FICHA E LECTIO: Domingo 2 de Advento B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 2
Escoitarmos os profetas
(6 de decembro de
2020)
Os profetas do Antigo Testamento eran renovadores das
tradicións e da fe do pobo. Xurdían sobre todo en tempos de crise política e
moral. Xoán Bautista foi un deles. A pesar da súa humildade, sobre todo en
relación co papel que lle estaba reservado a Xesús, o Bautista foi, como se nos
di que proclamou Xesús sobre el, o máis grande dos nados de muller.
Non deberiamos esquecer que tanto os profetas como
calquera que, en todo tempo ou lugar, proclame a necesidade de practicar o ben
ou que simplemente faga el mesmo o ben e se comporte como cómpre na súa vida,
todos eles, están a ser movidos polo espírito de Deus. Deus actúa sempre no
mundo por medio dunha ou doutra persoa. E todos deberiamos aguzar oído, vista e
corazón para escoitarmos, albiscarmos ou sentirmos os sinais que, dunha ou
doutra maneira, nos chegan del a nós por medio de tantas persoas boas. Porque
Deus é sempre o misterioso creador e sorprendente impulsor de todo ben que
ocorre na terra, e moitas veces de maneira insospeitada e inesperada para nós.
Hai xa anos que son empregadas polos técnicos e mais pola
xente (polo menos de oír de falar delas) unhas chamadas tuneladoras que
realizan un traballo moi complexo, furando debaixo da terra para construíren
con rapidez e comodidade grandes obras, como vías de trens, etc. Hai xa anos
furaron tamén aquí, nas proximidades de Vigo, para o AVE dúas destas
tuneladoras que coido lembrar que levaban nomes de dous candorosos animaliños:
unha o de “Miñoca” e a outra o de “Lebre”.
Pois ben, o Bautista era, na dimensión social e
relixiosa, algo así como unha desas máquinas, un proclamador e facedor de
grandes obras, no caso del obras morais. Viña sendo como un animador do
comportamento moral das persoas para que o Deus que estaba e está sempre a vir
non se atopase con tantos atrancos no súa vinda onda nós. O Bautista intentou,
de maneira semellante ó que hoxe en día fan os enxeñeiros e obreiros por medio
das mencionadas máquinas, achanzar o camiño moral para que, en definitiva, as
persoas e os pobos puideran vivir en paz e xustiza, unidos e irmandados entre
si.
O Advento é, como ben sabemos, un tempo dedicado a
preparármonos para a vinda de Deus onda nós. A vinda dun Deus, que naturalmente
está desde sempre xa onda nós, pero que se quere facer cada vez máis activo e
presente en todos e cada un de nós. Deus non forza ninguén a entrar no seu
Reino, mais non deixa por iso de nos convidar a cotío a un encontro cada vez
máis estreito con el.
Cada un de nós poderemos saber, ou polo menos sospeitar,
que tipo de atrancos lle poñemos de feito a Deus para que el se poida facer
verdadeiramente presente nas nosas vidas, no noso comportamento.
En calquera caso, non deberiamos enganarnos. O encontro
paternal e filial de Deus connosco, que se realiza con Xesús, non chegará a se
facer realidade verdadeira mentres non saibamos encontrármonos fraternalmente
con todos.
Por iso o “preparade o camiño do Señor, endereitade os
seus vieiros” do Bautista vén coincidir de feito co esforzo particular e
comunitario por derrubar barreiras e valados que entorpezan o camiñar das
persoas e dos pobos cara á súa liberdade, cara ó seu desenvolvemento, xeral e
particular, nos eidos cultural, social ou relixioso. Pois Deus só pode vir onda
nós e atoparse a gusto connosco cando vaiamos construíndo, el connosco e nós
con el, un mundo onde haxa xustiza, paz e entendemento mutuo. Porque, tal como
nos di o apóstolo Pedro, na Segunda Lectura, “nós, conforme á súa promesa (é
dicir, conforme á promesa de Deus), esperamos un ceo novo e unha terra nova,
onde exista a xustiza”.
Cara aí ha de camiñar o noso esforzo, individual e
comunitario. Cara a ese novo ceo e nova terra, que rexeitará como vello todo o
anterior, mais que certamente terá o seu asento na xustiza, no amor e na
igualdade ou fraternidade entre pobos, culturas, linguas e persoas concretas do
mundo enteiro. Gloriámonos moito e con razón da cantidade de adiantos técnicos que podemos advertir e
admirar durante os poucos anos de vida que vivimos. Do mesmo xeito, deberiamos
tamén desexar que os nosos adiantos cívicos e morais, que tanta relevancia
teñen para a felicidade das persoas e dos pobos, non tivesen un ritmo inferior.
O Bautista chamaba seguramente a atención dos seus
contemporáneos vivindo no deserto, vestindo e comendo pobremente. Por iso viña
tanta xente onda el. Nin ía campado con roupa de marca, nin podía convidar
ninguén a beber con el viños de selecta denominación de orixe. Para vivir
éralle abondo, como nos comenta o texto de Marcos, con se manter “de saltóns e
mel bravo”.
Mais non o dubidemos. O Bautista sentíase seguramente
feliz no seu papel de precursor do Señor, na súa tarefa de anunciar e proclamar
o ben, a xustiza e o arrepentimento polos malos comportamentos. El sabía que as
velas da súa barca estaban ben inchadas polo vento do Espírito de Deus e
aturaba así con paciencia e bo ánimo calquera contratempo que puidese xurdir. O
importante para el era saber que o vento de Deus era o que movía e impulsaba a
súa vida ó servizo de quen ía vir: o Mesías de Deus, o Deus feito home que se
convertería desde entón e para sempre en irmán maior noso, de cantos formariamos
parte da humanidade.
Traballemos, pois, individual e conxuntamente para que os
proxectos de Deus se vaian facendo realidade, cada vez máis ampla e intensa, no
noso mundo.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario