Ficha e Lectio - Pentecoste A
DEBUXOS ADAPTADOS DE:
+
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2014/06/ficha-e-lectio-pentecostes.html
+
http://recursos.catequesisdegalicia.com :
Celebración Misa con nenos
http://recursos.catequesisdegalicia.com/pluginfile.php/2948/mod_resource/content/1/Misa%20con%20nenos.pdf
Posibles homilías para nenos
http://recursos.catequesisdegalicia.com/pluginfile.php/2768/mod_resource/content/1/Ideas%20para%20a%20homil%C3%ADa%20con%20nenos.pdf
+
http://recursos.catequesisdegalicia.com :
Celebración Misa con nenos
http://recursos.catequesisdegalicia.com/pluginfile.php/2948/mod_resource/content/1/Misa%20con%20nenos.pdf
Posibles homilías para nenos
http://recursos.catequesisdegalicia.com/pluginfile.php/2768/mod_resource/content/1/Ideas%20para%20a%20homil%C3%ADa%20con%20nenos.pdf
Participación na misa
LECTIO:
PENTECOSTE
(4 de xuño de 2017)
Pentecoste
é, como ben sabedes, o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito
Santo onda nós. Fai referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección
do Señor. Un número de días que tampouco se ha entender aquí literalmente senón
de maneira simbólica. Día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito
Santo onda nós, para se facer presente en nós: homes e mulleres do mundo
enteiro de hoxe, mais tamén de tódalas épocas anteriores e das vindeiras.
A
festa de Pentecoste está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto
coa festa da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e
dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da
súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba para sempre sinalado o camiño e
construída a ponte, entre terra e ceo, para acadarmos así vida e felicidade
definitivas. Hoxe, nesta festa do
Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha
“Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por
mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova situación
gloriosa de Xesús, anticipo da que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda
nós. Un “Espírito” que se queda xa para sempre onda nós. O Espírito de Deus veu
onda nós, está connosco e estarao sempre. A súa vinda non ten data de
caducidade. Veu para se quedar. De xeito que se é verdade que hai Ascensión de
Xesús ós ceos, non hai ascensión ou partida do Espírito Santo ó ceo. Él está no
corazón mesmo de cada un de nós e da nosa comunidade cristiá e aquí quere
permanecer como en casa propia.
Deste
modo, o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós
máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús permaneceu entre nós.
Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda
nós por Xesús e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da
súa “Ascensión”, que Él, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do
mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é
pola súa parte a presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, nas
persoas do mundo enteiro deica a fin dos tempos.
Nos
Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda
nós, coma “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo, e como “linguas de
lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha
transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos “cheos do
Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de dárense a entender por
cantos os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se
falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran
de moi diferentes linguas e nacións.
Tanto
nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de
mañá o que nos fai moita falla a tódolos cristiáns é ese “enchérmonos do
Espírito Santo”, tal como ocorreu no primeiro Pentecoste. Ese sentirmos en nós
a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para anunciarmos a
mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Coas palabras, aínda
que mellor cos feitos, porque, á fin de contas, as palabras sen os feitos non
son máis que sons baleiros.
De
que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do
Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de
Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a
si mesmo a nós no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o
poder transformador do Espírito Santo.
Por
iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir aquela petición que a
“Secuencia” litúrxica expresa deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven,
hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos...
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”
Teriamos
que concienciármonos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e
que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un
vento impetuoso capaz de derrubar rexos carballos ou castiñeiros. Un Deus libre
e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en
calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou
ritos concretos. Porque a súa grandeza (aquela da que falaban os apóstolos ós
alí presentes) é unha grandeza divina. Por ser tal, o Espírito de Deus actúa en
nós non só coma un vento forte, senón tamén como brisa ou alento suave que nos
dá paz e alegría. Así o expresaba ou simbolizaba Xesús cando no texto do evanxeo
se nos di que, despois de lles dar a paz ós seus discípulos, o Xesús resucitado
“alentou sobre eles”, dicíndolles: “Recibide o Espírito Santo”.
Un
“alento” que liberará os discípulos dos seus “des-alentos”, dos seus medos,
para anunciaren a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois, forte e
maino, ó que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de
culturas e de linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e
uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide hoxe tamén
o papa Francisco, para que o mundo poida así coñecer as grandezas de Deus.
Sobre
esta festa de Pentecoste lin algunha vez o seguinte: “Na Igrexa somos moi pouco
devotos do Espírito Santo. Porén, só no Espírito somos os cristiáns capaces das
cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o
Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin
servidores dos pobres. Non seriamos nada”.
Pois
ben, para convertérmonos, tal como deberiamos, en fervorosos devotos deste
Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza
agarimosa en nós, sería bo asumir e interiorizar aquelas palabras do comezo da
“Secuencia” litúrxica desta festividade: “Ven,
Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
A Ti, Espírito divino, que
procedes do Pai e do Fillo, dirixímosche neste día de Pentecoste as nosas
oracións coa emoción e a forza que Ti mesmo nos dás, dicindo: “Ven, Espírito divino”.
TODOS: “Ven, Espírito divino”.
- Ven, Espírito divino, manda
a túa luz do ceo.
TODOS: “Ven, Espírito
divino”.
- Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
TODOS: “Ven,
Espírito divino”.
- Ven, Espírito Santo, enche o
corazón dos teus fieis.
TODOS: “Ven,
Espírito divino”.
Pedímoscho,
Espírito divino do Pai e do Fillo, coa confianza e a esperanza que Ti mesmo nos
dás. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario