Domingo 4 de Advento - ciclo A
DOMINGO IV DE ADVENTO CICLO A
Primeira Lectura Is 7, 10-14
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaí que dá a luz
Naqueles
días, o Señor volveulle falar a Acaz nestes termos:
"Pide
para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou
arriba nas alturas".
Respondeu
Acaz:
"Non
o pido, pois non quero poñer a proba o Señor".
Entón
dixo Isaías:
"Escoitade
vós, casa de David: Évos pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o
meu Deus? Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí que a virxe
está en cinta e dá a luz un fillo, ao que lle pon de nome Emmanuel (que
significa "Deus connosco").
Palabra do
Señor R/
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal
23, 1-2. 3-4ab. 5-6
R/. (7c e 10b): Entrará
o Señor: El é o rei da gloria.
Do Señor é a terra
e canto a enche,
o orbe e canto nel
habita.
El é quen a fundou
sobre os mares,
e quen a asegurou
sobre as correntes.
Quen poderá subir
ao monte do Señor?
Quen poderá quedar
no seu santuario?
O que ten inocentes
as mans e puro o corazón.
Ese recibirá
bendición do Señor,
e xustiza de Deus,
o seu salvador.
Así é a liñaxe dos
que o buscan,
dos que buscan a presenza
do Deus de Xacob.
Segunda Lectura Rm 1, 1-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Xesús Cristo,
descendente de David, Fillo de Deus
Paulo,
escravo de Cristo Xesús, chamado a ser apóstolo, escollido para o Evanxeo de
Deus, que El prometera antes por medio dos seus profetas nas Escrituras Santas,
e que trata do seu Fillo Xesús Cristo o noso Señor, que como home naceu da
semente de David, pero que polo Espírito santificador foi constituído Fillo de
Deus con pleno poder ao ser resucitado dos mortos, por quen recibímos o don de
ser apóstolos, para promovermos entre todos os pobos xentís a obediencia da fe,
en honor do seu nome, entre os que tamén estades vós, chamados por Xesús
Cristo.
A
todos os predilectos de Deus, que estades en Roma, chamados a ser santos,
deséxovos graza e paz de parte de Deus,
noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
Palabra do
Señor R/
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 1, 23
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Velaí que a virxe
concibirá e dará a luz un fillo;
e chamaranlle
Emmanuel, "Deus-connosco".
Aleluia.
Evanxeo Mt 1, 18-24
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xesús nacerá de
María, desposada con Xosé, fillo de David
O
nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e
antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo.
Xosé,
o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala
secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu
en soños, dicíndolle:
‑
Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida;
que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti
poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo
isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade:
a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e
poñeranlle de nome Emmanuel (que quere dicir "Deus connosco").
Acordou
Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo
á súa prometida.
Palabra
do Señor
R/. Loámoste, Cristo
e converteuse en encontro
SIGNO:
Penduramos da árbore o cuarto e derradeiro corazón no que está escrito o texto da Escritura. Neste cuarto domingo, a frase que escollemos é: “Non vos é pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o meu Deus?”.
Penduramos da árbore o cuarto e derradeiro corazón no que está escrito o texto da Escritura. Neste cuarto domingo, a frase que escollemos é: “Non vos é pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o meu Deus?”.
PÓRTICO
María e Xoán veñen alternando ao longo de
todo o Advento nas lecturas que imos proclamando nas celebracións. Hoxe aparece
de novas Xosé. Tamén para el aquela situación nova era un momento de
desconcerto: o que lle estaba a pasar a María descolocábao. A pesares disto,
non deixa de confiar. Para el, como para Xoán e María, aquela situación
abríalle un novo horizonte: no desconcerto é necesario aprender a confiar en
Deus, e así o fai.
A partir deste momento, anuncio e
acollida convértense nas dúas palabras que o axudan, como tamén nos poden
axudar a nós, a descubrir que hai detrás da afirmación: “creo en Xesucristo”.
Coma eles, tamén nós somos invitados a
anunciar e acoller ao Deus que, facéndose un dos nosos, encárnase para estar ao
noso lado, converténdose en compañeiro de camiño, tanto no sufrimento como na
ledicia da vida de cada un/ha de nós. Que este último domingo de Advento nos
achegue ás actitudes que María, Xoán e Xosé, souberon vivir e poñer ao servizo
de quen estaba preto., buscando levarlles o sorriso e o acougo que lles
faltaban.
PERDÓN
- Para que a nosa vida sexa un esforzo constante por irnos
poñendo no camiño de quen nos necesite, para tenderlle a nosa man, SEÑOR,
CONVÉRTENOS A TI.
- Para que nos esforcemos por non marcar nin distancia nin
diferenza cos que menos teñen e máis precisan de nós, CRISTO, CONVÉRTENOS
A TI.
- Polas nosa maneira de tratar aos que están máis preto de nós,
que moitas veces pon de manifesto a nosa pouca sensibilidade cara ao que
eles pensan ou fan, SEÑOR, CONVÉRTENOS A TI.
REMUÍÑO
- Nas lecturas do Advento aparécennos os catro grandes
protagonistas deste tempo: o profeta Isaías, que non cansa de invitar á
conversión, a deixar atrás todo canto nos vai facendo seres insensibles e
afastados de Deus; o precursor, Xoán, quen fixo da súa vida un testemuño
de anuncio sincero e solidario da chegada de Xesús. Para el estaba claro
que un novo tempo, unha nova xeira ía comezar, e non quería gardala para
si, senón que o proclamaba para que outros o puideran oír e escoitar. A
súa palabra non quería adormecer, senón espertar da medianía do que se
fixo sempre, do que estaba ben visto, da comodidade que dá a seguridade de
dominar e coñecer as cousas. Moi ao contrario, coas súas palabras, e tamén
coa súa vida, cousa que é importante non esquecer, Xoán convertíase en
referencia nada cómoda para os que mandaban. E así lle foi: cortáronlle á
cabeza, pois os poderosos non gustaban das verdades que dicía. Coma Xoán,
tampouco nós deberiamos ter medo a denunciar, coa palabra e coa vida, todo
canto imos vendo que non é servizo, senón abuso, silencio, engano,
coacción... e que vai facendo que os máis “vivos” -que non os máis listos
nin os máis traballadores-, aparezan diante da opinión pública coma os
grandes triunfadores e os grandes referentes a imitar. Xoán non deixa,
unha e outra vez, de denunciar estes comportamentos aparentes que o único
que fan é agochar a mediocridade de quen nin se esforza nin quere facer da
súa vida un referente de solidariedade para os demais.
- O terceiro gran protagonista dos textos que hoxe temos lido é
María. Se nos fixamos ben, tal e como nola descobre o Evanxeo, nada máis
lonxe dela que o arrouto, a irreflexión, o interese persoal ou o buscar
quedar ben. Todo o contrario: María, dicindo si ao plan de Deus,
complícase a vida. Unha complicación que lle traerá dor, tristura,
incomprensión e ter que ver as costas de cantos a rexeitaban. A pesares
disto, non recúa, non desanda o camiño nin se vai fóra do que pensaba que era
o mellor. O seu “fágase en min” é mostrar ben ás claras cal era a súa
opción fundamental e o camiño que estaba disposta a seguir... sen
importarlle nin os comentarios, nin o baleiro dos veciños nin a burla por
ser muller solteira. Vence prexuízos, cala bocas, e déixanos todo un
regueiro de actitudes de servizo e presenza que pon ben ás claras que, a
pesares das dificultades que sabía que lle ían vir enriba, estaba disposta
a seguir cara adiante nese plan de amor e salvación que Deus, desde o seu
si á encarnación do seu Fillo, nos estaba a ofrecer a toda a humanidade.
Por iso podemos dicir que o seu foi un si de subversión, revolucionario e
transgresor. Nada máis lonxe desa imaxe que nos teñen presentado de María
como muller dócil, dominada, submisa e obediente. Ao contrario: rompe o
molde do que era a muller naquel tempo, e comeza a presentar un novo molde
para quen queira ser muller e cristiá neste noso tempo. Un molde que se
vai conformando na liberdade, a igualdade, a independencia do varón e a
reivindicación e presenza da muller nos lugares e momentos importantes da
vida do seu Fillo. Que mellor testemuño para este remate do Advento que a
actitude de responsabilidade e liberdade que leva a María a acoller a
quen, desde o amor, abriu camiños de solidariedade sandante e esperanzada:
Xesucristo, a quen nós queremos acoller cando chegue.
- Con Xosé péchase o cadro que nos foi abrindo este tempo de
Advento. Neste cadro a súa persoa mostrase como confianza e sinxeleza. A
pesares de que non entende moi ben o que está a pasar, e que a súa
situación, como lle ía ocorrer a María, socialmente volvíase complicada (a
partir de agora estaría na boca, na burla e na crítica dos veciños), e se
queremos, tamén excluínte (deixaba de ser da grea, non fixera como terían
feito calquera dos seus veciños e isto convertíao nun ninguén). A pesares
diso, vence a tentación de escapar e acolle, escoita, comprende e acompaña
a María. Canto temos que aprender deste home!. Coma el, hoxe nós somos
invitados a non deixarnos levar dos prexuízos e a actuar desde as
conviccións, o que pensamos que debe ser, inda que os demais digan o
contrario. Ir contracorrente, ás veces, axúdanos a non esquecer en quen
temos que poñer a nosa fe. Unha fe que non é consumo, gasto nin sorriso
superficial, senón resposta esperanzada, solidaria e leda sabendo estar ao
lado de quen nos precise.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Respondamos, como
María, ao plan de salvación que Deus nos ofrece, tamén hoxe, a cada un de nós
dicindo:
QUE FAGAMOS DA
VIDA UN SI DE ESPERANZA
* Para que este tempo de Advento nos axude a ir deixando atrás prexuízos, actitudes de superioridade ou comportamentos que supoñan sometemento dos demais, para ser evanxelizadores da esperanza alí onde esteamos, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA
VIDA UN SI DE ESPERANZA
* Para que este tempo de Advento nos axude a ser nas nosas parroquias testemuñas de encontro, misericordia e perdón, porque só deste xeito faremos crible a fe que rezamos cada domingo en comunidade, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA
VIDA UN SI DE ESPERANZA
* Para que nos deixemos guiar das actitudes de María, Xosé, Xoán e o profeta Isaías, que foron capaces de perder medos para falar con liberdade e defender a dignidade e o respecto das persoas, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA
VIDA UN SI DE ESPERANZA
Grazas, Señor,
por chamarnos a poñernos no camiño de renovación que busca purificar o corazón
de canto o fai insensible diante da dor dos que temos ao noso lado. P.XN.S.
Amén.
Para a reflexión
Non é bo quedar nas beiras...
Entra na auga,
vai pouco a pouco,
non teñas présa.
Coñece, escoita, acompaña...
e sempre con atención,
con agarimo, sen présa.
Na auga hai moita xente
que pode precisar de ti.
Non lle deas as costas.
Abre os brazos, tende a man,
e nunca perdas pé.
Si o fas, a túa inseguridade
será a dos que están ao teu lado.
Mira ao redor,
bota un sorriso,
abre os teu brazos,
achégate que quen está só.
Coma El.
Coma Ela.
Que o teu si sexa de esperanza e solidariedade.
Sen medo e con confianza.
CANTOS
ENTRADA:
Volve, Señor
LECTURAS:
Xa nos tes aquí
OFERTORIO:
Na nosa terra
COMUÑÓN:
Vén axiña visitarnos
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario