Domingo 19 do Tpo. Ordinario B

19º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B


Primeira Lectura     1 Re 19, 4-8
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Coa forza daquel pan puido chegar ata o monte de Deus
  
     Naqueles días, Elías proseguiu polo deserto un día de camiño e, cando se detivo, foi sentarse debaixo dunha xesta e pediu para si a morte, dicindo:
     ‑ Basta xa, Señor, quítame a vida, pois non son eu mellor cós meus pais.
     Deitouse logo á sombra da xesta e adormeceu. De súpeto, un anxo tocouno e díxolle:
     ‑ Érguete e come.
     Elías mirou e viu á súa cabeceira unha bica cocida no rescaldo e un xerro de auga. Comeu, bebeu e volveuse deitar. Pero o anxo do Señor tornou de segundas, tocouno e díxolle:
     ‑ Érguete e come, que che queda moito camiño.
     Ergueuse Elías, comeu e bebeu e, coa forza daquel sustento, andou corenta días coas súas noites ata o monte de Deus, o Horeb.

 Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
 R/.  (9a):  Probade e vede o bo que é o Señor.

Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.

Exaltade comigo o Señor,
loemos xuntos o seu nome.
Eu busquei o Señor, El respondeume,
libroume de todos os temores.

Contempládeo, e quedaredes radiantes,
os vosos rostros non os cubrirá a vergonza.
Este pobre clamou, e o Señor escoitouno,
librouno de todos os apuros.

O anxo do Señor acampa entre os seus fieis
e dálles seguridade.
Probade e vede o bo que é o Señor:
feliz quen a El se acolle.



Segunda Lectura     Ef 4, 30 - 5, 2
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Camiñade no amor, igual ca Cristo
  
            Irmáns:
            Non aflixades o Santo Espírito de Deus, que vos selou para o día da redención. Arredade de vós toda amargura, carraxe, ira, rebumbio, aldraxe e calquera outra maldade; máis ben sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente, coma Deus vos perdoou en Cristo.
            Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos, e camiñade no amor, igual que Cristo vos amou e se entregou por nós coma ofrenda e vítima a Deus de aromático recendo.

  Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Eu son o pan vivo que baixou do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan vivirá para sempre.
Aleluia.



Evanxeo     Xn 6, 41-51
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son o pan vivo que baixou do ceo
  
            Naquel tempo, os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera "Eu son o pan que baixou do ceo", e dicían:
            ‑ Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e mais a nai? Como di, logo "Eu baixei do ceo"?
            Xesús respondeulles:
            ‑ Non esteades aí a murmurar. Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: todos serán ensinados por Deus: todo aquel que escoita ao Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.
            Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra.
            Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.

   Palabra do Señor                                          R/. Loámoste, Cristo




Cando esquecemos que a fe ofrece esperanza, Deus é un recurso e as celebracións ritos baleiros
TOMADO DE: 


CANTO GOZOSO 
ENTRADA:  Camiñarei 
LECTURAS:  Canta o sol 
COMUÑÓN:  Queda ti, Señor, connosco 


ESCOITA ACTIVA 
Que fotografía máis real da nosa sociedade a que nos propoñen hoxe a primeira e a segunda lecturas! O texto do libro primeiro dos Reis describe perfectamente a situación de baleiro e insatisfacción permanente pola que están a pasar moitas persoas. E como xa nada ten sentido nin pode aportar razóns para vivir, todo vale; e ademais hai que vivilo a “tope”; é dicir, sen preocuparse do ben ou mal que eses comportamento e actitudes lles poidan facer aos demais. O individualismo acampou na vida e no corazón de moitas persoas, e todo xira ao redor dos seus propios caprichos. Como nada paga a pena, para que esforzarse por ser xustos, honestos, alegres, esperanzados ou solidarios?  
Que mágoa, pero tamén que real! Mágoa porque vemos como toda unha xeración de homes e mulleres van construíndo a súa vida desde a amargura, o descorazoamento e a sensación de soidade; e o que é peor, así llo van transmitindo aos que veñen detrás. É real porque o vemos cada día, non é esta unha película que esteamos a inventar. 
Diante deste xeito de vivir e estar no mundo, a fe ofrécenos unha proposta –que somos libres de acoller ou non– que nos leva por un camiño ben distinto. A proposta na que se descubre que sempre hai unha raiola de luz diante de moita escuridade, que paga a pena loitar e traballar por non facer o que fan todos, que quen é capaz de non deixarse levar do desespero acabará descubrindo sentido e razón para vivir, e facelo xunto con outros. En fin, todo o contrario a unha fe morta, ritualista e puramente ancorada en tradicións. Pero para iso é necesario que nós, que nos chamamos crentes, espertemos tamén das nosas rutinas e sexamos conscientes de que vivir sabendo que Deus non nos deixa  sós, esíxenos estar no mundo con actitude de acoller, unir, perdoar e mostrar que a vida non é destino senón decisión e compromiso persoal por facer dela unha experiencia de encontro de proxectos, vontades e propostas dispostas a non deixarse secuestrar polo pesimismo nin pola desesperanza. Que coma Elías, saibamos tamén levantarnos e poñernos en camiño! 


