CARTA APOSTÓLICA PATRIS CORDE
CARTA APOSTÓLICA
PATRIS CORDE
DO SANTO PAI FRANCISCO
CON MOTIVO DO 150.° ANIVERSARIO
DA DECLARACIÓN DE SAN
XOSÉ COMO PATRÓN DA IGREXA UNIVERSAL
Con corazón de pai: así Xosé amou a Xesús, chamado nos catro Evanxeos «o fillo de Xosé»[1].
Os dous evanxelistas que evidenciaron a súa figura, Mateo e Lucas, refiren pouco, pero o suficiente para entender que tipo de pai fose e a misión que a Providencia lle confiou.
Sabemos que foi un humilde carpinteiro (cf. Mt 13,55), desposado con María (cf. Mt 1,18; Lc 1,27); un «home xusto» (Mt 1,19), sempre disposto a facer a vontade de Deus manifestada na súa lei (cf. Lc 2,22.27.39) e a través de catro soños que tivo (cf. Mt 1,20; 2,13.19.22). Despois dunha longa e dura viaxe de Nazaret a Belén, viu nacer ao Mesías nun pesebre, porque noutro sitio «non había lugar para eles» (Lc 2,7). Foi testemuña da adoración dos pastores (cf. Lc 2,8-20) e dos Magos (cf. Mt 2,1-12), que representaban respectivamente o pobo de Israel e os pobos pagáns.
Tivo a valentía de asumir a paternidade legal de Xesús, a quen deu o nome que lle revelou o anxo: «Ti poraslle por nome Xesús, porque el salvará ao seu pobo dos seus pecados» (Mt 1,21). Como se sabe, nos pobos antigos pór un nome a unha persoa ou a unha cousa significaba adquirir a pertenza, como fixo Adán no relato da Xénese (cf. 2,19-20). No templo, corenta días despois do nacemento, Xosé, xunto á nai, presentou o Neno ao Señor e escoitou sorprendido a profecía que Simeón pronunciou sobre Xesús e María (cf. Lc 2,22-35). Para protexer a Xesús de Herodes, permaneceu en Exipto como estranxeiro (cf. Mt 2,13-18). De regreso na súa terra, viviu de maneira oculta no pequeno e descoñecido pobo de Nazaret, en Galilea «de onde se dicía: “Non sae profeta ningún ” e “non pode saír nada bo” (cf. Xn 7,52; 1,46) », lonxe de Belén, a súa cidade de orixe, e de Xerusalén, onde estaba o templo. Cando, durante unha peregrinación a Xerusalén, perderon a Xesús, que tiña doce anos, el e María buscárono angustiados e atopárono no templo mentres discutía cos doutores da lei (cf. Lc 2,41-50).
Despois de María, Nai de Deus, ningún santo ocupa tanto espazo no Maxisterio pontificio como Xosé, o seu esposo. Os meus predecesores profundaron na mensaxe contida nos poucos datos transmitidos polos Evanxeos para destacar o seu papel central na historia da salvación: o beato Pío IX declarouno «Patrón da Igrexa católica»[2], o venerable Pío XII presentouno como «Patrón dos traballadores» [3] e san Xoán Paulo II como «Custodio do Redentor»[4]. O pobo invócao como «Patrón da boa morte»[5].
Por iso, ao cumprirse cento cincuenta anos de que o beato Pío IX, o 8 de decembro de 1870, o declarase como Patrón da Igrexa católica, quixese -como di Xesús- que «do que reborda o corazón fala a boca» (cf. Mt 12,34), para compartir con vós algunhas reflexións persoais sobre esta figura extraordinaria, tan próxima á nosa condición humana. Este desexo creceu durante estes meses de pandemia, nos que podemos experimentar, no medio da crise que nos está golpeando, que «as nosas vidas están tecidas e sostidas por persoas comúns -correntemente esquecidas- que non aparecen en portadas de diarios e de revistas, nin nas grandes pasarelas do último show pero, sen dúbida, están a escribir hoxe os acontecementos decisivos da nosa historia: médicos, enfermeiros e enfermeiras, encargados de repor os produtos nos supermercados, limpadoras, coidadoras, transportistas, forzas de seguridade, voluntarios, sacerdotes, relixiosas e tanto pero tantos outros que comprenderon que ninguén se salva só. […] Canta xente cada día demostra paciencia e infunde esperanza, coidándose de non sementar pánico senón corresponsabilidade. Cantos pais, nais, avós e avoas, docentes mostran aos nosos nenos, con xestos pequenos e cotiáns, como enfrontar e transitar unha crise readaptando rutinas, levantando miradas e impulsando a oración. Cantas persoas rezan, ofrecen e interceden polo ben de todos»[6]. Todos poden atopar en san Xosé -o home que pasa desapercibido, o home da presenza diaria, discreta e oculta- un intercesor, un apoio e unha guía en tempos de dificultade. San Xosé lémbranos que todos os que están aparentemente ocultos ou en “segunda liña” teñen un protagonismo sen igual na historia da salvación. A todos eles vai dirixida unha palabra de recoñecemento e de gratitude.
1. Pai amado
A grandeza de san Xosé consiste no feito de que foi o esposo de María e o pai de Xesús. En canto tal, «entrou no servizo de toda a economía da encarnación», como di san Xoán Crisóstomo[7].
San Paulo VI observa que a súa paternidade se manifestou concretamente «ao facer da súa vida un servizo, un sacrificio ao misterio da Encarnación e á misión redentora que lle está unida; ao utilizar a autoridade legal, que lle correspondía na Sagrada Familia, para facer dela un don total de si mesmo, da súa vida, do seu traballo; ao converter a súa vocación humana de amor doméstico na oblación sobrehumana de si mesmo, do seu corazón e de toda capacidade no amor posto ao servizo do Mesías nado na súa casa»[8].
Polo seu papel na historia da salvación, san Xosé é un pai que sempre foi amado polo pobo cristián, como o demostra o feito de que se lle dedicaron numerosas igrexas en todo o mundo; que moitos institutos relixiosos, irmandades e grupos eclesiais inspíranse ni súa espiritualidade e levan o seu nome; e que desde hai séculos celébranse na súa honra diversas representacións sacras. Moitos santos e santas tivéronlle unha gran devoción, entre eles Tareixa de Ávila, quen o tomou como avogado e intercesor, encomendándose moito a el e recibindo todas as grazas que lle pedía. Alentada pola súa experiencia, a santa persuadía a outros para que lle fosen devotos[9].
En todos os libros de oracións atópase algunha oración a san Xosé. Invocacións particulares que lle son dirixidas todos os mércores e especialmente durante todo o mes de marzo, tradicionalmente dedicado a el[10].
A confianza do pobo en san Xosé resúmese na expresión “Ite ad Ioseph”, que fai referencia ao tempo de fame negra en Exipto, cando a xente pedíalle pan ao faraón e el respondíalles: «Vaian onde Xosé e fagan o que el lles diga» (Xn 41,55). Tratábase de Xosé o fillo de Xacobe, a quen os seus irmáns venderon por envexa (cf. Xn 37,11-28) e que -seguindo o relato bíblico- converteuse posteriormente en vicerrei de Exipto (cf. Xn 41,41-44).
Como descendente de David (cf. Mt 1,16.20), de cuxa raíz debía brotar Xesús segundo a promesa feita a David polo profeta Natán (cf. 2 Sam 7), e como esposo de María de Nazaret, san Xosé é a peza que une o Antigo e o Novo Testamento.
2. Pai na tenrura
Xosé viu a Xesús medrar día tras día «en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e mais dos homes» (Lc 2,52). Como fixo o Señor con Israel, así el «ensináralle a camiñar, e tíñao collido nos seus brazos: era para el como o pai que liga a el ao seu neno e lle dá de comer» (cf. Os 11,3-4).
Xesús viu a tenrura de Deus en Xosé: «Como un pai ama aos seus fillos, así ama o Señor aos que o temen» (Sal 103,13).
Na sinagoga, durante a oración dos Salmos, Xosé certamente ouviría o eco de que o Deus de Israel é un Deus de tenrura[11], que é bo para todos e «agarimoso con todas as súas obras» (Sal 145,9).
A historia da salvación cúmprese crendo «contra toda esperanza» (Rm 4,18) a través das nosas debilidades. Moitas veces pensamos que Deus se basea só na parte boa e vencedora de nós, cando en realidade a maioría dos seus designios realízanse a través e a pesar da nosa debilidade. Isto é o que fai que san Paulo diga: «Para que non teña soberbia espetóuseme un aguillón na carne, un emisario de Satán para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo. Tres veces pedinlle ao Señor que o arredase de min, pero respondeume: “Chégache coa miña graza!, a forza vese cumprida na fraqueza”» (2 Co 12,7-9).
Se esta é a perspectiva da economía da salvación, debemos aprender a aceptar a nosa debilidade con intensa tenrura[12].
O Maligno fainos mirar a nosa fraxilidade cun xuízo negativo, mentres que o Espírito sácaa á luz con tenrura. A tenrura é o mellor modo para tocar o que é fráxil en nós. O dedo que sinala e o xuízo que facemos dos demais son a miúdo un signo da nosa incapacidade para aceptar nosa propia debilidade, nosa propia fraxilidade. Só a tenrura salvaranos da obra do Acusador (cf. Ap 12,10). Por esta razón é importante atoparnos coa Misericordia de Deus, especialmente no sacramento da Reconciliación, tendo unha experiencia de verdade e tenrura. Paradoxalmente, incluso o Maligno pode dicirnos a verdade, pero, se o fai, é para condenarnos. Sabemos, con todo, que a Verdade que vén de Deus non nos condena, senón que nos acolle, nos abraza, nos sostén, nos perdoa. A Verdade sempre se nos presenta como o Pai misericordioso da parábola (cf. Lc 15,11-32): vén ao noso encontro, devólvenos a dignidade, ponnos novamente de pé, celebra connosco, porque «ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo» (v. 24).
Tamén a través da angustia de Xosé pasa a vontade de Deus, a súa historia, o seu proxecto. Así, Xosé ensínanos que ter fe en Deus inclúe ademais crer que El pode actuar mesmo a través dos nosos medos, das nosas fraxilidades, da nosa debilidade. E ensínanos que, no medio das tormentas da vida, non debemos ter medo de ceder a Deus o temón da nosa barca. Ás veces, nós quixésemos ter todo baixo control, pero El ten sempre unha mirada máis ampla.
3. Pai na obediencia
Así como Deus fixo con María cando lle manifestou o seu plan de salvación, tamén a Xosé reveloulle os seus designios e fíxoo a través de soños que, na Biblia, como en todos os pobos antigos, eran considerados un dos medios polos que Deus manifestaba a súa vontade[13].
Xosé estaba moi angustiado polo embarazo incomprensible de María; non quería «denunciala publicamente»[14], pero decidiu «romper o seu compromiso en segredo» (Mt 1,19). No primeiro soño o anxo axudouno a resolver o seu grave dilema: «Non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.» (Mt 1,20-21). A súa resposta foi inmediata: «Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a súa prometida» (Mt 1,24). Coa obediencia superou o seu drama e salvou a María.
No segundo soño o anxo ordenou a Xosé: «Levántate, toma contigo ao neno e á súa nai, e foxe a Exipto; queda alí ata que che diga, porque Herodes vai buscar ao neno para matalo» (Mt 2,13). Xosé non dubidou en obedecer, sen cuestionarse acerca das dificultades que podía atopar: «Ergueuse, colleu o neno e mais a nai e fuxiu para Exipto onde estivo até a morte de Herodes» (Mt 2,14-15).
En Exipto, Xosé esperou con confianza e paciencia o aviso prometido polo anxo para regresar ao seu país. E cando nun terceiro soño o mensaxeiro divino, despois de informarlle que os que tentaban matar o neno morreran, ordenoulle que se levantase, que tomase consigo ao neno e á súa nai e que volvese á terra de Israel (cf. Mt 2,19-20), el unha vez máis obedeceu sen vacilar: «Ergueuse e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel» (Mt 2,21).
Pero durante a viaxe de regreso, «ao saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai Herodes, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños-e é a cuarta vez que sucedeu-, marchou para a banda de Galilea, indo vivir a unha vila chamada Nazaret.» (Mt 2,22-23).
O evanxelista Lucas, pola súa banda, relatou que Xosé afrontou a longa e incómoda viaxe de Nazaret a Belén, segundo a lei do censo do emperador César Augusto, para empadroarse na súa cidade de orixe. E foi precisamente nesta circunstancia que Xesús naceu e foi asentado no censo do Imperio, como todos os demais nenos (cf. Lc 2,1-7).
San Lucas, en particular, preocupouse de resaltar que os pais de Xesús observaban todas as prescricións da lei: os ritos da circuncisión de Xesús, da purificación de María despois do parto, da presentación do primoxénito a Deus (cf. 2,21-24)[15].
En cada circunstancia da súa vida, Xosé soubo pronunciar o seu “fiat”, como María na Anunciación e Xesús en Xetsemaní.
Xosé, no seu papel de cabeza de familia, ensinou a Xesús a ser obediente aos seus pais, segundo o mandamento de Deus (cf. Ex 20,12).
Na vida oculta de Nazaret, baixo a guía de Xosé, Xesús aprendeu a facer a vontade do Pai. Dita vontade transformouse no seu alimento diario (cf. Xn 4,34). Mesmo no momento máis difícil da súa vida, que foi en Xetsemaní, preferiu facer a vontade do Pai e non a súa propia[16] e fíxose «obediente até a morte […] de cruz» (Flp 2,8). Por iso, o autor da Carta aos Hebreos conclúe que Xesús «aprendeu sufrindo a obedecer» (5,8).
Todos estes acontecementos mostran que Xosé «foi chamado por Deus para servir directamente á persoa e á misión de Xesús mediante o exercicio da súa paternidade; deste xeito el coopera na plenitude dos tempos no gran misterio da redención e é verdadeiramente “ministro da salvación”»[17].
4. Pai na acollida
Xosé acolleu a María sen pór condicións previas. Confiou nas palabras do anxo. «A nobreza do seu corazón faille supeditar á caridade o aprendido por lei; e hoxe, neste mundo onde a violencia psicolóxica, verbal e física sobre a muller é patente, Xosé preséntase como figura de home respectuoso, delicado que, aínda non tendo toda a información, decídese pola fama, dignidade e vida de María. E, na súa dúbida de como facer o mellor, Deus axudouno a optar iluminando o seu xuízo»[18].
Moitas veces ocorren feitos na nosa vida cuxo significado non entendemos. A nosa primeira reacción é a miúdo de decepción e rebelión. Xosé deixa de lado os seus razoamentos para dar paso ao que acontece e, por máis misterioso que lle pareza, acólleo, asume a responsabilidade e reconcíliase coa súa propia historia. Se non nos reconciliamos coa nosa historia, nin sequera poderemos dar o paso seguinte, porque sempre seremos prisioneiros das nosas expectativas e das consecuentes decepcións.
A vida espiritual de Xosé non nos mostra unha vía que explica, senón unha vía que acolle. Só a partir desta acollida, desta reconciliación, podemos tamén intuír unha historia máis grande, un significado máis profundo. Parecen facerse eco as ardentes palabras de Xob que, ante a invitación da súa esposa a rebelarse contra todo o mal que lle sucedía, respondeu: «Se o bo o aceptamos como de Deus, non habemos recibir tamén o mal?» (Xb 2,10).
Xosé non é un home que se resigna pasivamente. É un protagonista valente e forte. A acollida é un modo polo que se manifesta na nosa vida o don da fortaleza que nos vén do Espírito Santo. Só o Señor pode darnos a forza para acoller a vida tal como é, para facer sitio mesmo a esa parte contraditoria, inesperada e decepcionante da existencia.
A vinda de Xesús no medio de nós é un agasallo do Pai, para que cada un poida reconciliarse coa carne da súa propia historia, aínda que non a comprenda do todo.
Como Deus dixo ao noso santo: «Xosé, fillo de David, non temas» (Mt 1,20), parece repetirnos tamén a nós: “Non teñades medo!”. Temos que deixar de lado a nosa ira e decepción, e facer espazo -sen ningunha resignación mundana e cunha fortaleza chea de esperanza- ao que non eliximos, pero está alí. Acoller a vida desta maneira introdúcenos nun significado oculto. A vida de cada un de nós pode comezar de novo milagrosamente, se atopamos a valentía para vivila segundo o que nos di o Evanxeo. E non importa se agora todo parece tomar un rumbo equivocado e se algunhas cuestións son irreversibles. Deus pode facer que as flores broten entre as rochas. Aínda cando a nosa conciencia nos reprocha algo, El «é meirande có noso corazón e coñece todo.» (1 Xn 3,20).
O realismo cristián, que non rexeita nada do que existe, volve unha vez máis. A realidade, na súa misteriosa irreductibilidade e complexidade, é portadora dun sentido da existencia coas súas luces e sombras. Isto fai que o apóstolo Paulo afirme: «Sabemos ademais que todo colabora para o ben dos que aman a Deus» (Rm 8,28). E san Agustín engade: «Aínda o que chamamos mal (etiam illud quod malum dicitur)»[19]. Nesta perspectiva xeral, a fe dá sentido a cada acontecemento feliz ou triste.
Entón, lonxe de nós o pensar que crer significa atopar solucións fáciles que consolan. A fe que Cristo nos ensinou é, en cambio, a que vemos en san Xosé, que non buscou atallos, senón que afrontou “cos ollos abertos” o que lle acontecía, asumindo a responsabilidade en primeira persoa.
A acollida de Xosé convídanos a acoller aos demais, sen exclusións, tal como son, con preferencia polos débiles, porque Deus elixe o que é débil (cf. 1 Co 1,27), é «pai dos orfos e defensor das viúvas» (Sal 68,6) e ordénanos amar ao estranxeiro[20]. Desexo imaxinar que Xesús tomou das actitudes de Xosé o exemplo para a parábola do fillo pródigo e o pai misericordioso (cf. Lc 15,11-32).
5. Pai da valentía creativa
Se a primeira etapa de toda verdadeira curación interior é acoller a propia historia, é dicir, facer espazo dentro de nós mesmos mesmo para o que non eliximos na nosa vida, necesitamos engadir outra característica importante: a valentía creativa. Esta xorde especialmente cando atopamos dificultades. De feito, cando nos enfrontamos a un problema podemos deternos e baixar os brazos, ou podemos enxeñárnolas dalgunha maneira. Ás veces as dificultades son precisamente as que sacan a relucir recursos en cada un de nós que nin sequera pensabamos ter.
Moitas veces, lendo os “Evanxeos da infancia”, preguntámonos por que Deus non interveu directa e claramente. Pero Deus actúa a través de eventos e persoas. Xosé era o home por medio do cal Deus ocupouse dos comezos da historia da redención. El era o verdadeiro “milagre” co que Deus salvou ao Neno e á súa nai. O ceo interveu confiando na valentía creadora deste home, que cando chegou a Belén e non atopou un lugar onde María puidese dar a luz, instalouse nun cortello e arranxouno até convertelo nun lugar o máis acolledor posible para o Fillo de Deus que viña ao mundo (cf. Lc 2,6-7). Ante o perigo inminente de Herodes, que quería matar o Neno, Xosé foi alertado unha vez máis nun soño para protexelo, e no medio da noite organizou a fuxida a Exipto (cf. Mt 2,13-14).
Dunha lectura superficial destes relatos tense sempre a impresión de que o mundo estea a mercé dos fortes e dos poderosos, pero a “boa noticia” do Evanxeo consiste en mostrar como, a pesar da arrogancia e a violencia dos gobernantes terreais, Deus sempre atopa un camiño para cumprir o seu plan de salvación. Incluso a nosa vida parece ás veces que está en mans de forzas superiores, pero o Evanxeo nos di que Deus sempre logra salvar o que é importante, coa condición de que teñamos a mesma valentía creativa do carpinteiro de Nazaret, que sabía transformar un problema nunha oportunidade, antepondo sempre a confianza na Providencia.
Se ás veces parecese que Deus non nos axuda, non significa que nos abandonou, senón que confía en nós, no que podemos planear, inventar, atopar.
É a mesma valentía creativa que mostraron os amigos do paralítico que, para presentalo a Xesús, baixárono do teito (cf. Lc 5,17-26). A dificultade non detivo a audacia e a obstinación deses amigos. Eles estaban convencidos de que Xesús podía curar ao enfermo e «como non puideron introducilo por causa da multitude, subiron ao alto da casa e fixérono baixar ni padiola a través das tellas, e colocárono no medio da xente fronte a Xesús. Xesús, ao ver a fe deles, díxolle ao paralítico: “Home, quédanche perdoados os teus pecados!”» (vv. 19-20). Xesús recoñeceu a fe creativa coa que eses homes trataron de traerlle ao seu amigo enfermo.
O Evanxeo non dá ningunha información sobre o tempo en que María, Xosé e o Neno permaneceron en Exipto. Con todo, o que é certo é que terían necesidade para comer, de atopar unha casa, un traballo. Non fai falta moita imaxinación para encher o silencio do Evanxeo a este respecto. A Sagrada Familia tivo que afrontar problemas concretos como todas as demais familias, como moitos dos nosos irmáns e irmás migrantes que mesmo hoxe arriscan as súas vidas forzados polas adversidades e a fame. A este respecto, creo que san Xosé sexa realmente un santo patrón especial para todos aqueles que teñen que deixar a súa terra por mor da guerra, o odio, a persecución e a miseria.
Ao final de cada relato no que Xosé é o protagonista, o Evanxeo sinala que el se levantou, tomou ao Neno e á súa nai e fixo o que Deus lle mandara (cf. Mt 1,24; 2,14.21). De feito, Xesús e María, a súa nai, son o tesouro máis prezado da nosa fe[21].
No plan de salvación non se pode separar ao Fillo da Nai, daquela que «avanzou na peregrinación da fe e mantivo fielmente a súa unión co seu Fillo até a cruz»[22].
Debemos preguntarnos sempre se estamos a protexer con todas as nosas forzas a Xesús e María, que están misteriosamente confiados á nosa responsabilidade, ao noso coidado, á nosa custodia. O Fillo do Todopoderoso vén ao mundo asumindo unha condición de gran debilidade. Necesita de Xosé para ser defendido, protexido, coidado, criado. Deus confía neste home, do mesmo xeito que o fai María, que atopa en Xosé non só ao que quere salvar a súa vida, senón ao que sempre velará por ela e polo Neno. Neste sentido, san Xosé non pode deixar de ser o Custodio da Igrexa, porque a Igrexa é a extensión do Corpo de Cristo na historia, e ao mesmo tempo na maternidade da Igrexa maniféstase a maternidade de María[23]. Xosé, á vez que continúa protexendo á Igrexa, segue amparando ao Neno e á súa nai, e nós tamén, amando á Igrexa, continuamos amando ao Neno e á súa nai.
Este Neno é o que dirá: «Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo» (Mt 25,40). Así, cada persoa necesitada, cada pobre, cada persoa que sofre, cada moribundo, cada estranxeiro, cada prisioneiro, cada enfermo son “o Neno” que Xosé segue custodiando. Por iso invócase a san Xosé como protector dos indixentes, os necesitados, os exiliados, os aflixidos, os pobres, os moribundos. E é polo mesmo que a Igrexa non pode deixar de amar aos máis pequenos, porque Xesús puxo neles a súa preferencia, identifícase persoalmente con eles. De Xosé debemos aprender o mesmo coidado e responsabilidade: amar ao Neno e á súa nai; amar os sacramentos e a caridade; amar á Igrexa e aos pobres. En cada unha destas realidades está sempre o Neno e a súa nai.
6. Pai traballador
Un aspecto que caracteriza a san Xosé e que se destacou desde a época da primeira
Encíclica social, a Rerum novarum de León XIII, é a súa relación co traballo. San Xosé era un carpinteiro que traballaba honestamente para asegurar o sustento da súa familia. Del, Xesús aprendeu o valor, a dignidade e a alegría do que significa comer o pan que é froito do propio traballo.
Na nosa época actual, na que o traballo parece volver a representar unha urxente cuestión social e o desemprego alcanza ás veces niveis impresionantes, aínda naquelas nación nas que durante décadas se experimentou un certo benestar, é necesario, cunha conciencia renovada, comprender o significado do traballo que dá dignidade e do que o noso santo é un patrón exemplar.
O traballo convértese en participación na obra mesma da salvación, en oportunidade para acelerar o advenimento do Reino, para desenvolver as propias potencialidades e calidades, póndoas ao servizo da sociedade e da comuñón. O traballo convértese en ocasión de realización non só para un mesmo, senón sobre todo para ese núcleo orixinal da sociedade que é a familia. Unha familia que carece de traballo está máis exposta a dificultades, tensións, fracturas e mesmo á desesperada e desesperante tentación da disolución. Como poderiamos falar de dignidade humana sen comprometernos para que todos e cada un teñan a posibilidade dun sustento digno?
A persoa que traballa, calquera que sexa a súa tarefa, colabora con Deus mesmo, convértese un pouco en creador do mundo que nos rodea. A crise do noso tempo, que é unha crise económica, social, cultural e espiritual, pode representar para todos un chamado a redescubrir o significado, a importancia e a necesidade do traballo para dar lugar a unha nova “normalidade” na que ninguén quede excluído. A obra de san Xosé lémbranos que o mesmo Deus feito home non desdeñou o traballo. A perda de traballo que afecta a tantos irmáns e irmás, e que aumentou nos últimos tempos debido á pandemia de Covid-19, debe ser un chamado a revisar as nosas prioridades. Imploremos a san Xosé obreiro para que atopemos camiños que nos leven a dicir: Ningún mozo, ningunha persoa, ningunha familia sen traballo!
7. Pai na sombra
O escritor polaco Jan Dobraczynski, no seu libro A sombra do Pai [24], novelou a vida de san Xosé. Coa imaxe evocadora da sombra define a figura de Xosé, que para Xesús é a sombra do Pai celestial na terra: auxíliao, protéxeo, non se aparta xamais do seu lado para seguir os seus pasos. Pensemos naquilo que Moisés lembra a Israel: «Polo deserto viches como o Señor, o teu Deus, te trouxo no colo, como un home trae ao seu fillo por todo o camiño que percorrestes ata chegardes a este lugar» (Dt 1,31). Así Xosé exercitou a paternidade durante toda a súa vida[25].
Ninguén nace pai, senón que se fai. E non se fai só por traer un fillo ao mundo, senón por facerse cargo del responsablemente. Todas as veces que alguén asume a responsabilidade da vida doutro, en certo sentido exercita a paternidade respecto del.
Na sociedade do noso tempo, os nenos a miúdo parecen non ter pai. Tamén a Igrexa de hoxe en día necesita pais. A amoestación dirixida por san Paulo aos Corintios é sempre oportuna: «Xa podedes ter milleiros de mestres, que pais non teredes moitos» (1 Co 4,15); e cada sacerdote ou bispo debería poder dicir como o Apóstolo: «Fun eu quen por medio do Evanxeo vos xerei en Cristo Xesús» (ibíd.). E aos Gálatas dilles: «Ai, meus filliños, que me volven aguilloar as dores de parto por vós, mentres non vos conformedes segundo a fasquía de Cristo» (4,19).
