Novena á Virxe María - Día 5



Día quinto:

María, trono da sabedoría.

 

Monición

Irmáns: Oímos dicir moitas veces que a Xesús o atopamos sempre nos brazos de María. E entendemos estas palabras coma unha invitación de nos achegar a María, para que ela nos leve a Cristo e nolo mostre como llelo mostrou aos pastores de Belén.

   E é verdade. Porque ninguén como María e Xosé e os demais personaxes da infancia de Xesús estiveron tan preto del. Pero imos descubrir o segredo desta proximidade, desta familiaridade, que só é dada aos sinxelos de corazón e ós pobres de espirito.Xesús que é a Sabedoría infinita do Pai, non foi revelado aos sabios do mundo, senón aos que souberon ser humildes e recibir o Reino de Deus coma os nenos.

 

Palabra de DeusLc 2, 15b-19

Naquel tempo comentaban os pastores entre eles:

 -Vaiamos a Belén ver o que sucedeu e que o Señor nos manifestou.

Foron ás carreiras e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. Os que oíron, contaron todo o que lle dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón.

 

Reflexión

1.Moitas veces o home quere saber o porque das cousas, dos acontecementos. O seu espírito non se enche, e busca a verdade e esculca os principios para poder obrar rectamente. 

2.A sabedoría é, sen embargo, moito máis. No Antigo Testamento é algo que intervén na creación e na historia dos homes. Resulta algo semellante á revelación do Novo Testamento. A Sabedoría que, vén a poñer a súa morada no medio dos homes é a Palabra encarnada.

3. Xesús, é a Sabedoría, a revelación de todas ascousas, o camiño para ir ó Pai, que ten a paixón de estar cos casas. Onde encontraremos a Cristo? É preciso achegarse a el con sinxeleza, con pobreza: "Vinde a min todos os que estades cansos".

4. María, co seu Fillo nos brazos, móstranos a Cristo. A grandeza e a luz da divina Sabedoría do Pai envólvea tamén a ela. Una liturxia, cando celebra a gloria de Cristo-Sabedoría, canta e aplica tamén a María as palabras dos libros sapienciais.

 

Preces

* Glorifiquemos a Cristo, Palabra eterna do Pai, xerado antes dos séculos e nacido por nós no tempo, e aclamémolo dicindo:

 -Que se goce a terra, Señor, ante a túa vinda.

 

* Cristo, Palabra eterna, que ao vir ao mundo anunciácheslle a alegría á terra: alegra os nosos corazóns coa graza da túa visita.

 -Que se goce a terra, Señor, ante a túa vinda.

 

* Salvador do mundo, que co teu nacemento reveláchesnos a fidelidade de Deus nas súas promesas: fai que nós sexamos tamén fieis ás promesas do noso bautismo.

 -Que se goce a terra, señor, ante a túa vinda.

 

* Rei do ceo e mais da terra, que polos teus anxos anunciácheslles a paz aos: conserva as nosas vidas na túa paz.

 -Que se goce a terra, Señor, ante a túa vinda.

 

*Señor, ti que viñeches para ser a vida verdadeira que nos dese o froito da vida: fai que permanezamos sempre en ti e deamos froito abondoso.

 -Que se goce a terra, Señor, ante a túa vinda.

 

Noso Pai que estás no ceo ...

 

Oración

Deus, Pai de noso Señor Xesucristo, olla á Virxe María, que desenvolveu a súa existencia baixo o signo da gratuidade e da loanza. Concédenos o don da pregaria incesante e do silencio, para que toda a nosa vida cotiá se transfigure coa presencia do teu Santo Espírito.

Por Cristo, noso Señor. Amén.

 

 

 

Comentarios

Publicacións populares