CORAZÓN MISERICORDIOSO 
·    Por deixar que a desesperación entre na nosa vida, SEÑOR, QUE SANDEMOS O NOSO CORAZÓN. 
·    Por permitir que en nós, o lugar de Deus o ocupe a tristura, CRISTO, QUE SANDEMOS O NOSO CORAZÓN. 
·    Por caer na tentación do pesimismo, que non nos deixa avanzar nin erguer a vista cara ao futuro,SEÑOR, QUE SANDEMOS O NOSO CORAZÓN. 



PALABRA ENRAIZADA 
·             Canta actualidade ten a lectura do libro dos Reis que acabamos de escoitar! Inda que pasaron moitos anos desde que foi escrita, non por iso perdeu frescura. Todo o contrario: se lle prestamos atención vén sendo coma unha fotografía a cor do momento que todos estamos a vivir. Se fitamos a vista no que nos ocorre, no que lle ocorre ao veciño, no que imos escoitando ou vendo a través da ventá que nos ofrecen os medios de comunicación, descubriremos que tanto nós, como os veciños, e mesmo os que viven a miles de quilómetros de nós, pasan por situacións parecidas á do profeta Elías. A sensación de fracaso, de abandono, de non poder, de pensar que nada vale a pena, de... Todo ese sensentido  no que ás veces caemos e nos leva a pensar e dicir que nada paga a pena, era polo que estaba a pasar o profeta. E cando parecía que xa non había máis que esperar o final, porque ningún camiño era posible nin ningún esforzo tería recompensa, Deus aparece na súa vida. Non para manipulalo, infantilizalo ou xogar con el someténdoo como se fose un monicreque, senón para dicirlle: érguete, hai moito que facer. O fácil é deixarse ir sen afrontar os problemas e dificultades. O importante e necesario é facerlles fronte para que non nos engulan. E Elías percibe que non está solo, que un Alguén se vai facendo compañeiro de camiño; que a esperanza é posible. E non só iso, senón que era importante facelo. El revive e  apura. Seremos nós capaces de facer tamén algo así? De non deixar que o “non se pode; non hai nada que facer; isto no ten amaño; total para que...” aniñen na nosa vida e nos impidan descubrir que a vida é sempre reto e tarefa que entre todos estamos chamados a construír desde a axuda, a confianza e o descubrimento das nosas propias capacidades? Se de verdade o intentamos descubriremos que non estamos solos, que Deus si é e está con nós. 

·             E porque está con nós, e non nos descubrimos nin como illas desertas nin coma xoguetes rotos que ninguén quere, imos saíndo da insatisfacción de que nunca nada nos chega, para comezar a camiñar xunto con outros que teñen tamén nome, historia, dificultades e alegrías, como tamén temos nós, para construír familias, parroquias, barrios ou amizades desde a solidariedade, a capacidade de axuda e a colaboración. E o máis importante: desterrando de nós a sensación de que non valemos nin nós nin o que facemos. Todos somos importantes, pero ninguén é imprescindible; por iso nos necesitamos uns aos outros. Non para ser máis ca, senón para ser coma, para ser iguais. E a isto é ao que nos invita tamén hoxe Paulo desde a carta aos Efesios que temos lido como segunda lectura. Pero non só invita, senón que ofrece camiños a través dos que poder ir acadando este ser cos outros que desterre a tentación de ser solo un e a conta dos demais. E estes camiños que el propón están marcados polo desterro da amargura –cantas veces nas nosas palabras, nas nosas miradas ou nos nosos feitos!– a ira, os insultos ou a maldade. Toda unha folla de ruta na que temos que poñernos xa, para que esa sensación de que nada paga a pena e do que por que teño que facelo se non gaño nada con iso, vaia desaparecendo do noso xeito de pensar e actuar. Porque só deixando atrás a amargura de quen se desespera, poderemos comprender e entrar no camiño da sensibilidade e da lóxica do don que nos ofrece Xesús e que nos chama ao perdón, a comprensión e a bondade –que nunca nos creamos mellores ca os demais!-. 

