DOMINGO III DE ADVENTO
Primeira Lectura Is 61, 1-2a. 10-11
Alegrareime con gran gozo no Señor
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O Espírito do Señor, Deus, está sobre min, porque o Señor me unxiu.
Mandoume anunciar a boa nova aos pobres, curar os de corazón esnaquizado,
proclamarlles aos cativos o indulto e aos presos a liberación,
e promulgar un ano de grazado Señor e o día do rescate do noso Deus.
Exulto ledo no Señor,
e a miña alma relouca no meu Deus,
por me vestir con roupas de salvación
e me envolver co manto da xustiza,
coma noivo cinguido con coroa,
coma noiva que se adorna coas súas xoias.
Pois, como a terra fai saír os seus gromos,
e como un horto fai brotar as súas sementeiras,
así o Señor fará brotar a xustiza,
e a loanza ante todos os pobos.
Palabra do Señor R.:Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54
R.: (Is 61, 10b)A miña alma exultará no Señor, meu Deus.
Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alégraseme o espírito en Deus, o meu Salvador.
Porque reparou na humillación da súa escrava.
Desde agora chamaranme ditosa todas as xeracións,
porque fixo marabillas en min o Poderoso;
o seu nome é Santo.
A súa misericordia chega xeración tras xeración
a todos os que o temen.
Aos famentos encheunos de bens,
e aos ricos despediunos baleiros.
Amparou a Israel, o seu servo,
lembrándose da súa misericordia.
Segunda Lectura 1 Tes 5, 16-24
Gardade a vosa vida, o voso espírito, o voso corpo para a chegada do Señor
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOSTESALONICENSES
Irmáns:
Estade sempre alegres. Orade constantemente.
Dade grazas en todas as ocasións, que isto é o que Deus quere de vós como cristiáns.
Non apaguedes o Espírito, non desprecedes as palabras inspiradas.
Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo.
Afastádevos de toda especie de mal.
Que o Deus da paz vos santifique totalmente,
que todo o voso ser—espírito, alma e corpo—
se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo.
Pois o que vos chama é fiel, hao facer.
Palabra do Señor R.:Grazas a Deus
ALELUIA Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min,
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.
Evanxeo Xn 1, 6-8. 19-28
No medio de vós está aquel a quen non coñecedes
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán.
Este veu de testemuña para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén
sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar:
— Ti quen es?
El declarou e non negou. Declarou:
— Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
— Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
— Non son.
— Es o profeta?
Respondeu:
— Non.
Daquela dixéronlle:
— E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron. Que dis de ti mesmo?
El dicía:
— Eu son a voz do que clama no deserto, “endereitade o camiño do Señor”, como escribira o profeta Isaías.
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
— Entón, por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
— Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; o que vén detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.
Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario