Cantádelle ó Señor un cántico novo, pois fixo marabillas - Salmo 97

Domingo 2 de Advento - ciclo A
Festividade da Inmaculada Concepción


GRAZAS, PAI, 
POR SANTA MARÍA

Grazas, Pai, grazas de todo corazón;
grazas por santa María, Nai de Xesús
e nai nosa na fe, no amor e na esperanza.

Grazas, porque a quixeches tanto
e a rodeaches enteira co teu agarimo e o teu poder
e a fixeches capaz dunha obediencia lúcida e decidida
á túa palabra, ás túas propostas,
sempre, ata a morte.

Grazas, Pai, por todos os amores se santa María,
polo moito que a ti che quixo e te serviu,
polo moito que quixo a Xosé, de moza e de casada,
polo moito que quixo, coidou e seguiu a Xesús,
polo moito que nos quere e serve a todos nós.

Grazas, en María, por toda a xente casada
que te honra construíndo unha familia,
que te enxalza gozando coa súa sexualidade,
que te serve colaborando no pobo, na comunidade.

Grazas, en María, por todos os célibes,
os que libremente pospoñen un amor inmediato
para quedar ao libre gusto de Deus e da xente.

Grazas en María por todos os mozos e mozas
que a prenden a amar e a amarse,
apreciando a sexualidade e o corpo todo
e decatándose tamén dos seus límites.

Grazas en María, por todos os mozos e mozas
que pensan orientar o seu amor
servindo totalmente aos máis precisados de amor na terra.

Graciñas de todo corazón, Pai,
por santa María,
por cada un de nós, por todos, graciñas.


Comentarios

Publicacións populares