LAUDATO SI´: ORACIÓNS FINAIS


Oración pola nosa terra

Deus omnipotente,
que estás presente en todo o universo
e na máis pequena das túas criaturas,
Ti, que rodeas coa túa tenrura todo o que existe,
derrama en nós a forza do teu amor
para que coidemos a vida e a beleza.
Aláganos de paz,
para que vivamos como irmáns e irmás sen danar a ninguén.

Deus dos pobres,
axúdanos a rescatar aos abandonados e esquecidos
desta terra que tanto valen aos teus ollos.
Sa nosas vidas,
para que sexamos protectores do mundo
e non depredadores,
para que sementemos fermosura
e non contaminación e destrución
Toca os corazóns
dos que buscan só beneficios
á conta dos pobres e da terra.
Ensínanos a descubrir o valor de cada cousa,
 a contemplar admirados,
a recoñecer que estamos
profundamente unidos con todas as criaturas
no noso camiño cara á túa luz infinita.

Grazas porque estás connosco todos os días.
Aléntanos, por favor, na nosa loita
pola xustiza, o amor e a paz.



Oración cristiá coa creación
  
Loámoste, Pai,
con todas as túas criaturas,
que saíron da túa man poderosa.
Son túas,
e están cheas da túa presenza e da túa tenrura.
Loado sexas.

Fillo de Deus, Xesús,
por ti foron creadas todas as cousas.
Formácheste no seo materno de María,
 fixécheste parte desta terra,
e miraches este mundo con ollos humanos.
Hoxe estás vivo en cada criatura
coa túa gloria de resucitado.
Loado sexas.

Espírito Santo, que coa túa luz
orientas este mundo cara ao amor do Pai
e acompañas o xemido da creación,
ti vives tamén nos nosos corazóns
para impulsarnos ao ben.
Loado sexas.

Señor Un e Trino,
comunidade preciosa de amor infinito,
ensínanos a contemplarte
na beleza do universo, onde todo nos fala de Ti.
Esperta a nosa loanza e a nosa gratitude
por cada ser que creaches.
Dános a graza de sentirnos intimamente unidos
con todo o que existe.

Deus de amor,
móstranos o noso lugar neste mundo
como instrumentos do teu agarimo
por tódolos seres desta terra,
porque ningún deles está esquecido diante túa.
Ilumina aos donos do poder e do diñeiro
para que se garden do pecado da indiferenza,
 amen o ben común,
promovan aos débiles e coiden este mundo que habitamos.
Os pobres e a terra están a clamar:
Señor, tómanos a nós co teu poder e a túa luz,
para protexer toda vida,
para preparar un futuro mellor,
para que veña o teu Reino
de xustiza, de paz, de amor e de fermosura.

Loado sexas.
Amén.



Dado en Roma, xunto a San Pedro, o 24 de maio, Solemnidade de Pentecoste, 
do ano 2015, terceiro do meu Pontificado.
  
Franciscus

Comentarios

Publicacións populares