Domingo 5 de Pascua A


PRIMEIRA Feit 6, 1-7
Escolleron sete varóns cheos do Espírito Santo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

6 1Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala gregano servicio diario. 2Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:
-Non está ben que deixémo-la palabra de Deus para nos dedicarmos ó servicio das mesas.
3Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. 4Nosoutros continuaremos dedicados a oración e ó servicio da palabra.

5A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Felipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; 6presentáronllelos ós apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlle-las mans.

7A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.



 SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 1-2. 4-5. 18-19
R/ (22): Veña sobre nós a túa misericordia, Señor,
como de ti o esperamos
Ou: Aleluia

 1Alegrádevos, xustos, no Señor:
ós rectos acáelle-la louvanza.
2Festexade ó Señor con cítolas,
tocade con harpa de dez cordas.

4A palabra do Señor é recta
e tódalas súas obras son leais:
5El quere o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

18Os ollos do Señor miran polos seus fieis,
polos que esperan na súa misericordia,
19para libra-la súa vida da morte,
para os manter no tempo da miseria.



SEGUNDA 1 Pe 2, 4-9
Vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO

Benqueridos irmáns e irmás:
4O achegárdevos ó Señor, pedra vivificadora -de refugallo para os homes, pero pedra escollida e aprezada ós ollos de Deus-, 5sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construcción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer ofrendas espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. 6Por iso lese na Escritura:

Ollade que eu poño en Sión unha pedra
angular, escollida e digna de honra,
de xeito que quen fíe nela, non levará desengano.
7A súa honra é para vós os que credes, pero para os que non cren é
a pedra que refugaron os canteiros
e que se converteu en esquinal
8e aínda máis:
en pedra onde se tropeza,
en couce onde un se esnafra.

Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.

9Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoárde-las marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.


ALELUIA Xn 14, 6
Eu son o camiño, a verdade e a vida, di o Señor;
ninguén ven ó Pai senón é por min


EVANXEO Xn 14, 1-12
Eu son o camiño e a verdade e a vida
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Dilles Xesús ós seus discípulos:
14 1Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. 2Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? 3E cando vaia e vos arranxe un lugar, voltarei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. 4E a onde eu vou, vós ben sabéde-lo camiño.

5Dille Tomé:
-Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos sabe-lo camiño?

6Xesús respondeulle:
-Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. 7Se me coñecesedes, coñeceriades tamén a meu Pai; anque xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.

8Felipe díxolle:
-Señor, móstrano-lo Pai e abóndanos.

9Xesús replicoulle:
-Pero, Felipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. ¿Como dis entón "móstrano-lo Pai"? 10¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. 11Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. 12Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai. 

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vinde axiña
LECTURAS: Escoita ao Señor
OFERTORIO: Benaventurados 
COMUÑÓN: Eu soñei / Ti es camiño


TVG:


Comentarios

Publicacións populares