FICHA E LECTIO: Domingo 3 de Advento B

 FICHAS ANTERIORES


LECTIO:

Profeta humilde

 (13. XII. 2020)


       O próximo domingo é xa o último domingo de Advento, antes da festa do Nadal, e Xoán Bautista segue hoxe tamén a nos preparar para o encontro co Señor do Nadal.

       Viamos estes días pasados que os profetas eran os que removían as inercias e pasividades de crentes e non crentes. O evanxeo de Xoán alude hoxe ós representantes da que poderiamos chamar, para entendérmonos, a igrexa xerárquica daquel entón: os sacerdotes e levitas do xudaísmo. Se ve que eles estaban preocupados, se cadra tamén un pouco molestos, polo feito de que algunhas persoas, non pertencentes ó estamento oficial e dirixente do xudaísmo, semellasen interferir dalgunha maneira nas súas funcións. Entre elas Xoán Bautista era sen dúbida o máis importante. El non exercía funcións relacionadas co culto do templo, non era sacerdote nin levita. E, a pesar diso, predicaba ó pobo, movía a xente a se arrepentiren e bautizaba os que se achegaban a el coa auga do Xordán, anunciándolles a próxima chegada do Mesías.

       Desde logo non deixa de ser curioso e tamén algo desconcertante o feito de que o Deus Pai do noso Señor Xesús Cristo e Pai noso utilizase para preparar a chegada do seu Fillo onda nós, utilizase –digo- persoas que estaban máis ben á marxe dos que poderiamos chamar os seus representantes “oficiais”. Porque Xoán Bautista vivía no deserto e de forma distinta e tamén bastante distante dos considerados oficialmente relixiosos. Unha vez máis, amósasenos Deus tamén aquí sorprendente. El é meirande cás redes e conceptos cos que inutilmente queremos entendelo ou comprendelo de modo conceptual.

       Ante o estraño caso do Bautista, ós sacerdotes e levitas do xudaísmo semella que non lles quedaba outra opción que intentar controlar as cousas e, en primeiro lugar, mandar intermediarios para se informaren exactamente sobre quen era el e que era o que facía. “Os xudeus mandaron de Xerusalén –dísenos no texto de Xoán- sacerdotes e levitas onda el”, onda o Bautista, para lle facer unha serie de preguntas.

       E resulta que Xoán Bautista -contra o que eles podían sospeitar- lles responde, con toda claridade e humildade, que el non é nin o gran profeta Elías que volvera á vida, nin o Cristo-Mesías, nin tan sequera posúe estritamente a categoría de “profeta”.

       O Bautista era, si, tal como se nos di, “testemuña da luz”. Como a lúa de noite é testemuña do sol que está sempre a vir e que nela se reflicte. A lúa non é a “luz”. A lúa non é o “sol”. Mais esa lúa chea, que podemos contemplar tan fermosa nalgunhas noites, podería dicir de si mesma, coma o Bautista, que ela é testemuña do sol. Porque do sol recibe ela a súa luz e, co seu resplandor, por limitado que sexa, anuncia que o sol está oculto, mais existe e vai xurdir dentro de máis ou menos horas co abrente do próximo día.

       A humildade do Bautista é así a da lúa, que sabe ben que, se pode iluminar, tal poder non é seu. Ela non fai máis ca actuar coma voceiro ou reflexo do sol. Ela prepáranos para podermos recibir o sol. O sol é, desde logo, un símil moi axeitado do que Deus é. Coa súa luz, que procede del mesmo, posibilita a vida, a calor e a capacidade de saber onde estamos e onde imos.

       Mais coido que hai aínda algo moi importante. O Bautista di de si mesmo que é “testemuña da luz”. El anuncia e fai presente, á súa maneira, a luz. Nós non somos quen de ollarmos directamente cara ó sol, porque a súa luz é excesiva e poderiamos incluso quedarmos cegos. E de aquí proveñen, como ben sabedes, as precaucións que cómpre tomar se queremos observar unha eclipse solar.

       Pois ben, resulta que Deus-Pai vai facer un prodixio incríbel para que o poidamos ollar sen quedarmos cegos, “sen morrermos”, como se le no Antigo Testamento cando, despois de ter algún profeta ou vidente unha experiencia de Deus por medio dun anxo ou doutra maneira, se di que tiñan medo a morreren porque viran a Deus.

       Cal é, pois, ese prodixio? O prodixio non é nin máis nin menos ca Xesús de Nazaret. Ollándoo ou contemplándoo estamos a ver realmente a Deus sen quedarmos cegos ou morrermos. É bo lembrarmos unha vez máis daquilo que el dixera: “quen me ve a min, ve o Pai”. Polo tanto, se queremos ver a Deus, vexamos, ollemos, contemplemos ese Xesús de Nazaret, imaxe viva e perfecta do Pai, que vai nacer no Nadal.

       O Bautista mesmo está a anunciárnolo tamén cando no evanxeo de Xoán se nos di que el, o Bautista, era ”testemuña da luz”. El non é a luz, mais anúncianos a luz. E aquí está, como digo, o incríbel. Porque ¿onde está esa luz divina que se poida ver? Cando os enviados polos xudeus lle fan ó Bautista a última das preguntas, a de por que entón el bautiza se non é nin Elías, nin o profeta nin o Cristo, el responderá: “Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes, do que non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia”.

       É dicir, a luz visíbel de Deus está entre nós, aínda que non a coñezamos. Dado que a luz invisíbel de Deus non pode ser vista, Deus Pai fíxose nel visíbel, e de maneira verdadeira e perfecta. Deus está xa que logo realmente “entre nós”. Agora entendemos por que Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. E por iso nos resulta difícil recoñecelo, porque a Deus con frecuencia o imaxinamos estando onde non está (alá arriba, na estratosfera ou non sei onde...). Non. Deus está aquí, connosco –á maneira dun pequeno vagalume- ó el se ter feito un de nós, converténdose en irmán noso. Agora poderemos entender tamén por que el considerará o que lles fagamos ou deixemos de facer ós nosos irmáns como algo que lle fixemos ou deixamos de facer a el mesmo.

       Neste sentido, podemos dicir con verdade que, así como Xesús é a luz visíbel de Deus Pai, así tamén son e serán sempre os pobres e necesitados a luz visíbel de Xesús alén do tempo histórico ou biográfico en que el viviu.


Manuel Cabada Castro




VER TAMÉN:




Comentarios

Publicacións populares