Santos Arcanxos : Miguel, Rafael e Gabriel

Día 29 de setembro
Santos Miguel, Gabriel e Rafael, arcanxos



PRIMEIRA Dn 7, 9-10. 13-14
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL
Milleiros de milleiros o servían

9Eu estaba fitando, cando se colocaron uns tronos e un ancián tomou asento. O seu vestido era branco coma a neve, e os cabelos da súa cabeza coma pura lá; o seu trono eran labaradas de lume; as súas rodas, lume ardente. 10Un río de lume corría e derramábase por diante del; miles de milleiros servíano, e dez mil miríadas estaban de pé diante del. O tribunal abriu a sesión, e abríronse os libros.
13Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del. 14Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído.


Ou: Ap 12, 7-12a
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE
Miguel e os seus anxos loitaban contra o dragón

Produciuse unha guerra no ceo; Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos, 8pero non lles puido; e para eles xa non houbo lugar no ceo. 9Deus botou do ceo ó gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satanás, o que fai descarriar a tódolos homes: botouno á terra; e ós seus anxos con el.
10E oín un gran berro no ceo, que dicía:

''Arestora chegou a victoria, o poder,
e o reino do noso Deus,
así como a soberanía do seu Mesías.
Porque expulsaron ó acusador dos nosos irmáns,
o que os acusa diante do noso Deus,
día e noite.
11Pero eles vencérono gracias ó sangue do Año,
e pola forza do testemuño que deron,
e porque quixeron máis morrer que vivir neste mundo.
12Por iso ¡alegrádevos, ceos,
e os que vivides neles!
¡Pobre terra e pobre mar!
Porque baixou Satán onda vós.
Baixou adoecido
porque sabe que ten pouco tempo''.


SAL. RESP. Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 4-5
R/ (1c) Cántoche, Señor, diante dos anxos

Douche as gracias, Señor, de todo corazón,
cántoche diante dos anxos
2póstrome cara ó teu templo
e bendigo o teu nome,
polo teu amor e a túa fidelidade.
Mesmo máis grande cá túa sona
fixéche-la túa promesa.
3Cando te chamo, ti respóndesme
e acrecénta-las miñas forzas.
4Daranche as gracias, Señor,
tódolos reis da terra
cando oían os ditos da túa boca.
5Cantarán os camiños do Señor,
pois grande é a gloria do Señor.


ALELUIA Sal 102, 21
Bendicide ó Señor os seus exércitos;
servidores que facéde-la súa vontade


EVANXEO Xn 1, 47-51
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Veréde-los anxos de Deus subir e baixar sobre o Fillo do Home

Xesús viu a Natanael, que viña cara a el e dixo del:
-Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
48Preguntoulle Natanael:
-¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:

-Antes de que Felipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
49Respondeulle Natanael:
-Rabbí, ti e-lo fillo de Deus, ti e-lo rei de Israel.
50Díxolle entón Xesús:
-¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
51E concluíu:

-Con toda verdade volo aseguro: habedes ve-lo ceo aberto, e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home. 


Comentarios

Publicacións populares