Ser pai significa introducir ao neno na experiencia da vida, na realidade. Non para retelo, non para encarceralo, non para posuílo, senón para facelo capaz de elixir, de ser libre, de saír. Quizais por esta razón a tradición tamén lle puxo a Xosé, xunto ao apelativo de pai, o de “castísimo”. Non é unha indicación meramente afectiva, senón a síntese dunha actitude que expresa o contrario a posuír. A castidade está en ser libres do afán de posuír en todos os ámbitos da vida. Só cando un amor é casto é un verdadeiro amor. O amor que quere posuír, ao final, sempre se volve perigoso, aprisiona, sufoca, fai infeliz. Deus mesmo amou ao home con amor casto, deixándoo libre mesmo para equivocarse e porse en contra súa. A lóxica do amor é sempre unha lóxica de liberdade, e Xosé foi capaz de amar dunha maneira extraordinariamente libre. Nunca se puxo no centro. Soubo como descentrarse, para pór a María e a Xesús no centro da súa vida.
A felicidade de Xosé non está na lóxica do auto-sacrificio, senón no don de si mesmo. Nunca se percibe neste home a frustración, senón só a confianza. O seu silencio persistente non contempla queixas, senón xestos concretos de confianza. O mundo necesita pais, rexeita aos amos, é dicir: rexeita aos que queren usar a posesión do outro para encher o seu propio baleiro; rexeita aos que confunden autoridade con autoritarismo, servizo con servilismo, confrontación con opresión, caridade con asistencialismo, forza con destrución. Toda vocación verdadeira nace do don de si mesmo, que é a maduración do simple sacrificio. Tamén no sacerdocio e a vida consagrada requírese este tipo de madurez. Cando unha vocación, xa sexa na vida matrimonial, célibe ou virxinal, non alcanza a madurez da entrega de si mesma deténdose só na lóxica do sacrificio, entón en lugar de converterse en signo da beleza e a alegría do amor corre o risco de expresar infelicidade, tristeza e frustración.
A paternidade que rexeita a tentación de vivir a vida dos fillos está sempre aberta a novos espazos. Cada neno leva sempre consigo un misterio, algo inédito que só pode ser revelado coa axuda dun pai que respecte a súa liberdade. Un pai que é consciente de que completa a súa acción educativa e de que vive plenamente a súa paternidade só cando se fixo “inútil”, cando ve que o fillo logrou ser autónomo e camiña só polos carreiros da vida, cando se pon na situación de Xosé, que sempre soubo que o Neno non era seu, senón que simplemente fora confiado ao seu coidado. Despois de todo, iso é o que Xesús suxire cando di: «E a ninguén chamedes pai na terra, pois un só é o voso Pai, o celestial» (Mt 23,9).
Sempre que nos atopemos na condición de exercer a paternidade, debemos lembrar que nunca é un exercicio de posesión, senón un “signo” que nos evoca unha paternidade superior. En certo sentido, todos nos atopamos na condición de Xosé: sombra do único Pai celestial, que «fai saír o seu sol sobre malos e bos e chover sobre xustos e inxustos» (Mt 5,45); e sombra que segue ao Fillo.
* * *
«Érguete, colle o neno e mais a nai» (Mt 2,13), dixo Deus a san Xosé.
O obxectivo desta Carta apostólica é que creza o amor a este gran santo, para ser impulsados a implorar a súa intercesión e imitar as súas virtudes, como tamén a súa resolución.
En efecto, a misión específica dos santos non é só a de conceder milagres e grazas, senón a de interceder por nós ante Deus, como fixeron Abrahán[26] e Moisés[27], como fai Xesús, «único mediador» (1 Tm 2,5), que é o noso «avogado» ante Deus Pai (1 Xn 2,1), «xa que en todo momento vive para interceder por nós» (Hb 7,25; cf. Rm 8,34).
Os santos axudan a todos os fieis «á plenitude da vida cristiá e á perfección da caridade»[28]. A súa vida é unha proba concreta de que é posible vivir o Evanxeo.
Xesús dixo: «Aprendede de min, que son bo e humilde de corazón» (Mt 11,29), e eles á súa vez son exemplos de vida a imitar. San Paulo exhortou explicitamente: «Tratade de imitarme a min» (1 Co 4,16)[29]. San Xosé díxoo a través do seu elocuente silencio.
Ante o exemplo de tantos santos e santas, san Agustín preguntouse: «Non poderás ti o que estes e estas?». E así chegou á conversión definitiva exclamando: «Tarde te amei, beleza tan antiga e tan nova!»[30].
Non queda máis que implorar a san Xosé a graza das grazas: a nosa conversión.
A el dirixamos a nosa oración:
e esposo da Virxe María.
A ti Deus confiou o seu Fillo,
en ti María depositou a súa confianza,
contigo Cristo forxouse como home.
Oh, benaventurado Xosé,
móstrate pai tamén a nós
e guíanos no camiño da vida.
Concédenos graza, misericordia e valentía,
e deféndenos de todo mal. Amén.
Roma, en San Xoán de Letrán, 8 de decembro, Solemnidade da Inmaculada Concepción da Benaventurada Virxe María, do ano 2020, oitavo do meu pontificado.
Francisco
[1] Lc 4,22; Xn 6,42; cf. Mt 13,55; Mc 6,3.
[2] S. Rituum Congreg.,
Quemadmodum Deus (8 decembro 1870): ASS 6 (1870-71), 194.
[3] Cf. Discurso ás Asociacións cristiás de Traballadores italianos con motivo da Solemnidade de san Xosé obreiro (1 maio 1955): AAS 47 (1955), 406.
[4] Exhort. ap. Redemptoris
custos (15 agosto 1989): AAS 82 (1990), 5-34.
[5] Catecismo da Igrexa
católica, 1014.
[6] Meditación en tempos de pandemia (27 marzo 2020): L'Osservatore Romano, ed. semanal en lingua española (3 abril 2020), p. 3.
[7] In Matth. Hom, V, 3: PG
57, 58.
[8] Homilía (19 marzo 1966):
Insegnamenti dei Paolo VI, IV (1966), 110.
[9] Cf. Libro da vida, 6, 6-8.
[10] Todos os días, durante máis de corenta anos, despois de Laudes, recito unha oración a san Xosé tomada dun libro de devocións francés do século XIX, da Congregación das Relixiosas de Xesús e María, que expresa devoción, confianza e un certo reto a san Xosé:
«Glorioso patriarca san Xosé, cuxo poder sabe facer posibles as cousas imposibles, ven na
miña axuda nestes momentos de angustia e dificultade. Toma baixo a túa protección as situacións tan
graves e difíciles que che
confío, para que teñan unha boa solución. O meu amado Pai, toda a miña
confianza está posta en ti.
Que non se diga que che invocou en balde e, como podes facer
todo con Xesús e María,
móstrame que a túa bondade é tan grande como o teu poder. Amén».
[11] Cf. Dt 4,31; Sal 69,17;
78,38; 86,5; 111,4; 116,5; Jr 31,20.
[12] Cf. Exhort. ap. Evangelii gaudium (24 novembro 2013), 88, 288: AAS 105 (2013), 1057, 1136-1137.
[13] Cf. Gn 20,3; 28,12;
31,11.24; 40,8; 41,1-32; Nm 12,6; 1 Sam 3,3-10; Dn 2; 4; Xb 33,15.
[14] Nestes casos estaba
prevista a lapidación (cf. Dt 22,20-21).
[15] Cf. Lv 12,1-8; Ex 13,2.
[16] Cf. Mt 26,39; Mc 14,36; Lc 22,42.13
[17] S. Xoán Paulo II, Exhort.
ap. Redemptoris custos (15 agosto 1989), 8: AAS 82 (1990), 14.
[18] Homilía na Santa Misa con beatificaciones, Villavicencio - Colombia (8 setembro 2017): AAS 109 (2017), 1061.
[19] Enchiridion de fide, spe
et caritate, 3.11: PL 40, 236.
[20] Cf. Dt 10,19; Ex
22,20-22; Lc 10,29-37.
[21] Cf. S. Rituum Congreg., Quemadmodum Deus (8 decembro 1870): ASS 6 (1870-71), 193; B. Pío IX, Carta ap. Inclytum Patriarcham (7 xullo 1871): l.c., 324-327.
[22] Conc. Ecum. Vat. II, Const. dogm. Lumen gentium, 58.
[23] Cf. Catecismo da Igrexa católica, 963-970.
[24] Edición orixinal: Cie- Ojca, Varsovia 1977.
[25] Cf. S. Xoán Paulo II, Exhort. ap. Redemptoris custos, 7-8: AAS 82 (1990), 12-16.
[26] Cf. Xn 18,23-32.
[27] Cf. Ex 17,8-13; 32,30-35.
[28] Conc. Ecum. Vat. II, Const. dogm. Lumen gentium, 42.
[29] Cf. 1 Co 11,1; Flp 3,17; 1 Ts 1,6.
[30] Confesións, 8, 11, 27: PL 32, 761; 10, 27, 38: PL 32, 795.
Comentarios
Publicar un comentario