27 may. 2017

Ficha e Lectio - Ascensión do Señor A


+




LECTIO:
ASCENSIÓN DO SEÑOR 
(28 de maio de 2017)

            Esta festa luminosa da Ascensión abrangue e agacha en si mensaxes e ideas grandes e sublimes, que non podemos menosprezar. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, veñen xuntarse dalgunha maneira o ceo e maila terra. Non estamos a falar, claro, do ceo ou da terra nun senso físico ou cósmico. Ben o entendedes. Ceo ou terra son, en definitiva, símbolos de dúas realidades diferentes. Coa terra asociamos o limitado, o pasaxeiro, o imperfecto. Pola contra, co ceo o que non remata, o totalmente bo, o infinito. A iso nos referimos, pois, e non a ámbitos concretos máis ou menos distantes un do outro.
            Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila terra, totalmente diferentes ou opostas. En Deus Pai atópase a síntese e a razón de ser de ámbalas dúas. Pois Él, “o Pai omnipotente”, tal como o confesamos no Credo, é o “Creador do ceo e máis da terra”. E no seu Fillo Xesús, a terra e a humanidade toda está e estará sempre presente por toda unha eternidade. Porque Él, Xesús, é e será sempre un de nós, por moi Fillo único de Deus que sexa.
            Cristo “ascende”, pois, cara a unha nova e definitiva situación. E vainos amosando así cal é tamén o noso “camiño”. Xa nos dixera Él que non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño, polo tanto, que todos estamos chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito Santo que Xesús mesmo nos dá.
            Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que non a facemos en solitario. Ben sabemos que este tipo de actividades fanse mellor cando un vai con outros que o acompañan, que lle dan azos ou que lle fornecen axuda cando a precisamos. Por outro lado, non só camiñamos con outros coma nós, senón que o propio Xesús camiña connosco. E non de calquera maneira. El vai sempre diante, facendo o meirande esforzo, algo así (permitídeme a comparanza) como o ciclista que fai de “cabeza”, que vai tirando do pelotón. En realidade, Paulo, non só na carta de hoxe senón tamén noutros escritos seus, non deixa de utilizar imaxes semellantes ou outros símiles deportivos da época. Segundo Paulo, na súa carta de hoxe ós Efesios, nós os cristiáns formamos con Cristo un só corpo, sendo Él a “cabeza” deste corpo. Deus Pai, escribe Paulo, é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso, que ten ó propio Xesús como “cabeza” dirixente e coidadora de tódolos membros do seu corpo. Formamos, pois, unha unidade, un “equipo” (valla de novo a comparanza), tendo como “xefe de filas”, como “cabeza” a Xesús.
            Mais de aquí para adiante a comparanza co ciclismo xa non nos vale. Porque o noso ascenso non é contra ninguén nin para ganarlle a partida co noso esforzo a outros contrincantes. Todos, toda a humanidade, sexan da ideoloxía ou crenza que sexan, están, estamos, chamados e convidados a este esforzo común cara a unha meta fermosa e que ninguén no fondo pode deixar de apetecer.
            Pois, quen non quere vivir? Quen non busca a verdade? Quen non quere dar co camiño que leva á felicidade? Pois ben, quen queira que teña este tipo de apetencias ou desexos pode estar seguro de que Xesús está con el e de que el está con Xesús. Non podemos converter Xesús en alguén que está reservado só para certas persoas, que fagan certas cousas, realicen certos ritos ou cumpran con determinados preceptos concretos. Xesús esta aí para todos, para toda a humanidade. Pois El non é nin máis nin menos que a imaxe do Pai Deus, é dicir, de quen o fixo todo e nos fixo tamén a todos e a cada un de nós tal e como somos. Tan diferentes e ó tempo tamén, no fondo, tan semellantes.
            Por iso Paulo, na súa carta de hoxe, ó falarnos de que a Igrexa é o corpo de Cristo e sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a Igrexa (e non só sobre Cristo) que a Igrexa é “a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas”. Precisamente por esta razón a Igrexa non pode menos de se entender a si mesma como “católica”, é dicir, como “universal”.
            Isto pode ser relacionado tamén co mandado que, a teor do evanxeo, lles fai Xesús ós seus apóstolos: “Ide e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Por moitas veces que teñamos escoitado esta fórmula ritual do bautismo, non deberiamos deixar de considerar que con ela o que é bautizado vén mergullarse simbolicamente nese mar infinito que é o Deus un e “trino”. Tamén en Deus hai, pois, lugar para a “diferenza”. Él non é só “unidade”. E se hai “diferenza” no seo mesmo de Deus, ha de habela tamén no interior da Igrexa e no mundo.
            Coa Ascensión de Xesús, que é por dicilo así o cumio da súa Resurrección, estamos todos chamados a agradecer, unha vez máis, a grandeza de Deus Pai e dos seus proxectos sobre nós. Neste senso, fálanos hoxe Paulo de que teriamos que abrir os nosos ollos para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación connosco.
            Como se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.
            E, unha vez dito isto, cómpre engadir aínda. Este Xesús ascendido e enxalzado sobre ceos e terra segue a ser un de nós, asegurándonos, tal como se nos di no evanxeo de Mateo, que el “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. A nosa esperanza está, pois, ben fundada.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a nosas oracións por medio do teu Fillo Xesús e na forza do Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos en Xesús, que ascende hoxe ós cos, o verdadeiro camiño que nos leva cara a Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos a humanidade toda como destinada a superarse cada vez máis a si mesma nun ascenso continuo cara arriba, cara un comportamento individual e social cada vez máis próximo ó evanxeo. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axuda, Pai, tódalas persoas e países do mundo para que poidan superar a súa situación de prostración social, económica e espiritual, non querida por Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, que hoxe ascendeu ós ceos. TODOS: AMÉN.



Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:


No hay comentarios:

Publicar un comentario