·             E porque non nos cremos nin superiores nin mellores cós demais, non caeremos nunca no que caeron aqueles que só buscaban a Xesús para criticalo e facelo de menos. O desprezo, a crítica ferinte e descualificadora, a invisibilidade dos máis pequenos e necesitados e o abuso de quen ten poder non poden aniñar no noso corazón. Diante destas actitudes dos poderosos daquel tempo, Xesús non reacciona nin con violencia, nin co rancor de quen espera que lle chegue a súa oportunidade para poder vingarse, senón que a súa resposta busca tender pontes de diálogo e comprensión. O seu non critiquedes é tamén unha chamada a escoitalo, para descubrir desde as súas palabras que o pan que El ofrece é o pan que alimenta non só os corpos –que tamén– senón que é un alimento que se expande por tódolos aspectos e facetas da vida persoal e comunitaria. É un pan de entrega,  xenerosidade, misericordia  e cordialidade; un pan que non se esgota na mesa da vida nin do mundo, senón que se prolonga para ser pan de eternidade. Por iso, non só enche os estómagos, tamén fai medrar a esperanza no Deus que quere facer do mundo a casa de todas as persoas.  


FRATERNIDADE ORANTE 
Deus vólvenos convidar á mesa da oración comunitaria para ofrecernos o pan que alimenta corpos, esperta solidariedades e fai medrar as esperanzas, por iso dicimos xuntos:  
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA 
·    Para que toda a Igrexa, desde o Papa á última persoa que foi acollida na fe da Igrexa polo bautismo, crezamos e descubramos que só quen ten esperanza e non se deixa levar polo pesimismo, que  afasta de Deus e dos irmáns, pode entender e descubrir que en Xesús está no noso camiño, OREMOS. 
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA 
·    Para que as nosas comunidades parroquiais maduren a súa fe e abran os seus corazóns ao redor da mesa do altar; mesa de pan compartido con quen non o ten, e de acollida que non exclúe, senón que acolle e se dá aos demais, OREMOS. 
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA 
·    Para que nós sexamos capaces de converter en vida: actitudes e comportamentos, todo canto escoitamos, rezamos,  compartimos e celebramos esta mañá; e deste xeito ser capaces de cambiar a amargura, a ira e os enfados en perdón, bondade e comprensión, OREMOS. 
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA 
Grazas, Señor, por mover o noso corazón a ser sensible a canto ocorre no noso mundo e na nosa historia, sen deixar que se endureza e prescinda da entrega e o servizo aos demais. P.X.N.S. Amén. 


MIRADA DE ESPERANZA

“A Igrexa, ao proclamar o evanxeo, raíz profunda dos dereitos humanos, non se arroga unha tarefa allea á súa misión, senón polo contrario, obedece ao mandato de  Xesucristo  ao facer da axuda ao necesitado unha esixencia esencial da súa misión evanxelizadora... Os dereitos humanos violéntanse non só polo terrorismo, a represión, os asasinatos, senón tamén pola existencia de condicións de extrema pobreza e de estruturas económicas inxustas que orixinan grandes desigualdades. A intolerancia política e o indiferentismo fronte á situación do empobrecemento xeneralizado mostran un desprezo á vida humana concreta que non podemos calar. Merecen denuncias especiais as violencias contra os dereitos dos nenos, a muller e os grupos máis pobres da sociedade: campesiños, indíxenas e afroamericanos. Tamén hai que denunciar o negocio do narcotráfico”.  


(IV Conferencia xeral do episcopado latinoamericano. Santo Domingo. Nova evanxelización promoción humana cultura cristiá. 12-28 Outubro 1992. nºs 165 . 167).

POWER POINTS 
Domingo 19 ORD B-Bene Pagola
Domingo 19 ORD B



Comentarios

Publicacións populares