LAUDATO SI´: Capítulo 5 - I,II (1º parte)
CAPÍTULO QUINTO
ALGUNHAS
LIÑAS DE ORIENTACIÓN E ACCIÓN
163.
Tentei analizar a situación actual da humanidade, tanto nas gretas que se
observan no planeta que habitamos, como nas causas máis profundamente humanas
da degradación ambiental. Aínda que esa contemplación da realidade en si mesma
xa nos indica a necesidade dun cambio de rumbo e suxírenos algunhas accións,
tentemos agora delinear grandes camiños de diálogo que nos axuden a saír da
espiral de autodestrución na que nos estamos mergullando.
I. Diálogo sobre o medio ambiente na política internacional
164.
Desde mediados do século pasado, e superando moitas dificultades, se foi
afirmando a tendencia a concibir o planeta como patria e a humanidade como pobo
que habita unha casa de todos. Un mundo interdependiente non significa
unicamente entender que as consecuencias prexudiciais dos estilos de vida,
produción e consumo afectan a todos, senón principalmente procurar que as
solucións se propoñan desde unha perspectiva global e non só en defensa dos
intereses dalgúns países. A interdependencia obríganos a pensar nun só mundo,
nun proxecto común. Pero a mesma intelixencia que se utilizou para un enorme
desenvolvemento tecnolóxico non logra atopar formas eficientes de xestión
internacional en orde a resolver as graves dificultades ambientais e sociais.
Para afrontar os problemas de fondo, que non poden ser resoltos por accións de
países illados, é indispensable un consenso mundial que leve, por exemplo, a
programar unha agricultura sustentable e diversificada, a desenvolver formas
renovables e pouco contaminantes de enerxía, a fomentar unha maior eficiencia
enerxética, a promover unha xestión máis adecuada dos recursos forestais e
mariños, a asegurar a todos o acceso á auga potable.
166.
O movemento ecolóxico mundial fixo xa un longo percorrido, enriquecido polo
esforzo de moitas organizacións da sociedade civil. Non sería posible aquí
mencionalas a todas nin percorrer a historia das súas achegas. Pero, grazas a
tanta entrega, as cuestións ambientais estiveron cada vez máis presentes na
axenda pública e convertéronse nunha invitación constante a pensar a longo
prazo. No entanto, os Cumes mundiais sobre o ambiente dos últimos anos non
responderon as expectativas porque, por falta de decisión política, non
alcanzaron acordos ambientais globais realmente significativos e eficaces.
167.
Cabe destacar o Cume da Terra, celebrada en 1992 en Río de Xaneiro. Alí
proclamouse que «os seres humanos constitúen o
centro das preocupacións relacionadas co desenvolvemento sustentable»[126] . Retomando contidos da
Declaración de Estocolmo (1972), consagrou a cooperación internacional para
coidar o ecosistema de toda a terra, a obriga por parte de quen contamina de
facerse cargo economicamente diso, o deber de avaliar o impacto ambiental de
toda obra ou proxecto. Propuxo o obxectivo de estabilizar as concentracións de
gases de efecto invernadoiro na atmosfera para reverter o quecemento global.
Tamén elaborou unha axenda cun programa de acción e un convenio sobre diversidade
biolóxica, declarou principios en materia forestal. Aínda que aquel cume foi
verdadeiramente superador e profético para a súa época, os acordos tiveron un
baixo nivel de implementación porque non se estableceron adecuados mecanismos
de control, de revisión periódica e de sanción dos incumprimentos. Os
principios enunciados seguen reclamando camiños eficaces e áxiles de execución
práctica.
[126] Declaración de Río sobre o medio ambiente e o
desenvolvemento (14 xuño 1992), Principio 1.
168.
Como experiencias positivas pódense mencionar, por exemplo, o Convenio de Basilea sobre os refugallos
perigosos, cun sistema de notificación, estándares e controis; tamén a
Convención vinculante que regula o comercio internacional de especies ameazadas
de fauna e flora silvestre, que inclúe misións de verificación do cumprimento
efectivo. Grazas á Convención de Viena
para a protección da capa de ozono e á súa implementación mediante o Protocolo
de Montreal e as súas emendas, o problema do adelgazamento desa capa parece
entrar nunha fase de solución.
169.
No coidado da diversidade biolóxica e no relacionado coa desertificación, os
avances foron moito menos significativos. No relacionado co cambio climático,
os avances son lamentablemente moi escasos. A redución de gases de efecto
invernadoiro require honestidade, valentía e responsabilidade, sobre todo dos países
máis poderosos e máis contaminantes. A Conferencia das Nacións Unidas sobre o
desenvolvemento sustentable denominada Rio+20 (Río de Xaneiro 2012) emitiu unha
extensa e ineficaz Declaración final. As negociacións internacionais non poden
avanzar significativamente polas posicións dos países que privilexian os seus
intereses nacionais sobre o ben común global. Os que sufrirán as consecuencias
que nós tentamos disimular lembrarán esta falta de conciencia e de
responsabilidade. Mentres se elaboraba esta Encíclica, o debate adquiriu unha
particular intensidade. Os crentes non podemos deixar de pedirlle a Deus polo
avance positivo nas discusións actuais, de maneira que as xeracións futuras non
sufran as consecuencias de imprudentes retardos.
170.
Algunhas das estratexias de baixa emisión de gases contaminantes buscan a internacionalización
dos custos ambientais, co perigo de impor aos países de menores recursos
pesados compromisos de redución de emisións comparables aos dos países máis
industrializados. A imposición destas medidas prexudica aos países máis
necesitados de desenvolvemento. Deste xeito, agrégase unha nova inxustiza
envolta na roupaxe do coidado do ambiente. Como sempre, o fío córtase polo máis
débil. Dado que os efectos do cambio climático faranse sentir durante moito
tempo, aínda cando agora se tomen medidas estritas, algúns países con escasos
recursos necesitarán axuda para adaptarse a efectos que xa se están producindo
e que afectan as súas economías. Segue sendo certo que hai responsabilidades
comúns pero diferenciadas, sinxelamente porque, como dixeron os Bispos de
Bolivia, «os países que se beneficiaron por un alto
grao de industrialización, á conta dunha enorme emisión de gases invernadoiros,
teñen maior responsabilidade en achegar á solución dos problemas que causaron»[127] .
[127] Conferencia Episcopal Boliviana, Carta pastoral
sobre medio ambiente e desenvolvemento humanoen Bolivia O universo, don de Deus
para a vida (2012), 86.
171.
A estratexia de compravenda de « bonos de
carbono » pode dar lugar a unha nova forma de especulación, e non servir
para reducir a emisión global de gases contaminantes. Este sistema parece ser
unha solución rápida e fácil, coa aparencia de certo compromiso co medio
ambiente, pero que de ningunha maneira implica un cambio radical á altura das
circunstancias. Máis ben pode converterse nun recurso diversivo que permita
soster o sobreconsumo dalgúns países e sectores.
172.
Os países pobres necesitan ter como prioridade a erradicación da miseria e o
desenvolvemento social dos seus habitantes, aínda que deban analizar o nivel
escandaloso de consumo dalgúns sectores privilexiados da súa poboación e
controlar mellor a corrupción. Tamén é verdade que deben desenvolver formas
menos contaminantes de produción de enerxía, pero para iso requiren contar coa
axuda dos países que creceron moito á conta da contaminación actual do planeta.
O aproveitamento directo da abundante enerxía solar require que se establezan
mecanismos e subsidios de modo que os países en desenvolvemento poidan acceder
a transferencia de tecnoloxías, asistencia técnica e recursos financeiros, pero
sempre prestando atención ás condicións concretas, xa que «non sempre é adecuadamente avaliada a compatibilidade dos
sistemas co contexto para o cal foron deseñados»[128] .Os custos serían baixos se llos compara cos riscos do cambio
climático. De todos os xeitos, é ante todo unha decisión ética, fundada na
solidariedade de todos os pobos.
[128] Consello Pontificio Xustiza e Paz, Enerxía,
xustiza e paz, IV, 1, Cidade do Vaticano 2013,57.
173.
Urxen acordos internacionais que se cumpran, dada a fraxilidade das instancias
locais para intervir de modo eficaz. As relacións entre Estados deben resgardar
a soberanía de cada un, pero tamén establecer camiños consensuados para evitar
catástrofes locais que terminarían afectando a todos. Fan falta marcos
regulatorios globais que impoñan obrigacións e que impidan accións
intolerables, como o feito de que países poderosos expulsen a outros países
residuos e industrias altamente contaminantes.
174.
Mencionemos tamén o sistema de gobernanza dos océanos. Pois, aínda que houbo
diversas convencións internacionais e rexionais, a fragmentación e a ausencia
de severos mecanismos de regulamentación, control e sanción terminan minando todos
os esforzos. O crecente problema dos residuos mariños e a protección das áreas
mariñas máis aló das fronteiras nacionais continúa expondo un desafío especial.
En definitiva, necesitamos un acordo sobre os réximes de gobernanza para toda a
gama dos chamados «bens comúns globais».
175.
A mesma lóxica que dificulta tomar decisións drásticas para invertir a
tendencia ao quecemento global é a que non permite cumprir co obxectivo de
erradicar a pobreza. Necesitamos unha reacción global máis responsable, que
implica encarar ao mesmo tempo a redución da contaminación e o desenvolvemento
dos países e rexións pobres. O século XXI, mentres mantén un sistema de
gobernanza propio de épocas pasadas, é escenario dun enfraquecemento de poder
dos Estados nacionais, sobre todo porque a dimensión económico- financeira, de
características transnacionales, tende a predominar sobre a política. Neste
contexto, vólvese indispensable a maduración de institucións internacionais
máis fortes e eficazmente organizadas, con autoridades designadas
equitativamente por acordo entre os gobernos nacionais, e dotadas de poder para
sancionar. Como afirmaba Benedito XVI na liña xa desenvolvida pola doutrina
social da Igrexa, «para gobernar a economía
mundial, para sanear as economías afectadas pola crise, para previr o seu
empeoramento e maiores desequilibrios consecuentes, para lograr un oportuno
desarmamento integral, a seguridade alimenticia e a paz, para garantir a
salvaguardia do ambiente e regular os fluxos migratorios, urxe a presenza dunha
verdadeira Autoridade política mundial, como foi xa esbozada polo meu
Predecesor, [san] Xoán XXIII»[129]
. Nesta perspectiva, a diplomacia adquire unha importancia inédita, en orde
a promover estratexias internacionais que se anticipen aos problemas máis
graves que terminan afectando a todos.
[129] Benedito XVI, Carta enc. Caritas in veritate (29
xuño 2009), 67: AAS 101 (2009), 700.
II. Diálogo cara a novas políticas nacionais e locais
176.
Non só hai gañadores e perdedores entre os países, senón tamén dentro dos
países pobres, onde deben identificarse diversas responsabilidades. Por iso, as
cuestións relacionadas co ambiente e co desenvolvemento económico xa non se
poden expor só desde as diferenzas entre os países, senón que requiren prestar
atención ás políticas nacionais e locais.
177.
Ante a posibilidade dunha utilización irresponsable das capacidades humanas,
son funcións impostergables de cada Estado planificar, coordinar, vixiar e
sancionar dentro do seu propio territorio. A sociedade, como ordena e custodia o
seu devir nun contexto de constantes innovacións tecnolóxicas? Un factor que
actúa como moderador executivo é o dereito, que establece as regras para as
condutas admitidas á luz do ben común. Os límites que debe impor unha sociedade
sa, madura e soberana asócianse con: previsión e precaución, regulacións
adecuadas, vixilancia da aplicación das normas, control da corrupción, accións
de control operativo sobre os efectos emerxentes non desexados dos procesos
produtivos, e intervención oportuna ante riscos incertos ou potenciais. Hai
unha crecente xurisprudencia orientada a diminuír os efectos contaminantes dos
emprendimientos empresariais. Pero o marco político e institucional non existe
só para evitar malas prácticas, senón tamén para alentar as mellores prácticas,
para estimular a creatividade que busca novos camiños, para facilitar as
iniciativas persoais e colectivas.
178.
O drama do inmediatismo político, sostido tamén por poboacións consumistas,
provoca a necesidade de producir crecemento a curto prazo. Respondendo a
intereses electorais, os gobernos non se expoñen facilmente a irritar á
poboación con medidas que poidan afectar o nivel de consumo ou pór en risco
investimentos estranxeiros. A miopía da construción de poder detén a
integración da axenda ambiental con mirada ampla na axenda pública dos
gobernos. Esquécese así que «o tempo é superior ao
espazo»[130] ,que sempre
somos máis fecundos cando nos preocupamos por xerar procesos máis que por
dominar espazos de poder. A grandeza política móstrase cando, en momentos
difíciles, se obra por grandes principios e pensando no ben común a longo
prazo. Ao poder político cústalle moito asumir este deber nun proxecto de
nación.
[130] Exhort. ap.
Evangelii gaudium (24 novembro 2013), 222: AAS 105 (2013), 1111.
179.
Nalgúns lugares, están a desenvolverse cooperativas para a explotación de
enerxías renovables que permiten o autoabastecimiento local e mesmo a venda de
excedentes. Este sinxelo exemplo indica que, mentres a orde mundial existente se
mostra impotente para asumir responsabilidades, a instancia local pode facer
unha diferenza. Pois alí se pode xerar unha maior responsabilidade, un forte
sentido comunitario, unha especial capacidade de coidado e unha creatividade
máis xenerosa, un entrañable amor á propia terra, así como se pensa no que se
deixa aos fillos e aos netos. Estes valores teñen un arraigamento moi fondo nas
poboacións aboríxenes. Dado que o dereito ás veces móstrase insuficiente debido
á corrupción, requírese unha decisión política presionada pola poboación. A
sociedade, a través de organismos non gobernamentais e asociacións intermedias,
debe obrigar aos gobernos a desenvolver normativas, procedementos e controis
máis rigorosos. Se os cidadáns non controlan ao poder político -nacional,
rexional e municipal-, tampouco é posible un control dos danos ambientais. Por
outra banda, as lexislacións dos municipios poden ser máis eficaces se hai
acordos entre poboacións veciñas para soster as mesmas políticas ambientais.
180.
Non se pode pensar en receitas uniformes, porque hai problemas e límites
específicos de cada país ou rexión. Tamén é verdade que o realismo político
pode esixir medidas e tecnoloxías de transición, sempre que estean acompañadas
do deseño e a aceptación de compromisos graduais vinculantes. Pero nos ámbitos
nacionais e locais sempre hai moito por facer, como promover as formas de
aforro de enerxía. Isto implica favorecer formas de produción industrial con
máxima eficiencia enerxética e menos cantidade de materia prima, quitando do
mercado os produtos que son pouco eficaces desde o punto de vista enerxético ou
que son máis contaminantes. Tamén podemos mencionar unha boa xestión do
transporte ou formas de construción e de saneamento de edificios que reduzan o
seu consumo enerxético e o seu nivel de contaminación. Por outra banda, a
acción política local pode orientarse á modificación do consumo, ao
desenvolvemento dunha economía de residuos e de reciclaxe, á protección de
especies e á programación dunha agricultura diversificada con rotación de
cultivos. É posible alentar a mellora agrícola de rexións pobres mediante
investimentos en infraestruturas rurais, na organización do mercado local ou
nacional, en sistemas de rega, no desenvolvemento de técnicas agrícolas
sustentables. Pódense facilitar formas de cooperación ou de organización
comunitaria que defendan os intereses dos pequenos produtores e preserven os ecosistemas
locais da depredación. É tanto o que si se pode facer!
181.
É indispensable a continuidade, porque non se poden modificar as políticas
relacionadas co cambio climático e a protección do ambiente cada vez que cambia
un goberno. Os resultados requiren moito tempo, e supoñen custos inmediatos con
efectos que non poderán ser mostrados dentro do actual período de goberno. Por
iso, sen a presión da poboación e das institucións sempre haberá resistencia a
intervir, máis aínda cando haxa urxencias que resolver. Que un político asuma
estas responsabilidades cos custos que implican, non responde á lóxica
eficientista e inmediatista da economía e da política actual, pero se se atreve
a facelo, volverá recoñecer a dignidade que Deu lle deu como humano e deixará
tras o seu paso por esta historia un testemuño de xenerosa responsabilidade.
Hai que conceder un lugar preponderante a unha sa política, capaz de reformar
as institucións, coordinalas e dotalas de mellores prácticas, que permitan
superar presións e inercias viciosas. Con todo, hai que agregar que os mellores
mecanismos terminan sucumbindo cando faltan os grandes fins, os valores, unha
comprensión humanista e rica de sentido que outorguen a cada sociedade unha
orientación nobre e xenerosa.
Comentarios
Publicar un comentario