CELEBRACIÓN DE SAN CIDRE



CELEBRACIÓN DO SAN CIDRE
Cabrui, Mesía, 17 de maio do 2017.

Compañeiras e compañeiros, simpatizantes tod@s de CREMOSNORURAL:

            Comunicámosvos con moita satisfacción que un ano máis imos celebrar o San Cidre e Santa María da Cabeza, patróns do mundo rural. Será o 17 de maio, día das Letras Galegas, que no rural tiveron sempre o seu asento. E será en Cabrui, unha parroquia do Concello de Mesía, provincia da Coruña.
            O lema deste ano será o seguinte:

A COMUNIDADE PARROQUIAL, 
TAREFA COMÚN.

A chegada está marcada para as 11 da mañá, e ás 12 empezaremos a celebración.
Para a celebración a xente de Portonovo prepara a celebración do Perdón, a xente de Abadín prepara as preces, e alguén presentará tamén nun cartel grande as tarefas nas que nos queremos embarcar este ano, e tamén un dicionario galego para ofrendar a nosa fala.
Faremos un folletiño coma todos os anos.
Non é necesario que levedes mesas e cadeiras; hai alí abondas para todos. Levade si sombreiro ou viseira ou pucha, porque, se fai sol, faranos falla.
Pensamos que, se pode ser, por cada persoa recollades 2 euros para contribuír aos gastos que orixina a celebración: folleto, postal que se entregará ao final e axuda para pagar a carpa (se hai que poñela).

Para a boa organización de todo, é necesario que avisedes uns días antes cantas persoas e buses pensades ir.*

Para chegar a Cabrui é moi doado. Hai que dirixirse a Curtis (ollo!, non Cuntis). Podémolo facer desde Santiago (n. 634), ou desde Guitiriz, collendo tamén a N634 que pasa por Teixeiro a Curtis. Podémolo facer desde Melide ou Arzúa.
            A entrada de Curtis collemos a primeira desviación á esquerda, tal como vedes no deseño adxunto. Pásase un monolito que está no medio da estrada, pásase por diante dunha cooperativa e deseguida á esquerda collemos para Cabrui, que está alí a un paso. Todo moi curto, uns 5 quilómetros desde Curtis máis ou menos.



Sabedes que pola tarde poderemos participar cos de Cabrui na inauguración da Escola de Agricultura Ecolóxica que van empezar a atender eles. E despois tamén poderemos ir visitar a casa grande de Xanceda, onde se está funcionando unha innovadora empresa de produtos lácteos. Todo isto está no entorno de Cabrui, a moi poucos kms.


Vémonos, logo, en Cabrui. Apertas e alentos.





* Se alguén quere apuntarse (persoalmente ou en grupo/parroquia), que se poña en contacto comigo e eu dou aviso a través do correo: xanostesaqui@gmail.com


Comentarios

Publicacións populares