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,
que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo,
para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,
por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,
para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,
por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

  Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   cf Lc 1, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alégrate, María, chea de graza, o Señor está
contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.
Aleluia.



Evanxeo   Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo
  

            Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
            O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
            ‑ Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
            Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
            ‑ Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
            Díxolle María ao anxo:
            ‑ Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
            O anxo respondeulle:
            ‑ O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
            Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
            Entón María dixo:
            ‑ Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
            E o anxo marchou de onda ela.


  Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo 



SABENDO DAS DIFICULTADES DO CAMIÑO, NON CAEMOS NA TENTACIÓN DE ABANDONAR. GRAZAS, SEÑOR, POR SEGUIR ABRINDO OS CANDADOS DO NOSO CORAZÓN!!!!!
TOMADO DE: 

SIGNO: Penduramos da árbore un segundo corazón, co que simbolizamos que estamos dispostos a abrir o cadeado que deixe escapar canto non nos fai felices, para que entre a forza da palabra que renova e nos chama a cambiar as nosas actitudes. Neste segundo domingo, a frase que escollemos é: “Non xulgará conforme ás aparencias, senón conforme á xustiza”.mos alegres á casa do Señor”.



PÓRTICO
Coa celebración deste segundo domingo de Advento, damos un paso máis nesta tarefa de ir deixando atrás todas esas cousas que nin nos fan ben nin nos axudan a sentir o gozo de acoller ao Deus que quere nacer no corazón de cada un/unha de nós. Tamén hoxe se nos vai invitar a abrir o cadeado do corazón para que deixemos que entre nel, de novo e sen cansar, a Palabra dun Deus que insiste unha e outra vez no feito de que para El somos importantes, que nos quere, que terma e se preocupa de nós. E iso só o poderemos entender se estamos dispostos a deixar atrás cousas que non axudan a que sexamos felices, mellores persoas e verdadeiros seguidores de Xesús.

Hoxe seremos invitados a participar na colecta abrindo o corazón ás situacións de dor e inxustiza dos países máis pobres. Concretamente, á nosa axuda queremos poñerlle rostro e lugar: as persoas que están sufrindo as consecuencias do tifón en Filipinas. Pero de nada nos valería colaborar con moito se logo na nosa vida seguimos facendo e comportándonos do mesmo xeito, sen cambiar as cousas que nin nos fan mellores nin felices.

Participemos entón con espírito aberto a deixarnos transformar pola Palabra que Deus nos dirixe neste domingo de Advento.

PERDÓN
        Por non deixar que a túa palabra entre e transforme o noso corazón, SEÑOR, ENCHÓUPANOS DO TEU AMOR.

        Por non permitir que os irmáns atopen en nós oídos que os escoiten e corazóns que os acollan, CRISTO, ENCHÓUPANOS DO TEU AMOR.

        Por non ser capaces de entender que só se renovamos as nosas actitudes poderemos vivir o Advento como tempo de cambio e liberación, SEÑOR, ENCHÓUPANOS DO TEU AMOR

REMUÍÑO
  • Porque, desde os ollos de Deus, imposible non é nada: as aparencias enganan, e moito. Se a vaca e máis o lobo poden pacer xuntos, cómo non imos poder entendernos?. Cómo dicimos que non somos capaces de superar as nosas diferenzas?. Cómo nos deixamos levar tan facilmente polo derrotismo que nos converte en tristes seguidores daquel que nos veu traer esperanza, alento, forza, enerxía e sentido para a vida?, Tomar en serio a vivencia da fe, ten que levarnos a saber distinguir a casca do núcleo, o accesorio do importante. A fe é confianza en Deus cando é auténtica e sincera, cando cambia vidas, cando abranda corazóns e transforma actitudes. A historia non fai máis ca recordárnolo. Por que somos tan duros de cabeza e corazón para non velo
  • Sentir a forza de Deus en nós. El é paciencia e consolo. E quen é capaz non só de vivir, senón de ofrecer estas dúas actitudes, non pode máis que querernos e preocuparse por nós. A falta de paciencia lévanos a que nos enfrontemos, a que digamos cousas dos demais que sabemos que nin son verdade nin lles fan ben. Alguén que só sabe esixir, e nunca consolar, non é capaz de entender o que é acompañar, escoitar, preocuparse do que lle pasa a quen está o teu lado e se sente triste e desacougado. Quen non é capaz de sentir con el/la a súa forza, non pode entender por que Advento é tempo de abrir cadeados e liberar amarguras que entristecen para construír achegamentos que escoitan e acompañan. Só desde esta acollida da súa palabra en nós, podemos ir dando pequenos pasos para ser a voz dos sen voz, a man de quen non se deixa dominar polo trato inxusto e o corazón para non permitir nunca que as persoas sexan asoballadas por quen manda ou se cre superior aos demais. Deus libera a través do noso compromiso pola liberación persoal e colectiva.
  • Convertédevos e acollede. As palabras de Xoán invítannos a esta transformación e cambio ao que o Advento nos chama. Se non somos capaces de deixar atrás todo canto sabemos que non nos axuda nesta conversión e neste cambio, volveremos caer na rutina e no baleiro dunhas vidas e dunhas celebracións que nin nos enchen persoal e espiritualmente, nin nos motivan a espertar do soño que nos fai aburridos, cansos e persoas tristes. Preparemos entón este camiño que nos leva a acoller a Deus, quen insiste unha e outra vez en quedar con nós, Endereitemos todos eses vieiros que nos fan ir co pé cambiado en tantas situacións e momentos da nosa vida; fagamos do Advento un tempo de conversión e cambio. En ninguén máis que nas nosas mans está o poder facelo. Desde María, no día da festa da Inmaculada, temos tamén un camiño aberto que nos vai mostrando que as cousas nin foron sempre así nin tampouco son inamovibles, e que a creatividade para vivir, celebrar e compartir a fe é unha actitude que ha estar sempre presente na nosa vida para superar o derrotismo e camiñar na esperanza.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Compartamos xuntos a oración como pobo de Deus que se reúne no nome do Señor que vén. Facémolo dicindo: 

QUE NON DEIXEMOS, SEÑOR, PECHADO O CANDADO DO CORAZÓN

        Para que toda a Igrexa viva este tempo de Advento como un momento de renovación que abra as pechaduras enferruxadas do egoísmo, da envexa, da preguiza e da rutina, OREMOS.

QUE NON DEIXEMOS, SEÑOR, PECHADO O CANDADO DO CORAZÓN 

        Para que nas nosas comunidades saibamos construír un clima de acollida, agradecemento e solidariedade preocupada de uns para cos outros, OREMOS.

QUE NON DEIXEMOS, SEÑOR, PECHADO O CANDADO DO CORAZÓN

        Para que cada un de nós aproveitemos este tempo de Advento como un tempo de revisión, renovación e cambio naquelas cousas da nosa vida que sabemos que non van ben e que non facemos nada para cambiar, OREMOS.

QUE NON DEIXEMOS, SEÑOR, PECHADO O CANDADO DO CORAZÓN

Grazas, Señor, por seguir invitándonos a abrir os cadeados do corazón para que entre a frescura da túa palabra. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

María:

O teu nome significa bendición e vitoria. 
Salve, María.

O teu nome é graza en plenitude. 
Chea de graza.

O teu nome é aurora na nosa noite. 
Bendita ti.

O teu nome é ledicia e canción. 
Que fermoso o froito que nos deches!

O teu nome é oración esperanzada. 
Deus sempre contigo.

O teu nome, proxecto de Deus anticipado. 
María grazas, esperanza nosa.

Amén.

                       (Tomado do Libro de Cáritas, Adviento y Navidad. 2013- 2014. 54)



CANTOS
     
      ENTRADA:
         Volve, Señor

      LECTURAS:
         Preparade o camiño ao Señor

      OFERTORIO:
         Aquí están Señor

      COMUÑÓN:
         Esa é María


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares