Este Nadal vainos salvar

 


Xabier Alonso Docampo*
TOMADO DO: Faro de Vigo 19/12/2020 

  

A celebración de Nadal deste ano é un reto para todos. Desbordan os comentarios en todos os eidos sobre números, condicións, normas e fronteiras municipais. Portas que se resisten a pecharse e fiestras que non pararán de abrirse. Fogares que amplían paredes e converten pequenos recunchos en espazos de encontro, aínda que so poida ser visual. Habitualmente en datas moi sinaladas as novas tecnoloxías quedan colapsadas coas felicitacións. Pois dando unha volta nesta situación non sei se tamén teremos que moderar as nosas mensaxes, porque se aínda a máis de que non podemos atoparnos, se non podemos falarnos, os niveis de tensión estarán por enriba do aconsellable.

 

Estamos a escoitar desde hai semanas que debemos salvar o Nadal. Pero tal e como nos vemos, mellor será recoñecermos que o Nadal vennos salvar a nós. Será posible un Nadal en familia, sen a escusa de que non aguanto a fulano ou mengano, neste ano temos oportunidade de escoller con quen quero estar. Que vou facer? Xa non podemos escusarnos en que temos que saír, porque cos amigos e colegas o paso mellor que na casa. Conforme os estudos a familia é a institución mellor valorada do noso país. Pois non ten perda, se as enquisas non enganan, non temos problema en estar xuntos.

 

Pero a creación de novos termos de relación, véxase conviventes, grupos burbulla, achegados, zonas restrinxidas, peche perimetral... e un longo dicionario dunha nova linguaxe, non impide que tamén lle deamos unha nova significación a outros. As distancias máis terribles non son so as físicas, senón as que nos aislan, nos pechan en nós mesmos, nos negan a posibilidade de encontro. Cáritas convida na campaña de Nadal a estarmos máis preto que nunca. Estar preto do que está so, do doente e do ancián. Estar preto do que vive na do ou na desesperanza. Estar preto dos que navegan polos mares ou transitan polas rúas, dos que dormen sen amparo. Estes son os personaxes do Nacemento que se debuxa cada ano no mundo. Naquela, hai ben máis de dous mil anos, tamén os pobres miraban as estrelas esperando un signo de esperanza, os que pasaban a noite ao raso espertaban a alborada dun novo amencer.

 

Nestas datas están cargadas de xestos significativos e afectivos que nos achegan á dor e o sufrimento dos máis vulnerables. Non son tempo fáciles para ninguén, pero son unha oportunidade para o cambio, para deixarnos transformar pola tenrura e a fraxilidade dun cativiño que nace no silencio da noite e na pobreza dun cortello de animais. Hoxe podes estar máis preto que nunca cunha aperta de corazón, cun compromiso sincero, coa doazón de ti mesmo como ofrenda aos pes do presebe.

 

Hoxe, máis que nunca, necesitamos de ti para ser xesto de fraternidade.

 

*Delegado Episcopal de Acción Caritativa social

da Diócese de Tui-Vigo

Comentarios

Publicacións populares