Novena á Virxe María - Día 6

 


Día sexto:

María, virxe oferente

 

Monición

Irmáns: Unha das actitudes do crente é a adoración a Deus e o obsequio sincero dunha vontade sempre disposta a facer o que o Señor pide. Non pode haber, polo tanto, contradición entre esta ofrenda persoal e os actos de culto e de oración.

Nisto María é un modelo para todos os fieis, e tamén para toda a Igrexa. María é exemplo da actitude coa que a Igrexa celebra e vive a liturxia, é dicir,daquela disposición interior coa que a Igrexa, estreitamente asociada a Cristo, seu Señor, o invoca e polo seu medio ofrece o culto ao Pai.

 

Palabra de Deus     Lc 2, 27-35

Movido polo Espírito, Simeón foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandato pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, loou a Deus dicindo:

 -Agora podes, Señor, segundo a túa promesa despedir en paz ao teu servo,porque xa os meus ollos viron ao teu Salvador, o que preparaches par a todos os pobos: luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel.

O pai e malla nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:

 -Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser bandeira de discusión; e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.

 

Reflexión

1.Todos coñecemos as duras palabras que Xesús adicaba aos fariseos, porque se contentaban cunhas prácticas externas, feitas sen un verdadeiro espirito interior. Nós, moitas veces, criticamos a esas persoas que practican moito e logo a súa relixiosidade non se traduce nas súas vidas. Este xuízo pode ser falso ou temerario. Pero, en que consiste o noso culto verdadeiro? Non é máis ca un cumprimento externo?

2.María e Xosé cumpriron con Xesús o que mandaba a Lei de Moisés, pero presentando a Xesús no templo continuaban a ofrenda fundamental que fixera o Fillo de Deus ao entrar no mundo: tamén o ofrecían ao mundo como salvador de todos.

3.María, especialmente, ten tamén unha vontade de oblación que se verá cumprida, conforme as palabras de Simeón, ao pé da cruz. Presente María na oblación do templo, que anticipa e dalgunha maneira completa a morte redentora, estará presente tamén na consumación do sacrificio; e estarao así mesmo na memoria viva da Igrexa, cando celebre e faga presente este sacrificio na Eucaristia.

 

Preces

 * Adoremos o noso Salvador na súa presentación no templo e digámoslle:

 -Que os nosos ollos, Señor, vexan a túa salvación.

 

* Cristo Salvador, ti que es luz para iluminar as nacións: ilumina aos que non te coñecen, para que crean no Deus verdadeiro.

 -Que os nosos ollos, Señor, vexan a túa salvación.

 

*Redentor noso, ti que es a gloria do teu pobo Israel: enaltece a túa Igrexa entre como nacións. -Que os nosos ollos, Señor, vexan a túa salvación.

 -Que os nosos ollos, Señor, vexan a túa salvación.

 

* Xesús o desexado de todas as nacións, de quen viron a salvación os ollos do xusto Simeón: atrae á túa salvación a todos os homes.

 -Que os nosos ollos, Señor, vexan a túa salvación.

 

Señor, na túa presenza foille anunciada a María, a túa Nai, unha espada de dor: dalles fortaleza aos que sofren tribulación no teu santo servizo.

 -Que os nosos ollos, Señor, vexan a túa salvación.

 

Cristo, benaventuranza dos santos, visto por  Simeón antes de morrer, como era o seu ardente desexo: móstrate para sempre a aqueles que, despois da morte, teñen sede da túa vida.

 -Que os nosos ollos, Señor, vexan a túa salvación.

 

Noso Pai que estás no ceo ...

 

Oración

Pai santo, no camiño da Igrexa peregrina na terra, puxeches como signo lucente á Virxe María. Pola súa intercesión acrece a nosa fe e reaviva a nosa esperanza, para que ningún atranco nos desvíe do camiño que nos leva á salvación.

Por Cristo, noso Señor.  Amén.

 

Comentarios

Publicacións populares