Ficha e Lectio - Asunción da Virxe María
FICHAS ADAPTADAS DE:
VER MÁIS:
LECTIO:
ASUNCIÓN DE MARÍA
(15 agosto 2015)
Máis dunha vez comentei que todos (sexamos ou non
suficientemente conscientes diso) queremos vivir sempre e plenamente. Isto
lévanos a querermos ser os máis grandes, os máis intelixentes, os máis ricos,
os máis poderosos, os máis xenerosos, etc. etc. Recoñezámolo ou non, algo diso
agáchase sempre no noso interior, no noso corazón. En principio tampouco ten
que ser considerado iso como algo “malo”. Pois en realidade, con esa tendencia
cara ó máis alto non facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a
nosa procedencia de quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas
perfeccións que podemos maxinar, en grao infinito ademais.
Sen eses desexos a humanidade deixaría de ser o que é. Se
non tivésemos desexos de vivir sempre e, polo tanto, non desexásemos progresar
e mellorar as cousas, deixaríamos en definitiva de ser humanos. Seriamos coma
calquera outra especie simplemente animal.
Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para
esas melloras na realidade humana, fai
falla termos moi en conta os demais: as persoas que conviven con nós e que
precisan da nosa axuda, como tamén nós precisamos continuamente a axuda dos
outros. Porque eles queren tamén ser persoas de valía, queren progresar e
ascender, aspiran a vivir sempre, etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando
esa nosa común tendencia ou, se nos enfrontamos os uns contra os outros, iremos
conxuntamente á ruína e á desfeita. É evidente que isto que comento ten unha
enorme relevancia política e social a tódolos niveis.
Pois ben, a festividade da Asunción da Virxe, que
celebramos sempre en tempos de verán e de vacacións, pode axudarnos en relación
co que acabo de dicir. Só un par de reflexións.
Normalmente tendemos a imaxinar a Xesús a maila súa nai,
María, como realidades exclusivamente “celestiais”, pouco relacionadas coa vida
corrente e natural. Algo así como tamén tendemos a considerar o papa como algo
semi-celestial e nos estraña cando vemos que se comporta ou quere comportar
como unha persoa normal... De aquí proveñen, no que se refire a María, tantas
fermosas e celestiais imaxes que temos dela. Mais é posíbel que iso nos faga
esquecer ou pasar por alto que María, na súa vida real, tivo que ser moi
distinta daquela muller “celestial” creada por pintores ou escultores.
Na súa vida concreta, María sería efectivamente unha
muller máis do pobo, polo tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas
coas que convivía e participando da súa mesma cultura e relixión. Iso si,
bondadosa, amante de familiares e veciños, entregada e servizal con todos
cantos solicitasen dela calquera tipo de axuda. Ela podería dicir tamén de si
mesma o que seu fillo Xesús dicía de si: “Non vin a ser servido, senón a
servir”. Pois sabemos ben que María se consideraba a si mesma como “escrava” de
Deus e, polo tanto, escrava tamén dos fillos de Deus, dos demais. De si mesma
dicía que Deus “reparara na humillación da súa escrava”. E como tal
“escraviña”, alá se irá, por exemplo, a toda présa (tal como nos refire Lucas),
a acompañar e axudar á súa curmá Isabel, que estaba á espera do nacemento do
seu fillo Xoán o Bautista.
Deste xeito, María ía espallando a graza de Deus, é
dicir, a presenza bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que ela estaba.
Dinos Lucas que Isabel quedou así “chea de Espírito Santo” grazas á visita que
lle fixo María, curmá súa. María sentíase fondamente alegre naquela visita:
“alégraseme o espírito –proclama alí María- en Deus, o meu Salvador”. Esta ledicia
foi contaxiosa, porque lles vai afectar tamén a Isabel e ó seu fillo, próximo a
nacer. Por iso, Isabel ó se sentir chea tamén do “Espírito Santo”, sentirase
igualmente “alegre”, tanto ela coma o neno que “brinca de alegría nas súas
entrañas”.
Amor, espírito de servizo e alegría van sempre xuntos. Mais
todo isto de maneira moi concreta e achegada á terra. A “humildade” de María
hai que vela así no seu senso etimolóxico orixinal de proximidade á “terra”.
Pois ben, é xustamente porque María está moi achegada á
terra, ou sexa, porque é moi “humilde”, polo que hoxe celebramos a súa
“Asunción” ó máis alto dos ceos. María segue polo camiño que antes dela andou o
seu Fillo Xesús e que concluíu coa súa Ascensión ós ceos. Terra e ceo están así
e para sempre, trala Ascensión do Señor e a Asunción de María, moi xuntos para
todos nós. Se un non se apoia ben na terra, non poderá ascender ó ceo. Dito
coas palabras do fillo de María: “Todo o que se humilla será enxalzado, e todo
o que se enxalza será humillado” (Lc, 18, 14).
María meditara moito na grandeza de Deus e por iso se
sentía moi achegada á terra. Afírmao ela no comezo daquel fermoso himno seu, o
“Magnificat”, no que ela enxalza o poder e as marabillas de Deus: “Proclama a
miña alma a grandeza do Señor”.
Pero hai tamén neste himno unha clara referencia á
insensatez e ilusión dos chamados “poderosos”, que se cren máis importantes e
dignos de atención e respecto có resto da xente. Para María, só Deus é o único
que pode ser proclamado poderoso e grande. Fóra del, ninguén. ¡Canta esperanza
e ilusión poden suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países estas palabras
de María no seu grandioso himno!: “Manifestou [o Señor] o poder do seu brazo,
dispersou os soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus tronos e
elevou os humildes; ós famentos encheunos de bens e ós ricos despediunos
baleiros”.
En calquera caso, temos que crer, sentir e soster sempre
que o Deus de Xesús e de María non está cos que se consideran “poderosos”,
senón cos que se abaixan a si mesmos e se poñen ó servizo dos demais. Só a
estes quere Deus enxalzar e encher dos seus bens e da súa alegría. Así o fixo
con María, tal como o celebramos hoxe na súa festividade da Asunción.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixámoslle a Deus Pai as nosas oracións, pregándolle
que nos dea a todos o espírito humilde e servizal da nai do seu fillo
benquerido Xesús, dicindo: Escóitanos,
Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, un corazón xeneroso e entregado ós demais
coma o da Virxe María, nai de Xesús.
Todos: Escóitanos,
Pai.
- Concede, Pai, ós gobernantes de tódalas nacións
espírito de xustiza e servizo, como o de María, para que non poñan a súa
confianza no poder senón no servizo ós demais.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, unha clarividente conciencia
de que, se queremos imitar Á Virxe na súa Asunción ós ceos, temos que ser antes
humildes servidores dos demais.
Todos: Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo, Noso Señor, en unión con María, Nai e modelo da Igrexa.
Todos: AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario