Ficha e Lectio - Domingo 5 de Pascua A

RECURSOS CATEQUESIS DE GALICIA:






VER TAMÉN.


LECTIO:

DOMINGO V DE PASCUA 
(Ciclo A: 14 de maio 2017)

            Xesús foi a tódolos niveis absolutamente desconcertante. Foino sempre desde que apareceu no mundo e serao no futuro para tódalas xeracións de humanos que veñan tras nós. E serao tamén na eternidade da vida que nos espera despois da morte.
            En realidade, case o máis estraño é o feito mesmo de que nos estrañemos disto. En realidade, a razón do noso desconcerto coas manifestacións de Deus é porque tendemos a facérmonos un Deus á nosa recortada medida. Mais resulta que Deus é sempre meirande cos nosos pensamentos sobre Él. Él é infinito non só no seu poder, no seu amor, na súa misericordia, etc., senón en si mesmo. O da súa infinitude é algo que só con moito esforzo intelectual podemos dalgún modo sospeitar ou albiscar, aínda que endexamais comprender de maneira total. Porque nós, á fin de contas, aínda que esteamos feitos á imaxe e semellanza de Deus, non somos nin podemos ser endexamais iguais a Él. Deus non hai nin pode haber máis ca un.
            Pois ben, o feito mesmo de que Deus, o Deus-Pai que nos descobre Xesús, puidese e quixese amosársenos como un máis de nós é algo realmente desconcertante. Poderiamos pensar que o propio de Deus sería mostrársenos por medios portentosos, inesperados, cósmicos, con sinais terroríficos ou absolutamente estraños. Mais isto sería, como digo, algo xa dalgún modo sospeitado ou maxinado por nós nas nosas cativas cabeciñas. Non. Deus preséntasenos, dásenos a coñecer dunha maneira aínda máis desconcertante, máis estraña. Coma un máis de nós.
            Xesús, a manifestación definitiva e total do que é o seu Deus e o noso Deus, dánolo a coñecer nacendo coma un de nós, sendo rapaz e mozo como un de nós, tendo que traballar e relacionarse coa conflitiva sociedade do seu tempo como calquera persoa de hoxe co noso tempo.
            Non está Deus, polo tanto, lonxe de nós? Pois, polo que se ve, semella que non. Xa o apóstolo Paulo lles dicía ós gregos (achegándose o máis posíbel ó seu modo de ver as cousas e ó que pensaban os filósofos gregos do seu tempo) que Deus non está lonxe de nós, que nel vivimos, nos movemos e estamos... Naturalmente, estamos nel con total liberdade de movementos pola nosa parte, porque o espazo, por así dicilo, de Deus non é cativo, non é limitado, senón infinito...
            Tentando, pois, descubrir estas estrañezas de Deus das que estamos a falar, unha das cousas que desde sempre máis me chamaron a atención a min na lectura dos evanxeos é este curto diálogo de hoxe entre Xesús e os apóstolos Tomé e Filipe que aparece no evanxeo de Xoán.
            Vexamos máis concretamente. Xesús fálalles ós seus discípulos do “camiño” que leva á casa do Pai, á casa onde se atopa a verdadeira vida e na que hai, como di Xesús, “moitas moradas”. O diálogo queda enmarcado por Xoán cara ó final da vida de Xesús. Na súa derradeira cea. A esas alturas Xesús, que preside esta cea, fai coma quen supón que os apóstolos están xa suficientemente ó tanto de cal é o camiño que conduce a Deus Pai. Xesús está precisamente percorrendo agora as últimas etapas deste camiño, ó final da súa vida. Pois ben, dilles el entón: “E a onde eu vou, ben sabedes vós o camiño”.
            Mais Tomé, o mesmo que posteriormente esixiría ante os seus compañeiros probas contantes e soantes da resurrección de Xesús, replícalle a Xesús que el, Tomé, lonxe de saber deste camiño, non ten idea nin de a onde vai Xesús nin de cal é o camiño. Pola súa parte, Xesús volverá insistir naquilo do domingo anterior. Como lembraredes, Xesús dicía de si mesmo: “Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase”. Pois ben, despois disto engade Xesús agora de maneira, se se quere, máis clara e máis ampla: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min”. É xustamente agora cando entra en liza Filipe cunha interpelación que lle fai a Xesús, na que lle vén dicir que iso do “camiño” e demais cara ó Pai é algo que lle resulta escuro e enmarañado. Que o más práctico e sinxelo sería que, para dicilo dalgunha maneira, se deixase de lerias e lles amosase a eles, directamente e sen rodeos, o Pai: “Señor, -dille Filipe- móstranos o Pai e abóndanos”.
            O que agora lle intenta facer comprender Xesús a Filipe é o que vos dicía que sempre me impresionou e me continúa a impresionar: “Pero, Filipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai”.
            Leva moitos séculos a humanidade -filósofos, teólogos, literatos, poetas, xente normal de a pé coma vós ou coma min- intentando saber quen é Deus ou como é Él. E resulta que quen sabe do tema nos informa sobre iso de maneira moi sinxela, moi sorprendente. “Olládeme a min e saberedes cómo é Deus, quen é Él”.
            Ver Xesús é, pois, ver o Pai. E Xesús non deixa por iso de ser un máis entre nós, un coma nós, aínda que, naturalmente, moito máis “humano”, infinitamente máis humano,  ca nós. Por iso precisamente é a verdadeira manifestación de Deus, “o Fillo de Deus”. Por ser infinitamente humano. Nós só somos humanos dun xeito moi limitado.
            Polo tanto, como dicía Paulo, Deus non está lonxe. Está en Xesús, irmán maior noso, conxuntado e solidario con toda a humanidade de tódolos tempos, lugares e ideoloxías. Deus está en toda a creación, en toda persoa humana. Está alí onde ninguén pensa que podería estar: alí onde hai pobres, sufrintes, xentes ás que ninguén lles fai caso ningún. Ou, tal como nos di Pedro na súa carta, Deus préstalles atención a esas “pedras de refugallo” que parece que non serven para nada, mais que, como di o mesmo Pedro, referíndose a Xesús, se converteron en “esquinal”, en “pedra viva” do edificio feito por Deus.
            É esta unha lección que non nos resulta doado aprender. Mais paga a pena intentar pensala, meditala e, sobre todo, practicala na nosa vida. Polo menos, intentemos coa forza e a graza do Espírito de Deus, sermos firmes nesta fe en Xesús como manifestación de Deus e presenza viva súa entre nós e para todos.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu propio fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a nosas oracións, dicindo:      ESCÓITANOS, PAI. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

- Apréndenos, Pai, a verte a Ti, Deus noso, reflectido e presente no teu fillo Xesús.         
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos en cada un dos nosos irmáns máis pequenos e necesitados o teu Fillo Xesús e, polo tanto, a Ti mesmo neles.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concede, Pai, á túa Igrexa saber anunciar con agradecemento e alegría ó mundo enteiro que alí onde está Xesús, alí estás tamén Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso. AMÉN.



Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:





Comentarios

Publicacións populares