Domingo 26 de Ordinario - ciclo A

DOMINGO XXVI ORDINARIO -  CICLO A


Primeira Lectura     Ez 18, 25-28
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Cando o malvado se arrede da súa impiedade, salvará a súa vida

            Así fala o Señor:
            Comentades entre vós: "Non é xusto o proceder do Señor".

            Escoitade, Casa de Israel:
            Non é xusto o meu xeito de comportarme?
Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?

            Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza
e comete iniquidades e morre debido a elas,
morre debido ás iniquidades que el cometeu.

            Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu
e practica o dereito e a xustiza,
entón el consegue a vida.

            Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,
vivirá de certo, non morrerá.

            Palabra do Señor                      R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 24, 4bc-5. 6-7. 8-9
R/.  (6a):  Lémbrate, Señor, da túa compaixón.


Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     Flp 2, 1-11 (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Tede entre vós os mesmos sentimentos que Cristo Xesús

             Irmáns:

            Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
            Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
            Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa aos outros.
Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.

            El, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza  ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo,
facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz.

            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que  ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.


            Palabra do Señor                                 R/. Grazas a Deus

Ou: 1-5 (máis breve)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES

             Irmáns:
            Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.

            Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
            Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa  aos outros.
            Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.



                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir

 Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas, e elas séguenme.
Aleluia.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo     Mt 21, 28-32
Arrepentido, foi. Os publicanos e as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
            Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". El respondeu:
            "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.

            Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.
            Quen dos dous fixo a vontade do pai?

            Respondéronlle:
            O primeiro.

            Entón díxolles Xesús:
            Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.

             Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo




DO DITO AO FEITO....

HAICHE UN GRAN TREITO

TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/


ESCOITA ACTIVA

A celebración de hoxe é unha invitación a que nos preguntemos, dun xeito sincero, que significa realmente Deus no noso quefacer cotián. O que se opón moitas veces á fe non é a increnza, senón a falta de vida. Porque, que importa o credo que pronuncian os nosos beizos se falta logo na nosa vida un mínimo esforzo de seguimento de Cristo?; que importa que un fillo lle diga a un pai que vai traballar na viña se logo en realidade non o fai?. Non será que temos reducido, a miúdo, a nosa fe a palabras, ideas ou sentimentos?.

A Palabra proclamada quere axudarnos, unha vez máis a descubrir que a verdadeira fe, hoxe coma sempre, é a que viven aqueles homes e mulleres que traducen en feitos o Evanxeo. Porque.... do dito ao feito, haiche un gran treito. Que non nos quedemos en palabras que leva o vento. Camiñemos cara ao compromiso.


CORAZÓN MISERICORDIOSO

Polas veces nas que lle temos esixido aos demais esforzo, colaboración e implicación; mentres que nós botamos balóns fóra e seguimos sen comprometernos para non complicarnos a vida, dicímosche: LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.
Porque facemos o que non debemos e esiximos o que non estamos dispost@s a facer, pedímosche, LÉMBRATE, CRISTO, DA TÚA MISERICORDIA.
Por non ter sido capaces de vivir o teu amor nas nosas comunidades, perdendo tempo e enerxías en romper a unidade e en enfrontarnos uns contra outros, dicímosche: 
LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.


PALABRA ENRAIZADA

Hoxe tamén, coma nos tempos do profeta, moitas veces culpamos a Deus de tantas cousas: da fame no mundo, da morte de tanta xente inocente, mesmo das catástrofes naturais. E é que ás veces a nosa imaxe de Deus está máis preto da dun mago ou dun cura-todo, para o que nós non seriamos máis que simples monicreques nas súas mans. Lonxe disto, o profeta fálanos dunha responsabilidade individual que cada un e cada unha de nós debemos ter sobre aquilo que dicimos e , sobre todo, sobre aquilo que facemos. Deus creounos e salvounos para que sexamos libres, capaces de tomar decisións e responsabilizarnos delas, sen botar balóns fóra.

 Porque son demasiadas as persoas que, confesándose cristiás, terminan por instalarse comodamente na súa fe, sen que a súa vida se vexa afectada no máis mínimo pola súa relación con Deus. Cristiáns que se desdobran e cambian de personalidade segundo se axeonllen para rezar ou se entreguen ás súas ocupacións cotiás. Deus non penetra na súa vida familiar, no seu traballo, nas súas relacións sociais, nos seus proxectos e intereses. A fe é para elas un costume, un reflexo, unha medida de seguridade, unha relaxación persoal.

 Na parábola dos dous fillos que vimos de proclamar no Evanxeo, o importante non son as palabras que estes din, senón a súa conduta. Non estaría de máis que tod@s nós, que formamos a Igrexa, tomaramos boa nota deste recadiño que hoxe nos manda Xesús: a fe non é algo que se posúa, senón algo que ten que vivirse. Ser crente é algo máis que recitar fórmulas de fe ou confesar a nosa simpatía pola concepción cristiá da vida.... cómpre esforzarse na práctica por chegar a ser cristiáns e cristiás verdadeir@s, e non só de boquilla. Dito doutro xeito: a ortodoxia temos que saber conxugala coa ortopraxe. Non vale con dicir “vou”, hai que ir. Velaí o cerne da cuestión. Pero claro, que difícil é!!!!!!!!!!!. Porque son demasiadas as ocasións nas que dentro da nosa Igrexa poñemos o acento na ortodoxia e esquecémonos por completo da ortopraxe. Como chamarlle senón á actitude de tantos e tantos membros da xerarquía que reducen a fe a un mero culto que proporciona uns suculentos cartiños?, como temos a cara de “falar no nome de Deus” para acusar, condenar ou ferir a quen temos enfronte?, como casar unhas celebracións solemnísimas cunha frialdade e un afastamento entre nós?, como é que nos confesamos cristiáns e cristiás, mesmo de celebración e comuñón dominicais, e logo explotamos aos nosos traballadores, coméndolles a suor e a saúde?, como falamos de ser crentes e non somos responsables no noso traballo?, que sentido ten dicir que Deus é importante na nosa vida se logo non estamos dispost@s a mover nin un dedo para que isto cambie?. Que ben nos vai aquilo de “xuntémonos e ide”.

Teñamos entón coidadiño, porque non vaia ser que aqueles que se sintan perfectos, en posesión da verdade absoluta, aqueles que se cren con máis dereitos que os demais, aqueles que xulgan e censuran.... se atopen coa sorpresa de que os pobres, os agnósticos, os ateos, as mulleres (mesmo as prostitutas) lles leven a dianteira para entrar no reino dos ceos.


FRATERNIDADE ORANTE

Con actitude de confianza, pómonos en disposición de compartir as nosas preocupacións e ledicias, mostrando a nosa solidariedade na oración. Por iso dicimos xuntos:
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS

Pola Igrexa, que formamos tod@s nós, para que, sabéndonos mediación e presenza de Deus na familia, no barrio, na parroquia, no traballo... non renunciemos nunca a actuar sen medo e conforme ás nosas crenzas, OREMOS.
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS
Polas nosas parroquias, para que nunca nos falte o valor de saber rectificar equivocacións, e de descubrir o alento e a forza da fe á hora de construír proxectos, facer propostas e unir esforzos, OREMOS.
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS
Por nós, para que nunca separemos a relixión da vida, o dicir do facer, o rezar do actuar, OREMOS.
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS

Grazas, Señor, porque segues a confiar en nós e incansablemente maniféstasnos a túa misericordia. Danos azos para saber descubrir que fe e obras teñen que ir sempre unidas. PXNS.


MIRADA DE ESPERANZA

Concédenos, Señor,
un pouquiño de calor para a nosa frialdade,
un pouquiño de consistencia para o noso barro,
un pouquiño de auga para a nosa sede,
un pouquiño de luz para os nosos momentos de escuridade,
un pouquiño de ledicia para as nosas penas,
un pouquiño de paz para a nosa loita de cada día,
un pouquiño de tenrura para as nosas fraquezas,
un pouquiño de amor para o noso egoísmo,
un pouquiño de ilusión para a nosa desgana,
un pouquiño de auxilio para as nosas necesidades,
un pouquiño de firmeza para as nosas decisións,
un pouquiño de vida, para a nosa vida.

Concédenos, Señor,
un pouquiño de escoita para a túa Palabra,
un pouquiño de sabedoría para sermos felices,
un pouquiño de tempo, para aprender a ser fillos e fillas.

Aínda que non che pidamos nada, ou che digamos o contrario…
Concédenos, Señor.


CANTO GOZOSO

ENTRADA:
Amigos nas penas
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:

Comentarios

Publicacións populares