Ficha e Lectio - Domingo 6 de Pascua A
LECTIO:
DOMINGO VI DE PASCUA
(Ciclo A: 21 de maio
2017)
O
tempo de Pascua que estamos a celebrar nestes domingos, despois da festa do
domingo de Resurrección, está preto do seu remate. O próximo domingo é xa a
festividade da Ascensión do Señor e, no seguinte, a vinda do Espírito Santo, o
día de Pentecoste.
Por
iso neste domingo de hoxe atopamos xa ideas e pensamentos que teñen abondo que
ver tanto coa Ascensión do Señor como co don e agasallo infinito que Xesús nos vai
facer: o Espírito Santo.
En
canto cristiáns, é dicir, en canto crentes na palabra e na revelación que Xesús
fai á humanidade de como é Deus, a Trindade deste noso Deus ocupa un lugar
esencial. Sobre este misterio infinito, que é Deus, dános Xesús a entender de
diversas maneiras que está constituído (por así dicilo) por algo ó que a
reflexión cristiá veu chamar despois as tres “persoas” divinas. O único Deus
noso é a persoa do Pai, a persoa do Fillo e a persoa do Espírito Santo. Algo
así como sobre unha familia moi unida se podería dicir que as distintas figuras
que a compoñen, o pai, a nai e mailos fillos ou fillas, a pesar de seren
diferentes entre si, forman unha única realidade.
Non
se trata de que os cristiáns queiramos complicar as cousas. O que pasa é que é
Xesús mesmo, en primeiro lugar, quen veu comunicarnos e quere comunicarmos a
grandeza infinita e incomprensíbel dese Deus Pai, que se converte con Xesús en
Pai noso tamén. Se, segundo viamos no anterior domingo, Xesús podía dicir de si
mesmo que quen o ve a el ve tamén a seu Pai, é xustamente porque a persoa de
Xesús forma desde sempre unha unidade co seu Pai, aínda sendo diferente del.
Mais,
en segundo lugar, nas Lecturas fálasenos ademais doutra “persoa”, en unidade co
Pai e co Fillo, neste misterio grandioso do noso Deus. Xesús dinos que ós que o
amamos a el daranos “outro Paracleto”, para que, tal como se nos di, “estea
decote connosco: o Espírito da Verdade”. O “Paracleto” é unha palabra grega que
significa “auxiliador” ou “dador de consolo”. Este “Espírito da Verdade” ou “ou
dador de consolo” é o que chamamos, de maneira máis habitual, o “Espírito
Santo”.
O
Espírito Santo convértese así para nós en presenza viva e actuante de
Xesús en nós a través de tódolos tempos
da historia humana. En nós e tamén en cantos veñan despois de nós. É dicir, en
cantos historicamente non fomos testemuñas directas da vida, morte e
resurrección de Xesús. Deste Espírito diranos Xesús que estará “onda nós” e “en
nós”.
Un
Xesús, que está dalgún xeito de despedida, déixanos neste don en certo modo a
si mesmo ó nos dar e regalar o seu “Espírito Santo”. “Non vos deixarei orfos”,
dinos Xesús.
Sen
dúbida, é bo que a nosa fe cristiá nos dea receitas morais para tantas e tan
diversas situacións e problemas cos que nos atopamos e atoparemos na vida. Mais
coido que é case máis importante aínda que nos acostumemos a ver este fondo
grandioso e marabilloso da nosa fe e que Xesús nos comunica.
Acostumarnos,
pois, a darmos grazas a Deus (non o esquezamos: a “Eucaristía” significa
“acción de grazas”), a darmos grazas a Deus, digo, pola súa grandeza, polo seu
misterio. Un misterio de amor que el nos quixo comunicar, manifestando así o
aprecio que el nos ten. Os segredos só se comunican a aqueles cos que se ten
confianza. E Deus comunicounos a nós quen é El, como é El e como nos quere.
Deus
quere facer do mundo, de toda a humanidade, de toda a creación, unha realidade
unida, mais con persoas e grupos humanos e sociais que son e queren seguir
sendo diferentes entre si. Unha realidade unitaria o máis semellante posíbel a
esa unidade entre Pai, Fillo e Espírito Santo que quere, respecta e ama porén a
mutua diferencia.
Pero
hai algo máis aínda. Esta unidade da humanidade, que respecta e quere a
diversidade e a diferenza no interior de si mesma, está chamada a se realizar plenamente
no interior de Deus mesmo, por moi incrible que isto poida parecer.
Lembremos
unha vez máis aquilo do apóstolo Paulo de que “en Deus vivimos, nos movemos e
existimos”. Mais é Xesús mesmo quen nolo di e nolo promete tamén cando lles
anuncia ós seus discípulos: “Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e
vós en min, e eu en vós”.
É
dicir, os plans de Deus consisten en que todos esteamos e vivamos en Xesús e el
no Pai. Unidos, pois, a Deus, sendo nós ó mesmo tempo nós mesmos. Eses son os grandiosos
e inimaxinábeis plans de Deus sobre nós.
Todo
isto é o que teriamos que ir interiorizando e asumindo con alegría nas nosas
vidas. Deste xeito poderemos converternos en luz e calor para toda persoa que
se atope connosco e queira coñecer o segredo das nosas vidas, que no fondo
consiste en sentírmonos felices porque Deus é o noso Pai e deste modo consideramos
os demais como irmán nosos.
Daremos
así cumprimento tamén ó que nos pide o apóstolo Pedro na súa carta: “estade
sempre dispostos –dinos Pedro- a responder a todo aquel que vos pida razón da
esperanza que levades dentro”.
Porque
o que máis precisamos todos é sermos capaces de “esperar”. Porque sen esperanza
non se pode vivir. E vivir é o que todos en definitiva máis desexamos. Pois
ben, Xesús prométenos a vida. Porque el mesmo non é senón Vida: “Eu son o
camiño, a Verdade e a VIDA”. Ou como se nos di hoxe no texto do evanxeo: “Eu
vivo e tamén vós habedes vivir”.
Por
iso esperamos e por iso somos capaces de esperar.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos
mandaches o teu propio fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”,
dirixímosche a nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do
Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a verte a Ti
en unión trinitaria e misteriosa co teu Fillo Xesús e co Espírito Santo.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos toda
a humanidade, unha e diferente, como reflectindo dalgún modo a túa Trindade,
que é tamén e antes ca nós unha e diferente
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concede, Pai, á túa Igrexa
saber anunciar con agradecemento e alegría ó mundo como es Ti, un e diferente,
e como debemos ser tamén nós, unidos e diferentes.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, na unidade co Espírito Santo.
AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
http://www.gruposdejesus.com/6-pascua-xoan-1415-21/
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2017/05/21-de-maio-domingo-6-de-pascua-a.html
Comentarios
Publicar un comentario