NADAL 2020
Esperabámoste grande...
e vés como neno pobre.
Esperabámoste noutro momento...
e vés á túa hora, no silencio do tempo.
Esperabámoste nun lugar...
e escolliches o último recuncho.
Esperabámoste como Deus...
e vés, Deus, feito home débil.
Esperabámoste,
e non sei se te esperabamos,
porque nos custa recoñecerte...
Porque non es o que criamos...
Porque "es o que es".
Deus que vén.
Deus que está.
Deus-con-nós.
Deus anunciado polos profetas.
Deus humilde.
Deus diferente.
Deus, sempre Deus, sorprendente.
Anónimo
-------------------------------------------------
Deus é un neno
(25.XII.2020)
Hoxe
está de aniversario aquel a quen queremos seguir os cristiáns mais tamén
calquera persoa de boa vontade que no fondo do seu corazón ama a practica canto
amou e practicou Xesús, o Cristo, o Fillo de Deus, que nun día coma hoxe entrou
na historia humana facéndose así verdadeiramente irmán noso. Co comezo do seu
vivir humano viñemos á vida en certo modo tamén todos nós en canto cristiáns.
Xesús
segue vivo. Morrer, o que se di morrer, el nunca morreu. De modo que segue a
vivir. El dicía que era a Vida. Como podería morrer a Vida? Imposíbel. E se
segundo as nosas categorías ou o noso modo normal de pensar morreu, en
realidade habería que dicir máis ben que o mataron, non que morreu. E morrendo
desa maneira converteuse en vida para sempre, para el e para todos nós. Podemos
ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque
morrer, o que se di morrer, tampouco nós morreremos se é que cremos na mensaxe
que nos trae o Neno de Belén.
Parece
que na festa de Nadal non habería que falar de morte ou cousas así, porque
xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu insuflar
tamén vida en todos nós. E, porén, a liturxia deste día faino, polo menos
indirectamente. Cando despois da comuñón recitemos a oración final, chamada
pos-comuñón, diremos alí: “Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer
hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que el nos conceda tamén o don da
inmortalidade”.
Isto
quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada
para sempre na nosa natureza mortal algo así como a vacina ou o elixir da
inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará
de existir), ó poñer con Xesús a súa tenda entre nós, como se nos di no evanxeo
de Xoán, ó se unir en Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da
súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en
pequenos deuses inmortais... Estas son as marabillas de Deus, porque –tal como
lle informaba o anxo da Anunciación a
María- “para Deus non hai imposibles”.
Claro
que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós,
queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén
se fai hoxe irmán noso e que nos converte en inmortais, é unha angueira cotiá,
que terá certamente boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús,
pedíndollo ó tempo a Deus Pai. De feito, acabamos de llo pedir na primeira
oración da Eucaristía desta festa de Nadal así: “Deus, noso Pai, fainos
participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade”.
Agora
ben, ¿que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que
debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de
Deus?
Pois
significa algo que en si mesmo non deixa de ser verdadeiramente paradoxal. Cando Deus se encarna en Xesús, iso quere
dicir que temos aí diante, no Neno Xesús, un Deus humanizado. Xesús é home
verdadeiro e Deus verdadeiro. En consecuencia, participar na divindade de Xesús
é participar nesa divindade humanizada. Iso significa que se queremos ser
verdadeiramente divinos (e todos o queremos dunha ou doutra forma), temos que
ser verdadeiramente humanos. E, desde logo, semella que non debe de ser moi
doado iso de convertérmonos en verdadeiramente humanos cando Deus tivo que se
facer el mesmo humano coma calquera de nós para aprendernos así a sermos
humanos de verdade.
Porque
sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos ós demais, querer e
amar tódalas persoas, sobre todo as que máis precisan dese aprecio e dese amor,
romper coas desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos
que sofren e alegrarse cos que se alegran.
Todo
isto está incluído na incríbel e universal mensaxe do Nadal do Señor.
Como
andan as cousas da nosa sociedade despois de tantos anos da vinda humana e
humanizadora de Deus onda nós? Non fai falla darlle moitas voltas ó tema para
decatármonos de que queda aínda moito por facer para que os seres humanos nos
parezamos de verdade ó Deus humanizado do Nadal no noso comportamento cos
demais. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade deben mellorar
aínda moito para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa en nós á
súa realización.
Pois
dunha sociedade só se poderá dicir que é verdadeiramente humana cando, á
semellanza do que se nos anuncia no Nadal, hai nela fe e ilusión no futuro,
porque os nenos (coma o Neno Xesús) son precisamente ese futuro que vai vir.
Cando os matrimonios poden ter fe e esperanza no seu futuro e no dos seus
fillos. Cando os nenos bulen polas rúas e hai máis rapaces e mozos ca xente
coma min ou algúns de vós, xa bastante eivados polos anos. Cando sexan máis os
que nacen cós que nos deixan.
Unha
sociedade é verdadeiramente humana, cando hai nela máis alegría, ilusión e
traballo ca medo ou angustia por non atopar nela o lugar para se desenvolver
como é debido. Cando estranxeiros, emigrantes e pobres son aceptados como
irmáns de Xesús e irmáns nosos. Cando todos cantos formamos parte dela sexamos
respectados nos nosos dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou
relixiosos. Cando se inverte máis en educación, sanidade, etc. que noutras
cousas supostamente máis importantes.
En
fin, unha sociedade é máis humana e, polo tanto, tamén máis divina cando se
amosa sensíbel e aberta á palabra derradeira que Deus dirixe ó mundo no Neno de
Nadal. Cando é capaz de celebrar agradecida esta festa de Nadal. Celebrémola,
pois, agradecidos, sentíndonos unidos á humanidade toda, destinataria desta
Palabra. FELIZ NADAL!!!
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario