Novena á Virxe María - Día 7
Día sétimo:
Santa María, Nai da Igrexa
Monición
Irmáns: Todos sabemos que nos símbolos do principio da historia dos
homes, cando Adán se afastou da vontade divina, había unha muller, Eva,
compartindo con el a súa desobediencia e xogando un papel decisivo na mesma.
Era a nai da humanidade pecadora. Así tamén, cando chegou a hora de Xesús, o
momento supremo de redimir o home, Cristo tivo unha muller asociada á súa obra,
tomando parte na tarefa de alumear unha nova creación e un novo tipo de home. Xunto
á cruz, María realiza unha nova dimensión de ser nai da humanidade redimida,
nai da Igrexa.
Palabra de Deus Xn 19, 25 -27
Ó pé da cruz de Xesús estaban a súa nai e a irmá da súa nai, María, a
de Cleofás, e mais María, a Madalena. Xesús, vendo á súa nai, e onda ela, ao
discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
-Muller, velaí ó teu fillo.
Despois díxolle ó discípulo:
-Velaí á túa nai.
Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.
Reflexión
1.Nada hai tan fecundo como a participación na dor dos demais. Isto leva a buscar formas de solidariedade, de axuda ou servizo. E fai tamén que a dor se troque en alegría e esperanza, en vida.
2.Dentro da desgracia inicial do home, Adán, cando se afastou de Deus polo primeiro pecado, causando para el e para toda a humanidade a perda da graza e dos outros dons cos que Deus o creara, Deus introduciu un motivo de esperanza en Eva, a nai dos viventes: una súa descendencia vencería para semper o pecado e maila morte.
3.Cando a Xesús lle chega a súa hora, o momento cumio da súa vida, para salvar o home, ten xunto a si á nova Eva, a Muller, que terá unha participación activa na súa paixón redentora.
4.Xesús non só confía ao discípulo o coidado da súa nai, senón que lle
encomenda que a reciba como a súa nai e tamén de todos os discípulos e da
Igrexa. Dirixíndose a María, confiáballe a custodia maternal da comunidade
cristiá. A vinculación deMaría coa obra redentora, na dor da paixón, une para
sempre a María coa Igrexa, que a venera e invoca como a Nai amantísima.
Preces
-Que a túa Nai, Señor, interceda por nós.
* Sol de xustiza, a quen a Virxe Inmaculada precedeu como aurora lucente:
fai que vivamos sempre iluminados pola claridade da túa presenza.
-Que a túa Nai, Señor, interceda por nós.
* Verbo eterno do Pai, que elixiches a María como arca incorruptible da
túa morada: líbranos da corrupción do pecado.
-Que a túa Nai, Señor, interceda por nós.
* Noso Salvador, que quixeches que a túa Nai estivese xunto a cruz, pola
súa intercesión: concédenos compartir con alegría os teus padecementos.
-Que a túa Nai, Señor, interceda por nós.
* Xesús que, colgado na cruz, décheslle a Xoán por nai a María: fai que
nós vivamos tamén coma fillos seus.
-Que a túa Nai, Señor, interceda por nós.
Noso Pai que estás no ceo ...
Oración
Deus todopoderoso, ti derramaches o Espírito Santo sobre os apóstolos reunidos en oración con María, a Nai de Xesús e nosa Nai. Concédenos, pola intercesión da Virxe, que nos entreguemos con fidelidade ao teu servizo e pregoemos a gloria do teu nome co testemuño da palabra e mais da vida.
Por Cristo, noso Señor. Amén.
Comentarios
Publicar un comentario