Impuxéronlle-las mans e recibían o Espírito Santo - Feit 8, 5-8. 14-17

Domingo 6 de Pascua - ciclo A


NON NOS DEIXES 
ORFOS

Eu quero amarte, Señor,
pero amarte de verdade;
que moitos con falsidade
prométenche o seu amor
-promesa que queda en flor-
e logo van pola vida
abrindo fondas feridas,
negándolle o amor á xente,
tripando os dereitos sempre
que dan ao débil saída.

Danos un bo defensor:
Espírito de verdade
que acabe coas falsidades
que medran no corazón
e tamén ao arredor.

Aumenta o noso saber:
que todos poidamos ver
as cousas coa inocencia
e coa aquela intelixencia
que dan o xusto aprender.

Non nos deixes esquecidos,
orfos de pan e amizade,
orfos de alento, en saudade;
ven axiña, ven, querido,
que nesta terra aflixidos
remoemos esperanzas
sen moito lugar para danzas;
danos a certa experiencia
da túa fonda presenza
que aos máis apagados lanza.

Viviremos na túa vida,
seremos xente esperta,
para a loita da vida atenta;
ganarémoslle a partida
a quen nola deu perdida;
as cousas nas nosas mans
terán feitura de irmáns;
encheranse de colores
todos os nosos solpores,
e os xa mortos vivirán. 




Comentarios

Publicacións populares