FICHA E LECTIO: Domingo 4 de advento B
Palabra infante
(20 de decembro de
2020)
Imos ser
hoxe máis breves ca outras veces por dúas razóns distintas.
A
primeira, aínda que poida semellar algo simple, porque se dá a circunstancia de
que o texto do evanxeo de hoxe é o mesmo có da festa da Inmaculada Concepción
que celebramos hai só poucos días, o día 8 deste mes de Nadal. A segunda razón
é semellante. Porque resulta que o 4º domingo de Advento que hoxe estamos aquí
a celebrar cadra xa ben próximo á festividade do Nadal. E esta é unha festa na
que a Palabra con maiúscula ten o seu verdadeiro lugar. Pois, como lemos no
evanxeo de Xoán, “a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós”.
Ante a
presenza desta Palabra con maiúscula sobran case as palabras menores, con
minúscula, aínda que sexan coa loábel intención de falaren sobre ela. Polo
tanto podemos dicir que sobran tamén en certo modo estas palabras miñas. Así
como ante a presenza do sol, polo día, as estrelas se retiran modestamente da
escena, así tamén tódalas nosas pobres palabras deberían desaparecer ante quen
é a Palabra. Ante esa Palabra humana e ó tempo divina coa que Deus fala ó mundo
e á que lle damos o nome de Xesús. Unha palabra que lles fala ós grandes
(pensemos nos que chamamos os Reis Magos), mais tamén e de maneira especial ós
pequenos, representados popularmente non só naturalmente por María e Xosé,
senón tamén polos pastores, é dicir, polos sinxelos e humildes, os que viven tranquilamente
achegados á terra nai.
Son
estes días, os que preceden ó nacemento do Señor da Noite Boa, un tempo no que
non nos deberiamos deixar abouxar polo ruído ou balbordo que nos chega desde diversos
sitios, aínda que neste ano e por coñecidas razóns só sexa en ton menor. Porque
é posíbel que todo iso non nos deixe oír nidia a Palabra que vén de arriba,
mais que aparece aquí abaixo, na terra. Palabra tenra e balbucinte, por ela ser
unha Palabra in-fante, é dicir, que non fala. A Palabra é un Neno que acaba de
nacer, mais que está aí de feito realizando un potente e programático discurso
coa súa soa presenza. Unha presenza tan desconcertante como ben clariña. Deus
fala dende a febleza, dende a proximidade, dende o silencio da noite. Por iso,
para oílo e velo ben, temos que achegarnos moi preto del.
As
noites son tamén boas para pensar, para meditar, para lles dar voltas ás
cousas, para falar con sinceridade e amor coas persoas, tamén para escoitar a
Deus... Seguramente iso é así porque a Noite Boa é a Nai de tódalas noites. Da
bondade da Noite Boa participan tódalas nosas noites. Desa Noite Boa na que
María, despois de concibir no seu seo o
desexado de tódalas nacións, nolo deu a luz para a nosa alegría e felicidade.
Tamén nós deberiamos aprender desta Nai de Deus a sabermos concibir e amar a
Deus nos nosos corazóns e ofrecerllo, coas nosas palabras e as nosas boas
obras, ó mundo. Como fixo María na Noite Boa.
Na
primeira Lectura de hoxe dísenos que o rei David tivo unha feliz idea. El
vivía, para entendérmonos, nun bo chalé, nunha “casa de cedro” (que non estaría
nada mal) e parecíalle que non estaba ben que o Señor, que se facía presente na
Arca da Alianza, non tivese como casa máis ca unha pobre tenda. Tampouco ó
profeta Natán, ó que David lle comunicou tan xenerosa idea, lle parecía mal en
principio o proxecto do rei para a Arca da Alianza. Mais de noite (unha vez
máis nunha noite “boa”) o profeta cambiou de idea. E Natán faloulle ó rei David
dun futuro Reino, no que un descendente seu reinaría para sempre. Ese futuro
rei sería o propio Xesús, que tampouco tería casa para nacer, nin de cedro nin
doutra cousa. Iso si, tería un colo quente e cheo de agarimos dunha muller que
o querería e amaría como ningunha outra o sabería facer.
A
Noite Boa, co Neno Xesús, con María, con Xosé, co manso e humilde gando que
lles fai tamén compaña e lles dan calor, converteuse nun modelo imperecedoiro
de como se pode ser feliz aínda que se viva en épocas de carencias e de crises.
Do que, en calquera caso, non podemos prescindir é do amor: de sentírmonos queridos e de ofrecermos pola nosa parte axuda e amor a cantos non se senten queridos nin respectados na súa inalienábel dignidade de fillos de Deus e irmáns nosos. Feliz NOITE BOA!!
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario