FICHA E LECTIO: Sagrada Familia B
Familia como meta e orixe
(27 de decembro de 2020)
Estamos
no tempo de Nadal. Moi próximos aínda –este ano só dous días despois- a esa
escena tan familiar do nacemento do Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o
sol que co seu resplandor fai case desaparecer lúa e estrelas que están arredor
del. Refírome a María, a Xosé, ós pastores e ó agarimoso gando doméstico que a
tradición coloca á súa beira.
Mais
os que están á beira de Xesús son, pese a todo, algo esencial na primeira
mensaxe de Xesús ó mundo coma fillo benquerido do Deus Pai. Pois a Palabra
derradeira de Deus Pai á humanidade non se fixo escoitar no mundo dunha maneira
illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de nacer e de vivir. Ela
aparece, polo contrario, en familia, formando familia, no seo e no agarimo
dunha familia. O Deus cristián, que é Pai, Fillo e Espírito, é e existe xa
desde sempre en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para nós, con
trazos familiares. Este Deus trinitario noso é así un determinado xeito, o máis
misterioso e fondo que se pode concibir, de vida familiar. Un marabilloso modo
de ser e de vivir en unidade e diferenza, modelo máximo e supremo da vida
humana, que del procede.
Cando
Xoán se atreve a definirnos ou describirnos como é Deus, dinos que el é “amor”.
Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o que isto quere dicir se Deus
fose en si mesmo un ser solitario, un eremita, algo que no interior de si mesmo
non estivese relacionado con ninguén. Por iso entendemos (se é que podemos
falar así) algo mellor a Deus como amor se se nos di que Deus é en si mesmo un
Deus en tres persoas, por máis que isto non suprima senón que agrande aínda
máis o misterio do noso Deus. O misterio da que chamamos a Santísima Trindade.
Familia
significa pluralidade na unidade. O que crea esta unidade e pluralidade é
precisamente o amor. Como vedes, a festa que celebramos hoxe da Sagrada Familia
lévanos en principio máis alá do misterio concreto do nacemento de Xesús no seo
dunha familia concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios ou
recursos que lles sobran ás familias ricas e poderosas, mais que é abondosa en
algo que, se non se ten, de pouco lles serven a elas en último termo eses
outros medios e recursos exteriores. Se algo ten esta primeira familia formada
por María, Xosé e o Neno, é precisamente o amor co que se queren. Nisto non
poden ter envexa a ninguén. Un amor que é a cara e o corazón de Deus mesmo. Por
iso esta familia de Nadal é verdadeiramente “sagrada”: a “Sagrada Familia” que
estamos a celebrar.
Chámame
bastante a atención que na primeira Lectura, do
libro do Eclesiástico, se fale moito das bondades que trae consigo o
amar, respectar, atender ou honrar os pais (tanto nai coma pai). En cambio, non
se comenta para nada nela o feito de que para que os fillos amen, respecten ou
honren os pais é preciso que antes os pais os amen e queiran abondosamente.
Para aprender a amar hai que recibir antes moito amor. Non se lle pode esixir
amor a ninguén, se antes non recibiu amor. Os fillos só poderán amar os seus pais
se experimentan a cotío o seu amor continuo, o seu coidado, o seu agarimo. É
así como se constrúe unha verdadeira familia, unha familia na que todos os seus
membros se atopan a gusto, unidos, e na que, ó tempo, se recoñecen, respectan e
queren como diferentes.
Precisamente
por iso, no terreo máis directamente relixioso, para podermos ter inclinación e
forzas para amarmos a Deus, precisamos tamén coñecer e experimentar antes o
moito que Deus nos quere e nos ama. Deste xeito, por exemplo, se aprendemos a ver
no Xesús de Nadal a proba concreta do amor que Deus Pai nos ten ó el nos dar o
seu Fillo benquerido, entón sentirémonos fondamente movidos a amar a Deus, o
seu fillo Xesús e os irmáns e irmás do mundo enteiro.
Só
así, experimentando o amor que Deus nos ten, seremos quen de formarmos entre
todos unha familia semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén,
en último termo, a esa familia orixinal e primeira que Deus mesmo é. Desde
estas consideracións, é ben doado comprender o programa que Paulo pon diante
nosa na súa carta ós Colosenses: “revestídevos de sentimentos de misericordia,
de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros
e perdoádevos... Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais,
non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto pode ser visto como unha verdadeira
revolución nuns tempos nos que, por exemplo, a muller adoitaba ser considerada
como algo inferior e subordinado ó varón e no que a importancia do amor ós
fillos tardaría aínda moitos séculos en ser descuberta.
Algo
que, polo que se ve, continúa aínda a ser revolucionario nos tempos actuais, a
xulgar pola sorpresa e admiración da xente cando o papa Francisco nos fala da
importancia da “tenrura” e do cariño, que el mesmo practica un día si e outro
tamén con enfermos, pobres ou xente carente de recursos materiais. Francisco
xustifica este seu comportamento co que nos di na súa “Exhortación” que leva
como título “A alegría do evanxeo”. Dísenos alí: “Todo ser humano é obxecto da tenrura infinita do Señor, e El mesmo
habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu precioso sangue na cruz por esa
persoa. Alén de toda aparencia, cada un é inmensamente
sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega. Por iso, se consigo axudar
a unha soa persoa a vivir mellor, iso xa xustifica a entrega da miña vida”.
Como
vedes, o papa Francisco fala aquí de que toda persoa é “inmensamente sagrada”.
De modo que non nos debemos limitar a considerar “sagrados” unicamente os
membros, Xesús, María e Xosé, da chamada “Sagrada
Familia”. Para Francisco, como para Xesús, “sagrados” somos todos, alén da nosa
aparencia exterior. Así como bicamos unha reliquia ou unha imaxe relixiosa, con
moita máis razón deberiamos facelo cun enfermo ou un leproso. Así o fai polo
menos quen está aí, como bispo de Roma, aprendéndonos a nos comportar como
verdadeiros cristiáns, como seguidores dese Xesús que se fixo irmán de todos.
Que esta festividade entrañábel da Sagrada Familia nos axude a profundar na
nosa fe, esperanza e amor mutuo como membros dunha mesma familia que somos ou
estamos, polo menos, chamados a ser.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario