Ficha e Lectio - Domingo 25 de Ordinario A






LECTIO:
 http://iglesiadesopelana.blogspot.com.es/

NON DESVIRTUARMOS A BONDADE DE DEUS

Ao longo da súa traxectoria profética, Xesús insistiu unha e outra vez en comunicar a súa experiencia de Deus como “un misterio de bondade insondábel” que rompe todos os nosos cálculos. A súa mensaxe é tan revolucionaria que, logo de vinte séculos, hai aínda cristiáns que non se atreven a tomalo en serio.

Para contaxiarnos a todos a súa experiencia dese Deus Bo, Xesús compara a súa actuación coa conduta sorprendente do señor dunha viña. Ata cinco veces sae el mesmo en persoa a contratar xornaleiros para a súa viña. Non parece preocuparlle moito o seu rendemento no traballo. O que quere é que ningún xornaleiro fique un día máis sen traballo.

Por iso mesmo, ao final da xornada, non lles paga axustándose ao traballo realizado por cada grupo. Aínda que o seu traballo foi moi desigual, dálles a todos “un denario”: sinxelamente, o que necesitaba cada día unha familia campesiña de Galilea para poder viviren.

Cando o portavoz do primeiro grupo protesta porque tratou aos últimos igual do que a eles, que traballaron máis ca ninguén, o señor da viña respóndelles con estas palabras admirábeis: “Vas ter envexa porque eu son bo?” Vasme impedir cos teus cálculos mesquiños ser bo con quen necesitan o seu pan para cearen?

Que está suxerindo Xesús? E el non será que Deus non actúa cos criterios de xustiza e igualdade que nós manexamos? Será verdade que Deus, máis que estar medindo os méritos das persoas como o fariamos nós, busca sempre responder desde a súa Bondade insondábel á nosa necesidade radical de salvación?

Confeso que sento unha pena inmensa cando me atopo con persoas boas que se imaxinan a Deus dedicado a anotar coidadosamente os pecados e os méritos dos humanos, para retribuír un día exactamente a cada un segundo o seu merecido. Sería posíbel imaxinarmos un ser máis inhumano que alguén entregado a isto desde toda a eternidade?

Crer nun Deus, Amigo incondicional, pode ser a experiencia máis liberadora do que se poida imaxinar, a forza máis vigorosa para vivir e para morrer. Pola contra, vivir ante un Deus xusticeiro e ameazador pode converterse na neurose máis perigosa e destrutora da persoa.

Temos de aprender a non confundirmos a Deus cos nosos esquemas estreitos e mesquiños. Non habemos desvirtuar a súa Bondade insondábel mesturando os trazos auténticos que proveñen de Xesús con trazos dun Deus xusticeiro tomados do Antigo Testamento. Ante o Deus Bo revelado en Xesús, o único que cabe é a confianza.



José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire



VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2014/09/21-de-setembro-domingo-25-do-tempo.html

Comentarios

Publicacións populares