Fostes redimidos polo precioso sangue do Año Inmaculado,Cristo - 1 Pe 1, 17-21

Domingo 3 de Pascua - ciclo A


TAMÉN NÓS IMOS POLA VIDA

Tamén nós imos pola vida coma os discípulos de Emaús:
pensando que a vida non ten sentido,
crendo que todo é negro, incapaces de ver cos nosos ollos
a claridade do día e as estrelas da noite;
coa tentación de crer que a dor é máis forte cá vida;
dicindo que isto non ten saída,
que non hai quen o amañe;
facéndonos demasiadas ilusións.

Señor, non poderías saír hoxe ao camiño 
e pasear connosco?, 
non poderías levantar a nosa esperanza,
quedar a comer e quentar o noso corazón frío; 
non poderías facer algo para descubrir a túa presenza? 
Non poderías repetir aquela escena de Emaús na nosa vida? 
Non poderías, Señor, non poderías... ?

Si, sabemos que podes... 
Quizá é que hoxe estamos coma daquela,
cos ollos mergullados na cegueira
e nubrados de tristura diante da dor que nos rodea.
Pero si, sabemos que podes....
Por iso, unha vez iluminados,
mantémonos á túa espera.

Comentarios

Publicacións populares