SAÚDO DO SANTO P.FRANCISCO AOS ARTISTAS DO CONCERTO DE NADAL

Sala adxacente á Aula Paulo VI

Sábado, 12 de decembro de 2020

TOMADO DE: http://www.vatican.va




Queridos artistas e amigos, bos días!


Un cordial saúdo a todos e un "grazas" por estar aquí. Este ano as luces algo tenues do Nadal son motivo de oración e recordo das moitas persoas que sufriron e están a sufrir por mor da pandemia. Nesta situación sentimos aínda máis fortemente a interdependencia que nos une a todos. Este encontro dáme a oportunidade de compartir convosco algunhas reflexións sobre a arte e o seu papel nun momento tan crítico da historia.


Na creación artística podemos recoñecer tres movementos. O primeiro movemento é o dos sentidos, capturados polo asombro e marabilla. Esta dinámica inicial, exterior, estimula outras máis profundas.


O segundo movemento, en efecto, alcanza a interioridade da persoa. Unha composición de cores ou palabras ou sons ten o poder de chegar á alma humana. Esperta recordos, imaxes, sentimentos...


Pero o movemento xenerativo da arte non se detén aquí. Hai un terceiro aspecto: a percepción e a contemplación da beleza xera un sentido de esperanza, que tamén se irradia ao mundo circundante. Neste punto, o movemento exterior e interior fusiónanse e, á súa vez, repercuten nas relacións sociais: xeran a empatía capaz de comprender ao outro, co que temos tanto en común. É unha nova socialidade, non só vagamente expresada senón percibida e compartida.


Este triplo movemento de asombro, de descubrimento persoal e de compartición produce unha sensación de paz, que -como testemuña San Francisco de Asís- libéranos de todo desexo de dominio sobre os demais, fainos comprender as dificultades dos últimos e empúxanos a vivir en harmonía con todos[1]. Unha harmonía que está vinculada coa beleza e a verdade.


Este vínculo é moi rico en referencias na tradición xudía e cristiá. O libro da Xénese -ao narrar a obra creadora de Deus- subliña que fronte ás criaturas «viu Deus que era bo» (Xn 1,12.18.25). O adxectivo "bo" en hebreo ten un significado moito máis amplo e tamén pode traducirse como "harmonioso"[2]. A creación sorpréndenos co seu esplendor e variedade e, ao mesmo tempo, fainos comprender o noso papel no mundo ante tanta grandeza.


Os artistas son conscientes diso e -como escribía San Xoán Paulo II- senten «dentro de si mesmos esta especie de escintileo divino, que é a vocación artística» e están chamados «a non malgastar ese talento, senón a desenvolvelo, desenvolvelo para polo ao servizo do próximo e de toda a humanidade»[3].


Na súa famosa mensaxe do 8 de decembro de 1965, ao concluír o Concilio Vaticano II, San Paulo VI dicía que os artistas estaban «namorados da beleza» [4] e afirmaba que o mundo «ten necesidade da beleza para non caer na desesperanza»[5]. Tamén no desconcerto causado pola pandemia, a vosa creatividade pode xerar luz. A crise ensancha «as sombras dun mundo pechado» (cf. Encíclica Fratelli tutti, 9-55) e parece escurecer a luz do divino, do eterno. Non cedamos a este engano. Busquemos a luz da Natividade que rompe a escuridade da dor e das tebras.


Diríxome a vós, queridos artistas, que sodes de maneira especial «gardiáns da beleza do mundo»[6]. Agradézovos a vosa solidariedade, que nestes tempos resalta aínda máis. A vosa é unha vocación alta e esixente, que require «mans puras e desinteresadas»[7] para transmitir a verdade e a beleza. Ambas as infunden alegría nos nosos corazóns e son un «froito precioso que resiste a usura do tempo, que une as xeracións e faias comunicarse na admiración»[8]. Hoxe como entón, esta Beleza móstrasenos na humildade do Pesebre. Hoxe, como entón, celebrámola cun espírito de esperanza.


Expreso o meu agradecemento ás Misións de Don Bosco e ás Scholas Occurrentes polo compromiso e o espírito de servizo con que responden á emerxencia educativa e sanitaria, a través dos seus proxectos inspirados no Global Compact on Education.


Grazas de novo; grazas e os mellores desexos dun bo concerto! Grazas.


 


[1] Cf. Cart. Enc. Fratelli tutti (3 de outubro de 2020), 4.

[2] Cf. Discurso aos participantes no Encontro Mundial "Eu podo", 30 de novembro de 2019.

[3] Carta aos artistas (4 de abril de 1999), 3.

[4] Mensaxe aos artistas (8 de decembro de 1965), 1.

[5] Ibid., 4.

[6] San Paulo VI, Mensaxe aos artistas (8 de decembro de 1965), 5.

[7] Ibid.

[8] Ibid.


 


Boletín da Oficina de Prensa da Santa Sé, 12 de decembro de 2020.

Comentarios

Publicacións populares