Ficha e Lectio - Domingo 19 Ordinario B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO XIX DO T. O.
(9 agosto 2015)
Polo
que nos conta Xoán de Xesús, os oíntes da súa afirmación de que el era o “pan
da vida” (tema ó que lle estamos prestando algo de atención nestes domingos de
verán) entenderan suficientemente ben o que el lles quería dicir con iso.
O
que pasa é que, para o seu modo de ver as cousas, non acababan de casar ben a
persoa de Xesús coa idea que eles tiñan de Deus. Deus era para eles aquel ser
grandioso que estaba alá arriba no ceo, máis arriba das últimas estrelas. Un Deus
que crea e goberna o mundo, pero que só se anunciaba a través das palabras da
lei e dos seus profetas. Mais resulta que agora Xesús se nos presenta, na súa
mesma persoa, como a verdadeira e definitiva palabra de Deus ó mundo, a palabra
dun Deus que agora se nos descubre como Pai agarimoso de todos nós. Como nos di
noutra pasaxe Xoán, “a Palabra fíxose carne”. Carne de Deus, polo tanto, que se
pode tocar, oír e comer.
En
consecuencia, o Deus “que está no ceo” é tamén, en Xesús, o Deus que se fai
presente na terra, o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. Toda a grandeza, o
misterio e o segredo do cristianismo radica nisto. De Xesús sabían os seus
oíntes quen eran seus pais e maila súa parentela, a que se dedicaban e de onde
eran. Cómo podía ser el o pan que baixou do ceo? Tal como nos refire Xoán:
“¿Non lle coñecemos o pai e maila nai?”.
Xesús
sabía que estas cousas son humanamente incomprensíbeis sen a axuda da “fe”. Por
iso, non intenta basealas en argumentos racionais ou simplemente humanos, senón
que apela á fe. Trátase dunha fe que non procede só de Xesús, senón do Pai que
manda o seu Espírito ós corazóns dos que coa súa axuda se converten en crentes.
Tal e como lles dicía Xesús: “Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que
me mandou”.
Se
Deus se nos mostra misterioso en Xesús (e así o viron tamén os seus
contemporáneos), a verdade é que tamén a nosa vida humana resulta ser moi
misteriosa. Misteriosa porque non deixa de ser abondo estraño, que por moito
que saibamos que non podemos vivir sempre, non deixemos a pesares diso de
querelo, de desexarmos ser eternos. Un desexo dese calibre infinito non pode
provir só dun ser finito como somos nós. Ten que vir en última instancia de
alguén que é en si mesmo absolutamente infinito. Quero dicir que tivo que ser dalgún
modo o mesmo Deus quen puxo en nós eses desexos infinitos.
Pois
ben, Deus puxo eses desexos en nós e el váinolos satisfacer, converténdose el
mesmo na persoa de Xesús en alimento da nosa inmortalidade. Desa inmortalidade
que comeza nesta vida nosa, pero que non nos vai fallar estrepitosamente ó
atopármonos coa nosa morte individual, biográfica e concreta.
Deste
xeito, a nosa fe cristiá entra, como vedes, no máis fondo é íntimo da nosa
apetencia de vida e de inmortalidade. Nesta busca de vida e inmortalidade
traballaron e traballan, sufriron e sofren, loitaron e loitan as persoas todas
de tódalas culturas e países do mundo enteiro.
Se
Deus non tivese posto en nós tales desexos, uns desexos que son en realidade os
que nos conceden o verdadeiro carácter humano, entón a mensaxe de Xesús non
tería obxecto nin sentido ningún. Para que anunciarnos e prometernos Xesús unha
vida eterna, se non tivésemos ningunha apetencia dela? En realidade, a
humanidade nin sequera existiría, nin estariamos hoxe polo tanto aquí, se o
desexo de vivir e de existir sempre non nos mobilizase enerxicamente dende o
máis fondo de nós mesmos.
Sabemos,
por outra parte, moi ben que os alimentos materiais que sosteñen e prolongan,
durante os anos que sexan, a nosa existencia non nos fan inmortais. Nisto reis,
gobernantes, ricos e pobres non nos diferenciamos gran cousa. Refírome ó de non
poder librármonos de lle ter que pagar o noso tributo individual á gadaña da
morte. Os que dispoñen de moitos cartos poderán seguramente permitirse o luxo
de viviren algúns anos máis, pero en calquera caso non moitos máis.
De
modo que quen verdadeiramente nos permite e nos capacita para sermos inmortais
é o Xesús no que cremos. Así nolo anuncia con toda claridade: “Eu son o pan da
vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que
baixa do ceo, para que quen coma del non morra... Se alguén come deste pan,
vivirá para sempre”.
Non
deberiamos, con todo, individualizar excesivamente en Xesús a nosa comuñón coa
súa persoa, coma se estivese el apartado ou desvencellado dos demais humanos.
Non. Alimentarnos de Xesús, é dicir, da súa palabra e da súa persoa, quere
dicir alimentarnos tamén con tódalas preocupacións, necesidades e problemas das
persoas coas que nos atopemos na nosa vida. Se nos alimentamos dun Xesús que
deu a súa vida por todos, os seus sentimentos deberían converterse tamén en
nosos, cando escoitamos a súa palabra ou o recibimos a el mesmo con
agradecemento na comuñón eucarística.
Realizamos
así aquilo do que nos fala Paulo na súa carta de hoxe ós Efesios: “Facédevos
imitadores de Deus, coma fillos queridos, e camiñade no amor, igual que Cristo
vos amou e se entregou por nós”.
É
así tamén como nos iremos convertendo de verdade en “divinos”. Pois xa sabemos
a diferenza que existe entre tomar un alimento de orixe vexetal ou animal e
recibir en nós o alimento da palabra de Deus ou de Xesús mesmo na comuñón
eucarística. No primeiro caso o alimento transfórmase en constituínte do noso
corpo, que queda así robustecido grazas a el. En cambio, no segundo, somos nós
en realidade os que nos imos transformando paseniñamente en Cristo, chegando
así a formarmos parte do seu corpo, do corpo místico de Cristo. Somos, pois,
nós os que nos imos divinizando, porque Deus, o don que recibimos, é infinitamente
meirande ca nós.
Para
podermos acadar unha tal divinización teremos, polo tanto, que alimentarnos cunha
comida que garde proporción con tan grandiosa meta. E esta comida témola sempre
á nosa disposición, pois é o propio Xesús quen se nos dá sempre de balde como
comida nosa.
Comportarémonos
así de maneira semellante a como fixera o profeta Elías, que coa forza recibida
da bica cocida e da auga fresca, que recibiu do anxo, puido andar “corenta días
coas súas noites ata o monte de Deus, o Horeb”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Sabéndonos
fillas e fillos de Deus, roguemos ó Deus Pai que nos alimenta, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
- Pedímosche, Pai, polas familias, para
que en ningunha delas falte o pan de cada día.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
- Rogámosche, Pai, polos países máis
pobres da terra, para que fagamos nosas as súas necesidades e compartamos con eles o que temos.
Todos: ESCÓITANOS,
PAI.
- Concédenos, Pai, a todos sabermos levar
ó mundo o pan material, o pan da Palabra e
o pan da Eucaristía.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso
Señor. Amén.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario