Domingo 21 de Ordinario B

DOMINGO XXI ORDINARIO  -  CICLO B

 

Primeira Lectura     Xos 24, 1-2a. 15-17. 18b
LECTURA DO LIBRO DE XOSUÉ
Serviremos o Señor, porque El é o noso Deus
  
     Naqueles días, xuntou Xosué a todas as tribos de Israel en Xequem, e chamou os anciáns de Israel, os xefes, os xuíces e mais os oficiais, e presentáronse diante de Deus.
     E Xosué falou a todo o pobo deste xeito:
     ‑ Se vos anoxa servir ao Señor, escollede hoxe a quen ides servir: se aos deuses que serviron vosos pais na outra banda do río, ou aos deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e mais a miña familia serviremos o Señor.
     Respondeu o pobo:
      ‑ Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a outros deuses, pois o Señor, o noso Deus, sacounos a nós e aos nosos devanceiros da terra de Exipto, da situación de escravitude, e fixo diante de nós grandes prodixios e protexeunos ao longo de todo o camiño que percorremos e entre todos os pobos que encontramos ao pasar. Así que tamén nós serviremos o Señor, pois El é o noso Deus.
           
  Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
R/.  (9a):  Probade e vede o bo que é o Señor.

Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.

Os ollos do Señor están postos nos xustos,
os seus oídos cara ao seu clamor;
mais o Señor encara os malvados,
para borrar da terra a súa memoria.

Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de todas as angustias.
O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.

Moitas son as angustias dos xustos,
pero de todas elas os libra o Señor.
El coida dos seus ósos,
nin un só lles romperán.

A maldade mata ao impío;
quen aborrece os xustos será castigado.
O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.



Segunda Lectura     Ef 5, 21-32
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Este é un misterio grande, falo de Cristo e da Igrexa
  
            Irmáns:
            Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: as mulleres sométanse aos propios maridos, coma se fose ao Señor, pois o marido é cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo.
            E, como a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres aos seus maridos, en todo.
            Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin engurra nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada.
            Así deben tamén os maridos amar as súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e a quece, como fai Cristo coa Igrexa, porque somos membros do seu corpo.
            Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un só corpo.
            Gran misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa.
           
  Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Cf. Xn 6, 63c. 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia. aleluia.
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.

 

Evanxeo     Xn 6, 60-69
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
E onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna

            Naquel tempo, moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
            ‑ Que dura é esta doutrina! Quen pode admitir tal cousa?
            Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
            ‑ Escandalízavos iso? E logo se vísedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.
            Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. E proseguiu:
            ‑ Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.
            Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el. Preguntoulles entón Xesús aos Doce:
            ‑ Vós tamén vos queredes ir?
            Respondeulle Simón Pedro:
            ‑ Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
           
   Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


 Palabras de vida para un mundo enchoupado de morte, esquecemento, indiferenza e exclusión. Señor, que nunca deixemos de escoitar a vida que traen as túas palabras – 21 Domingo TOB 2015

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
ENTRADA:  Vinde axiña
OFERTORIO:  Aquí están Señor

OLLOS ABERTOS
Dinos o evanxeo de hoxe que o Señor ten palabras de vida, palabras que alentan cando xa todo parece perdido, palabras que nos fan recobrar a fe no ser humano ao sentir a dor e a frustración pola capacidade que temos de facer dano uns aos outros; palabras que nos insisten, unha e outra vez, en que somos dignidade, fin e non medio, capacidade, posibilidade e proxecto sempre realizándose e nunca rematado. Deixemos que estas palabras enchoupen o noso corazón e nos fagan abandonar o noso escepticismo, a nosa mesquindade e a dúbida permanente de que todo dá o mesmo porque nada pode cambiar.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Por buscar o enfrontamento e a dureza de corazón, e non a misericordia, SEÑOR, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
·         Por volvernos desconfiados e incapaces de escoitar aos demais, CRISTO, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
·         Por deixar que a nosa vida camiñe por vieiros nos que Deus é apartado e esquecido, SEÑOR, AQUECE O NOSO CORAZÓN.


PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·      Moitas veces atopámonos con persoas que teñen vergoña das súas orixes: familia, conviccións relixiosas, lingua, cultura... é fan todo o posible, rozando case sempre o ridículo, para aparentar o que non son, o que leva a que quen as vexa disimule, ou non, o riso e a burla. Seguro que nos temos atopado máis dunha vez con xente así. Ou pode mesmo ter ocorrido que teñamos sido algunha vez destas persoas. Nun caso ou noutro: que mágoa! Quen renuncia a canto dá razón do seu ser, antes ou despois, acaba sentindo a tristura e o baleiro pola perda da súa identidade. As raíces ofrécennos a identidade desde a que crecer, desenvolvernos e ser nós mesmos; non monicreques nas mans de outros. Disto é do que fala o texto de Xosué na primeira lectura: o pobo de Israel sentía noxo, vergoña, de ser pobo de Deus, de ter a súa raíz no Deus que os acompañaba, nas dificultades e nas esperanzas, formando parte da súa historia. Diante deste querer afastarse de Deus, Xosué invítaos a clarificarse, a tomar decisións, a optar. O seu “escollede hoxe a quen ides servir” ponnos na situación de que na vida non se pode continuamente xogar a dúas bandas; poñerlle unha candea a Deus e outra ao diaño, senón que necesitamos, polo noso propio ben, e buscando a seguridade de canto nos vai conformando como somos, optar, decidir e clarificarnos. Non podemos ser cristiáns de moita misa, novena e santuarios, se logo somos violentos –de palabra ou obra-, mentireiros, corruptos, defraudadores, destrutores da natureza, pouco respectuosos cos maiores... e non podemos porque Deus chámanos a vivir en liberdade. O seu proxecto non nos obriga nin nos retén, pero se queremos dicirlle si á súa proposta, logo debemos actuar en consecuencia, coa coherencia que iso supón e esixe. Que non pretendamos enganarnos a nós mesmos, porque a Deus non imos ser capaces.


·      Ter claro cara onde e desde onde queremos ir construíndo a nosa vida vainos axudando tamén a tomar conciencia de que non somos únicos e que non hai máis coma nós no mundo. Os valores do evanxeo, as actitudes que van sacando de nós o mellor –que o temos– son vividos por moitas persoas dunha maneira gozosa, alegre e comunitaria. E o que é máis importante: sen sentir vergoña. O “sede ben guiados“ de Paulo apunta a que non esquezamos que canto fagamos, o xeito que teñamos de mostrarnos, a maneira de achegarnos aos demais é o mellor espello para manifestar que as nosas conviccións son verdadeiras, profundas e enchoupadas de confianza. Non son froito do rendemento político, económico ou de prestixio social. Por iso podemos dicir que ao mostrarnos publicamente, estamos a mostrarnos como Igrexa de Cristo, non segundo o que nos parece ou máis cómodo nos resulta, senón como seguidores de Xesús que acollendo o seu estilo de vida, ímonos esforzando por sementar o mundo con actitudes e comportamentos que humanizan ás persoas, nos humanizan a nós e fan posible que, esa casa común que chamamos mundo, sexa tamén humanizada. A cordialidade e a vocación convértense en elementos desde os que construír a antropoloxía cristiá.


·      Claro que esta proposta que Deus nos ofrece desde as páxinas dos textos que hoxe temos proclamado non é nada doada. Ao contrario, é tarefa dura, difícil e chea sempre de atrancos que poden levarnos a pensar se paga a pena seguir, ou se será mellor abandonar e deixalo. Moitos xa o teñen feito: uns de maneira silenciosa, a apostasía silenciosa dos que foron bautizados na fe da Igrexa; outros facéndoo público e reivindicando a súa liberdade para non deixar lugar a Deus na súa vida. E iso porque o seguimento de Xesús é unha opción de vida, non o cumprimento duns ritos; e toda opción de vida supón cuestionar canto un fai, e deixarse cuestionar desde fóra, sen que iso supoña sentirse nin agredido nin ridiculizado. E ese cuestionamento e coherencia non todos están/mos dispostos a entendelo e vivilo como unha experiencia de conversión e purificación persoal. De aí que, hoxe, como tamén no tempo de Xesús, a esixencia do seguimento do Evanxeo é para moitos un camiño duro que é mellor abandonar; xa que prescindindo de Deus todo é máis fácil, cren algúns, pois non hai que dar razón nin por qué a ninguén. Pensade no triste espectáculo dos que, crendo que as parroquias son supermercados e os curas os caixeiros aos que se lles paga a mercancía adquirida, achéganse a elas para comprar sacramentos: enterros con moitos curas, bautizos a calquera hora e día e cos padriños que a un lle peta, casamentos que sexan rápidos e non esixan cursiños de formación ou comuñóns e confirmacións “express” sen catequese, pero para os que logo gastamos tempo e cartos e vestidos, banquetes, fotos ou viaxes. E todo porque seica a Igrexa –entendida esta como os curas– é moi esixente. Pero parámonos a pensar o tempo dedicado a ir á piscina, escola de fútbol, actividades diversas ao longo de anos e anos? Coma Xesús, tamén podemos preguntar: Vós tamén vos queredes ir? Ou seremos capaces de responder coma aqueles discípulos: Señor, onde iremos, ti tes palabras de vida?


FRATERNIDADE ORANTE
Agradecidos pola forza da palabra que acabamos de escoitar, recemos xuntos dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
¨    Para que na Igrexa non perdamos nunca a sensibilidade de sentírmonos irmáns uns dos outros, e dispostos sempre a unir e non e enfrontar, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
¨    Para que o testemuño de valentía, claridade, renovación e esperanza que cada día nos ofrece o Papa Francisco, sexa seguido por nós, os que conformamos a Igrexa, pobo de Deus sempre en camiño, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
¨    Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por formarnos e renovar os comportamentos rancios e do pasado nos que moitas veces deixamos que se desenvolva a nosa experiencia de fe, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
Señor, acolle a oración que xuntos compartimos. Que nos esforcemos para atopar en ti azos que nos axuden a facer do que rezamos tarefa común de do noso actuar. PXNS.


OÍDOS ATENTOS
Fiados e fiadas en ti,
dispoñémonos ao traballo de cada día,
aínda que o corpo vaia canso e os ánimos afrouxen.
Seguiremos mirando de cambiar a ser mellores,
por moito que un vaia vello e pense que nada pode xa cambiar.
Apostaremos cada vez por unha parroquia máis unida,
aínda que entre nós siga habendo receos e desconfianzas.
Soñaremos cun mundo sen abusos e sen inxustizas,
por moito que o vexamos roto e tan dividido entre pobres e ricos.
Poñeremos o noso esforzo ao lado das amigas da paz,
por moito que levemos a violencia no corazón
e a vexamos tamén en tanta xente ao redor de nós.
Seguiremos defendendo as nosas casas e aldeas,
por moito que a maioría siga escapando cara ás cidades.
Creremos nunha vida feliz e completa nas mans coidadoras de Deus,
aínda que esta terra se nos faga feliz e agradable.
Apostaremos pola honradez e pola legalidade no trato cos veciños,
por moito que as trampas se nos ofrezan como camiño de éxito rápido.
Traballaremos por conseguir melloras na parroquia,
aínda que nos vexamos algo cansas e desunidas.
Loitaremos por unhas comunidades cristiás apegadas ao Evanxeo de Xesús,
por moito que a rutina nos poida e a falta de fe nos achique.
Fiarémonos de Deus en calquera circunstancia da nosa vida,
aínda que sexan moitos os que se rían da fe e da vida relixiosa.

                           (Manolo Regal, Xesús aquel home da aldea, p.120)

Evangelio 26 agosto color

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares