Domingo 18 do Tpo.Ordinario

18º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B


Primeira Lectura     Ex 16, 2-4. 12-15
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Vou facer chover do ceo pan para vós

       Naqueles días, toda a comunidade dos israelitas murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón; dicían:
     Sequera morrésemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados  ao redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxés­tesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade.

     O Señor díxolle a Moisés:
     Vou facer chover do ceo pan para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo a proba, para ver se anda ou non coa miña lei. Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: "Ao anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar; e saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".

     Ao serán, viñeron tantos paspallás que cubriron o campamento; pola mañá, nos arredores del, había unha capa de orballo. Cando esvaeceu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma de escamas, que semellaba xeada sobre o chan.

     Os israelitas, ao que o viron, preguntábanse uns aos outros:
     Que é isto?

     Pois non sabían o que era aquilo. Respondeulles Moisés:
     Este é o pan que o Señor vos dá para comer.



  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 77, 3 e 4bc. 23-24. 25 e 54
R/.  (24b):  O Señor deulles pan do ceo

O que oímos e sabemos,
o que os pais nos contaron,
non llelo podemos calar a seus fillos.
Estes porán en Deus a súa esperanza,
non se esquecerán das súas obras,

Ordenou logo  as nubes desde arriba,
abriu as portas do ceo,
e fixo chover maná para comeren;
deulles trigo do ceo.

Comeu o home pan dos fortes,
deulles sustento a fartar.
Levounos á súa terra santa,
ó monte que adquirira coa súa dereita.



Segunda Lectura     Ef  4, 17. 20-24
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Vestide o home novo creado a imaxe de Deus

            Irmáns:
            Dígovos e recoméndovos no nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa mente baleira.

            Non foi así como coñecestes a Cristo, se vos falaron del e vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús; isto é, que vos ispades do home vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polos seus anhelos; que renovedes o espírito da vosa mente, e vistades o home novo, creado a imaxe de Deus, na verdadeira xustiza e santidade.



  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Mt  4, 4b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.
Aleluia.



Evanxeo     Xn 6, 24-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen veña comigo non terá fame e quen crea en min non terá sede

            Naquel tempo, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaún buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:
            Rabbí, cando chegaches aquí?

            Xesús contestoulles:
            Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois  Deus Pai marcouno co seu selo.

            Eles preguntáronlle:
            Que temos que facer para realizar as obras de Deus?

            Respondeu Xesús:
            Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

            Replicáronlle:
            Que sinal fas, para que véndoo creamos en ti? Que podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.

            Entón díxolles Xesús:
            Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e  dá vida  ao mundo.

            Dixéronlle entón:
            Señor, dános sempre dese pan.

            Xesús respondeulles:
-          Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame e, quen cre en min endexamais terá sede.




Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




SE A NAI TERRA NOS OFRECE ALIMENTOS PARA TODOS, POR QUE NOS EMPEÑAMOS EN NON RESPECTAR A SÚA EQUIDADE SOLIDARIA?
           TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/


CANTO GOZOSO
Evangelio 5 agosto colorENTRADA: 
LECTURAS: 
OFERTORIO: 
COMUÑÓN: 

POWER POINTS


ESCOITA ACTIVA

Vinde e acollede, dous verbos nos que hoxe se sintetiza a Palabra de Deus que escoitaremos. A invitación de Deus que recolle Isaías na primeira lectura é un vinde no que se acolle a tod@s e non se discrimina/exclúe a ninguén. Vinde cantos queirades atopar esperanza, tenrura, solidariedade, acollida, escoita... vinde porque vos quero... e invítovos tamén a vós a que vos queirades. Deus, no seu amor, dao todo e invítanos a facer o mesmo. E se sempre foi importante, hoxe necesita selo moito máis porque son tantas as persoas que ven como os seus proxectos se frustraron e as súas ilusións esmoreceron, que temos que ser nós os que esteamos cos ollos moi abertos para facer visible cos nosos feitos ao Invisible. Nel sempre atoparemos a fartura desde a que nós traballaremos para que ninguén quede sen comer.
Que grandeza a deste Deus que non pide nin puntos nin carnés, senón apertura de corazón e xenerosidade no compartir!


CORAZÓN MISERICORDIOSO

Para que nin pechemos os ollos nin lle deamos as costas ás situacións de pobreza e exclusión, SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.
Porque nos custa poñer en relación o que rezamos co que vivimos, CRISTO, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.
Para que non xustifiquemos nunca comportamentos que producen dor e tristura aos que temos ó lado, SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.


PALABRA ENRAIZADA

• Fame e sede son dúas necesidades ás que de primeiras debemos responder as persoas. Cando nos faltan a auga e o pan, a vida vai esmorecendo ata que se vai. Non é estraño que cando alguén quere protestar por algo que considera inxusto o primeiro que fai é poñerse en folga de fame, un xeito de mostrar aos demais que considera tan xusta a súa petición que é capaz de renunciar ao que alimenta e fai desenvolver a súa vida: o alimento. Pois destas dúas necesidades primeiras, auga e alimento, fálanos hoxe o profeta Isaías para mostrarnos que Deus é sempre quen de curar as nosas fames e sedes, ofrecéndonos ilusións polas que vivir e esperanzas cara ás que ir orientando a vida. El é o que ilusiona, anima, alenta e dá a forza necesaria para non deixarse ir por camiños que só ofrecen frustración, desespero e fracaso. Contra o que tan ao uso sempre se escoita, a fe non é unha experiencia que nos adormeza e xustifique o mundo, e nel, os comportamentos das persoas socialmente inxustos; ao contrario, a fe é sempre preocupación por poñer no centro á persoa na súa totalidade. E a persoa non nace da nada, senón no seo dunha familia, dun pobo, dunha cultura que lle dan identidade, enraizándoa nos problemas e proxectos dos veciños, aos que coñece e cos que está/mos chamados a facer causa común na busca e mellora de canto nos faga máis humanos. Por iso a fe é sempre chamada a reunirnos, a unir forzas, a remar na mesma dirección. Non para deixarnos embarcar facéndonos crer que o mundo é malo-malísimo, senón para que poñendo os pés no chan atopemos na forza que Deus nos outorga as motivacións para comprometernos e loitar por superar atrancos. Con Isaías, tamén nós podemos dicir que desde a fe e a confianza en Deus, revivirán e renovaranse as nosas ilusións. Non é a nosa unha fe nin de mortos nin para a morte, senón de esperanzas e proxectos humanizadores e solidarios.

• A fartura que desde Deus vai enriquecendo a nosa vida vainos achegando paseniñamente a comprender que queremos dicir cando utilizamos a palabra amor e a poñemos en relación con Deus. Si estamos convencidos diso, con Paulo, tamén podemos preguntarnos: que ou quen nos vai afastar do amor de Deus? É verdade que teremos momentos de dificultade, nada nos vai sacar a dor que nos provoque a enfermidade ou o desengano ante a traizón de quen considerabamos que nos quería; tampouco, a modo de adiviño, nos vai tocar a lotería ou a quiniela. Pero si teremos ao noso lado unha comunidade na que nos sentimos alentados, coa que camiñamos e reforzamos os nosos lazos para superar atrancos e propoñer obxectivos. E o que é máis importante: o convencemento de que non estamos solos; ao contrario, aquel que foi capaz de mostrarnos que o verdadeiro amor supera e vence a tentación do egoísmo é o mesmo que non nos deixa solos nesta tarefa de dar sentido, forza e razón a canto facemos. Deus é amor, e desde El estamos chamados a ir concretando ese amor en canto vaiamos facendo. Non buscando interese ou rendibilidade, senón xenerosidade que comparte e se ofrece no tempo, o sorriso e a presenza.

• Unha xenerosidade que como acabamos de escoitar no Evanxeo faise pan real, non metáfora literaria que pode soar boi ben aos nosos oídos, pero que se mostra baleira ao non responder ás peticións e necesidades dos que se dirixen a nós para dicirnos: necesitámosvos! O pan real que fai que non miremos só para nós e os nosos. A dignidade que nos converte en imaxe e semellanza de Deus non ten fronteiras nin constrúe muros de separación, senón pontes que unen e buscan en común. O pan real que leva a que xurda Caritas –ou como queiramos chamarlles- como resposta do Evanxeo a ser Igrexa cos pobres e para os pobres, onde nunca falte un prato que alimente estómagos sen alimento, corazóns entristecidos pola soidade ou solidariedade que descubre que o pouco con Deus é moito; namentres o moito, sen Deus, non é nada. Aquel comer ata fartar que fixo posible Xesús teremos que facelo real e visible hoxe nós coas nosas actitudes e a nosa disposición a pasar non ignorando, senón mirando para un e outro lado e erguendo a quen está caído. Isto non pode ser retórica de curas ou sentimentos de boa conciencia de quen se cre mellor ca os demais. Xustiza e promoción das persoas, non beneficencia crónica, é ao que nos chaman hoxe as palabras de Xesús.



FRATERNIDADE ORANTE

Recemos xuntos ao Deus que nos ofrece un camiño de xenerosidade comunitaria e solidaria, e digamos:
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
Pola Igrexa, para que nunca peche a súa porta a quen chama nela buscando pan para poder comer e forza para superar dificultades, OREMOS.
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
Polas nosas parroquias, para que non nos deixemos levar polo pesimismo que sempre di que somos poucos e irrelevantes; que co noso testemuño e presenza fagamos do pouco moito, e do noso convencemento esperanza e misericordia, OREMOS.
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
Por nós, para que non deixemos que crezan no noso xeito de actuar actitudes individualistas que só buscan a nosa comodidade e nunca pensan no que os demais poidan necesitar de nós, OREMOS.
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
Señor, grazas por facer posible que nos reunamos no teu nome e descubramos a nosa necesidade de axudarnos uns aos outros. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA
Vimos á túa mesa, Pai,
porque necesitamos que aumentes a nosa fe.
Cremos en Xesús, cremos en ti,
pero necesitamos que a nosa fe sexa máis robusta.
Grazas de antemán pola túa palabra e pola túa axuda.
Grazas por Xesús, o teu fillo, o noso Señor.
Na mesa da súa última cena, Xesús fíxose carne e sangue,
entregados totalmente para ser alimento e bebida para todos.
Que este pan e este viño que hoxe puxemos na túa mesa
sexan sinal da nosa entrega incondicional ao teu Reino.
Por Xesús, o teu fillo, o noso Señor.
Grazas polo pan e a palabra.
Grazas porque sempre estás aí,
porque aumentas a nosa fe e nos das forza para o camiño.
Grazas, Pai, por Xesús, o noso Señor. Amén.

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares