Domingo 22 de Ordinario B

DOMINGO XXII ORDINARIO -  CICLO B

 

Primeira Lectura     Dt 4, 1-2. 6-8
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Non engadades nada á palabra que vos falo, cumpride os mandamentos do Señor
  
            Naqueles días, faloulle Moisés ao pobo dicindo:
            - E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega.
            Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, voso Deus, que eu vos impoño.
            Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría aos ollos dos pobos. Estes, ao escoitaren todos estes mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, pois, que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? E que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño?
           
   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5

R/.  (1a):  Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

Aquel que procede honradamente
e practica a xustiza;
o que ten sinceridade no corazón
e non calumnia coa súa lingua.

O que non lle fai mal ao seu próximo
e non difama o seu veciño;
o que despreza os malvados,
mais enaltece os que temen o Señor.

O que non presta con usura o seu diñeiro,
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporta,
endexamais o abalarán.



Segunda Lectura     Sant 1, 17-18. 21b-22. 27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
Cumpride a palabra
  
            Irmáns benqueridos:
            Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras.
            Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das súas criaturas.
            Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salvar as vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
            A relixión limpa e sen lixo ningún aos ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.
           
   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Sant 1, 18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Pola súa vontade, xerounos á vida coa palabra de verdade,
para que sexamos primicias da súa creación.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 7, 1-8. 14-15. 21-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes
  
            Naquel tempo, reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron os discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, como o lavar vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e mais os escribas preguntáronlle:
            ‑ Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
            El contestoulles:
            ‑ Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
            Este pobo hónrame cos labios, pero o seu corazón está lonxe de min.
            Danme un culto inútil, porque a doutrina que ensinan non son máis que costumes humanos.
            Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
E convocando a xente, dicíalles:

            ‑ Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra do home pode manchalo ao entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha. Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos.
            Todos eses males saen de dentro e manchan o home.

  Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo





Nunha sociedade con persoas de mente tan dispersa, que difícil entender cando nos din: Escoita!  -  22 Domingo TOB 2015



POWER POINTS

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA:  Vinde axiña
o   LECTURAS:  Escoita ti
o   OFERTORIO:  Velaquí
o   COMUÑÓN:  Eu soñei

OLLOS ABERTOS
Escoitar estase a converter nunha actitude cada vez máis escasa e difícil. Escasa porque atarefados como andamos ao longo do día, sempre dun lado para o outro, pensando no noso e despreocupándonos dos demais, faise moi raro, mesmo complicado, que paremos a prestar atención a alguén que nos di e fala; principalmente se son cuestións referidas ao sentido da vida, á coherencia persoal entre o dicir e facer ou á necesidade de superar o individualismo para comezar a pensar en comunitario, de xeito que os demais, o que entre todos podemos facer ou as cousas da casa común, se convertan en esixencias nas que  poidamos estar implicados moitos. Asemade faise difícil porque se un non está acostumado a escoitar, tampouco o vai estar para que o escoiten, co que se produce unha situación de individualismo silencioso desde o que cada un vai ao seu, sen importarlle o que lles pasa aos que están ao noso lado.
            Porén, a Palabra que hoxe imos proclamar, chámanos no sentido contrario. Tanto nos custa prestarlle un pouco de atención?

CORAZÓN MISERICORDIOSO
Por non saber  escoitar  a quen precisa de nós,
SEÑOR, QUE SUPEREMOS O INDIVIDUALISMO.
Porque somos desinteresados diante do sufrimento e a dor dos demais,
                                               CRISTO, QUE SUPEREMOS O INDIVIDUALISMO.
Por non facer o esforzo de poñernos ao comezo de cada día nas túas mans, deixándonos acompañar por Ti,                   SEÑOR, QUE SUPEREMOS O INDIVIDUALISMO.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·      No “escoita Israel” que liamos na primeira lectura  mostrásenos os dous planos nos que nos situamos ao achegarnos á Palabra de Deus. Por unha banda está o plano de Deus. El diríxese a nós invitándonos, como facía con Israel, a prestar oído a canto vai deixando, ofrecéndonos un camiño para percorrer sempre acompañados, dándonos razóns e sentido para que a vida non se converta nunha suma de éxitos materiais, si, pero que nos van deixando baleiros por dentro e cheos de decepción e fracasos, porque imos descubrindo que, a pesar de ter moitas cousas e de manexar e dominar a técnica e a ciencia, non acabamos de sentirnos a gusto nin con nós mesmos nin co que facemos. Non temos máis que prestar atención a como, cada día máis, as persoas se volven desconfiadas, insensibles ante a dor e o sufrimento dos outros, buscando sempre ter máis, sen que nada nunca lles chegue. Neste vivir nunha permanente insatisfacción móvense hoxe moitas persoas para as que Deus é prescindible, e a fe unha esixencia pola que non están dispostas a pasar. A pesar diso, o plano de Deus segue a ser sempre oferta de acompañamento, de sentido, de presenza, de amor. Por outra banda, o plano dos seres humanos camiña na insatisfacción de quen necesita constantemente estar facendo cousas, cada vez máis e máis rápido para non aburrirse. A hiperactividade na que se moven, e non só os nenos, ponnos de manifesto que xa non somos capaces de valorar as cousas pequenas: o recendo dunha conversa pausada, a tempo dedicado en silencio á reflexión e a contemplar e escoitar a harmonía de sons e imaxes que Deus nos ofrece por medio desta casa común que chamamos mundo. A pesar de que non acabamos de camiñar para que a distancia entre os dous planos se acurte, tamén, Señor, dirixímonos a Ti para que sigas acompañándonos, porque, antes ou despois, acabaremos descubrindo a necesidade e o conforto de poder hospedarnos na túa tenda.
Evangelio 2 septiembre 2012 color
·      A escoita á que nos invita Deus vese redobrada coas palabras do apóstolo Santiago. O seu  acollede docemente a súa palabra, é non só unha invitación, senón todo un plan de vida que nos chama a ir desenvolvendo coa a atención que sempre nos merece a conversa que Deus vai ofrecéndonos manter con nós a través de todas as pegadas que vai deixando ao noso redor. Pegadas que nos chegan en forma de tempo compartido, traballo comunitario, solidariedade vivida ou tolerancia e diálogo conseguido. A acollida á que nos chama Deus esixe estar espertos e atentos a canto pasa sempre ao noso redor; deste xeito o escoitar adquire plenitude ao verse complementado co realizar, co facer realidade toda a riqueza que a proposta de Deus ofrece cando nos chama a poñerlle rostro: mirar polos orfos, viúvas, maiores, maltratados/as... Estaremos tan cegos como para non velo?
·      E todo isto vainos levando ata Xesús. Se non valoramos o silencio, se non descubrimos a necesidade de ser contemplativos desde o que pasa no mundo, endexamais entenderemos que é, desde aí, onde comezamos a entender que as cousas necesitan o seu tempo, e que as présas sempre son malas compañeiras para quen viaxa. O noso si a Deus non está no respecto das tradicións –o tempo acaba fosilizándoas-, no externo, senón na nosa capacidade de reflexionar e descubrir que non podemos esperar, como facemos desde o pensamento materialista, a Deus sentados, sen facer nada. Deus xa está, o que nos pasa é que non somos capaces, polo moito barullo que facemos, de descubrilo á nosa beira. Xesús di que o importante, o fundamental, é o que sae de dentro de nós, aquilo que é froito da reflexión, da revisión e das decisións pensadas sen presa. Honrémolo logo co corazón e non só cos beizos.

FRATERNIDADE ORANTE
Moitas veces ignoramos toda a riqueza que levamos dentro porque as présas coas que andamos impídenos descubrirnos, querernos e valorar canto lle podemos aportar aos demais. Neste momento de oración comunitaria ao que Ti nos chamas, dicimos xuntos:
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
*      Para que na Igrexa aprendamos a gozar de toda a riqueza que nos ofrece a Palabra de Deus, e descubramos que a súa importancia non está só en coñecela, senón tamén en vivila, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
*      Para que nas nosas comunidades nunca nos deixemos arrastrar polas queixas e lamentos dos profetas de calamidades que, ademais de non mover unha man para axudar, só ven problemas e dificultades cando os demais están dispostos a achegarse a quen os necesita, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
*      Por nós, para que aprendendo a escoitar e contemplar a voz e a presenza de Deus na nosa vida, saibamos ser agradecidos polo don da fe; o don de cordialidade, acollida e fraternidade, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
Señor, que teñamos sempre os oídos limpos e os ollos abertos para escoitarte e descubrirte no medio do noso mundo. P.X.N.S. Amén.

 
OÍDOS ATENTOS
Escoitar a Deus é como escoitar a calquera persoa –antes de escoitala, debemos prepararnos para atoparnos con ela-. Se un de nós desexa escoitar a voz de Deus no medio da barafunda do mundo, necesita buscar a tranquilidade interior e exterior. Necesitamos buscar o tempo e o lugar, precisamos estar convencidos de que queremos facelo, para non deixarnos levar das dúbidas e inseguridades que tantas veces lastran as relacións entre nós. A oración é unha destas maneiras de comezar a conversar con El. O noso xeito de dicirlle, ola!, estamos aquí, contigo, ao teu lado; grazas por acompañarnos. Nela contámoslle canto nos pasa, a nosa vida. Poñémola na súa man, e deixámonos agarimar pola súa tenrura. Afastémonos, se queremos escoitalo, do barullo que tantas veces nos rodea, altera e impide que nos escoitemos uns aos outros. Que saibamos integrar os barullos do mundo na relación de escoita e acollida á que Deus sempre nos chama e invita.

Comentarios

Publicacións populares