HOAC/XOC MANIFESTO 1º DE MAIO
Tender pontes no mundo obreiro e do traballo
Celebramos o 1º de Maio, a festa máis importante para o mundo obreiro, no que as traballadoras e traballadores de todo o mundo nos unimos para manifestarnos e reivindicar traballo e mellores condicións laborais.
Expresións como: «cheguei a traballar ata 17 horas nun día», «cada venres danme as quendas da próxima semana», «teño un contrato que empeza e termina no mesmo día», «é o que hai», en boca de Inés, David, Adrián,... son cada día máis frecuentes e fan que o presente e o futuro das traballadoras e traballadores sexa incerto, xa que nos leva ao conformismo e a vivir eternamente instalados na precariedade laboral.
A miúdo escoitamos que saímos da crise, que a economía mellorou e que se está creando emprego. Escoitamos menos que esta baixada do desemprego leva consigo precarización e perda de dereitos: temporalidade, inestabilidade, falsos autónomos, horas extras non remuneradas e máis pobreza. Segundo datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, en marzo o paro baixou en 48.559 persoas, moi poucas comparadas coas 3.702.317 que continúan aínda rexistradas nas oficinas de emprego, levándose a peor parte as mulleres e as persoas novas.
Apenas se di tampouco que ter traballo non é garantía hoxe de poder vivir con dignidade. Os denominados «traballadores pobres», os novos excluídos do século XXI, representan xa o 14,8%, mentres que o 22,1% das persoas do noso país atópase xa en risco de pobreza e exclusión (Informe Análise e perspectivas 2016. Fundación FOESSA, Cáritas. Nov 2016) .
Asistimos á globalización da economía, non hai fronteiras para o capital, con todo levantamos muros e fronteiras para as persoas. Ante isto, é urxente tender pontes, pór no centro á persoa.
O papa Francisco fai énfase, na Laudato si (127-128), que o ser humano debe estar no centro da vida e tamén nos lembra que «sen traballo a dignidade está ferida» (Terni, 20.03.14).
A XOC e a HOAC, como Igrexa encarnada no mundo obreiro e do traballo, manifestamos que é urxente e necesario abordar a situación do traballo desde todos os ámbitos da sociedade. Cremos que, só co esforzo de todas e todos, poderemos recuperar dereitos e darlle a importancia que ten o traballo como elemento central na vida das persoas.
Estamos convocados a ofrecer unha resposta social conxunta e traballar para:
- Promover o traballo decente. Un traballo que respecte os dereitos das traballadoras e traballadores, asegurando un salario xusto e seguridade no posto de traballo.
- Acceso ao traballo para todas e todos. Ante a situación que estamos a vivir, cremos importante que toda persoa teña acceso a un emprego digno que respecte a vocación e que nos permita sentirnos partícipes da construción da sociedade.
- Evitar a discriminación. Aínda que se avanzou no recoñecemento de igualdade de dereitos, hai que dar pasos e integrar aos diversos colectivos no mundo do traballo, e coidar a non discriminación de persoas por razón de xénero, discapacidade, país de orixe, orientación sexual, etnia, raza, relixión...
- Garantir a protección social. Que asegure a protección das familias e mellore as perspectivas de desenvolvemento persoal e integración social. E ao mesmo tempo priorizar a necesidade dunha renda de cidadanía que garanta a súa protección.
- Repensar a participación e a conciliación. Que dea liberdade para que as persoas expresen as súas opinións, se impliquen e participen nas decisións que afectan á organización do traballo. Un traballo que nos permita conciliar a vida laboral e familiar e o desenvolvemento das necesidades culturais e espirituais, así como o compromiso militante como cidadáns comprometidos.
- Recoñecer os traballos de coidados. Debemos seguir avanzando cara a un sistema no que non só os traballos «produtivos» sexan recoñecidos socialmente como traballo, senón tamén os traballos de coidados que posibilitan a vida (o coidado de nenos e persoas maiores, a atención á dependencia, o coidado da natureza...).
- Dialogar sobre o presente e futuro do traballo. É necesario e urxente sentarnos nunha mesa de diálogo onde gobernos, empresarios, sindicatos e outras organizacións sociais reflexionemos sobre o sentido humano e humanizador do traballo e como necesitamos organizar o traballo, así como medios para que o traballo e o sistema de produción teñan como obxectivo a xustiza social.
Xesucristo, Boa Noticia para as mulleres e homes de hoxe, dedicou a súa vida a anunciar un mundo novo, o Reino de Deus que estamos chamados construír aquí e agora. Tamén nós, aínda sendo conscientes da situación que vivimos, anunciamos e pomos a nosa esperanza nos pequenos cambios que están a dar na sociedade (consumo responsable, economía de comuñón, coidado da creación,...) que, como a semente ou o fermento na masa, transforman a realidade nos barrios, nos nosos traballos, na rúa e nas nosas casas.
Estas pequenas sementes que hoxe constrúen Reino poden inspirarnos para tender pontes e crear un mundo entre todas e todos onde se respecte a dignidade da persoa e o dereito a un traballo decente.
TOMADO DE:
Comentarios
Publicar un comentario