6 sept. 2014

Domingo 23 Ordinario A

DOMINGO XXIII ORDINARIO   -  CICLO A


Primeira Lectura     Ez 33, 7-9
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Se non lle falas ao malvado, pedireiche contas do seu sangue
  
            Así fala o Señor:
            Eh ti, fillo de Adán!: a ti constituínte vixía para a Casa de Israel,
vas escoitar da miña boca as palabras,
e valos avisar da miña parte.
            Cando eu lle diga ao malvado:
"Malvado, vas morrer",
se ti non lle falas para avisalo do seu destino,
el, o malvado, morrerá pola súa culpa;
pero a ti pediránseche contas do seu sangue.
            Pero se ti avisas o malvado do seu destino
para apartalo del, e el non cambia de conduta,
el morrerá pola súa culpa
pero ti salvarás a túa vida.

          Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.  (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos perante o Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.
Oxalá escoitedes hoxe a súa voz.

Non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.


Segunda Lectura     Rm 13, 8-10
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
A plenitude da lei é o amor
  
            Irmáns:
            A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, pois o que ama o próximo, ten cumprida a Lei.
            Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás, e todos os outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
            Quen ama o seu próximo non lle fai mal.
            Verdadeiramente o amor é o pleno cumprimento da Lei.

      Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 18, 15-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Se te escoita, lograches o teu irmán

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Se teu irmán peca, vai e repréndeo, pero ti con el só. Se te escoita, lograches o teu irmán. Se non te escoita, leva conti­go aínda un só ou dous, de modo que pola palabra de dúas ou tres testemuñas todo o asunto quede resolto. Se tampouco a eles lles fai caso, dillo á comunidade; e se nin sequera á comunidade lle fai caso, sexa para ti coma un pagán ou un publicano.
            Dígovolo de verdade: O que atedes na terra, será atado no ceo, e o que desatedes na terra, será desatado no ceo.
            Dígovos aínda máis: Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do Pai meu, que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu.

       Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo




 DEUS QUERE MISERICORDIA....... 
                    NON SACRIFICIOS

ESCOITA ACTIVA

            Vivimos nunha sociedade deshumanizada, na que a valía das persoas é proporcional ao rendemento que delas podemos obter. Unha sociedade de descartes, como di o papa Francisco, que bota fóra á xente maior, prescindindo así de toda a súa ampla experiencia de vida e que bota fóra tamén aos nenos e á mocidade porque non son rendibles, xa que hai que investir na súa formación. E é que a lei do mercado, a lei da oferta e da demanda, non permite sentimentos, non lle convén que perdamos o tempo en pensar. O resultado está á vista: non cremos no que facemos, fáltanos capacidade para a tenrura, poñemos a norma por riba das persoas, contentámonos co cumprimento, esquecemos valores e conviccións... E deste xeito ímonos baleirando por dentro, ímonos insensibilizando, e mesmo desculpamos e adoptamos comportamentos a todas luces inmorais, que escravizan ás persoas.

E resulta que chega Xesús e dinos que o amor é a primeira e a única lei.... Que paradoxo, non si?. Prestemos atención á súa palabra e deixemos que vaia renovando e anovando a nosa vida, porque se non hai amor, para que serve a lei?... Simplemente para facernos escravos dela.


CORAZÓN MISERICORDIOSO

•        Por ter esquecido que o cumprimento é estéril se non vai acompañado do servizo á persoa, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
•        Por ter promovido comportamentos e actitudes legalistas e baleiros na nosa maneira de facer as cousas, CRISTO, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
•        Por non prestar atención á situación das persoas que están ao noso lado e buscan en nós un corazón misericordioso, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.


PALABRA ENRAIZADA

•        Son moitas as ocasións nas que deixamos de lado o respecto e a tolerancia á hora de xulgar as opinións e accións dos demais, sobre todo se non son dos nosos. Ezequiel, na primeira lectura de hoxe volve insistir no que é o tronco da vida de fe: o recoñecemento da dignidade da persoa e o afastamento de toda idea que supoña vinganza, rancor ou violencia cara aos demais. Crer, rezar, participar en accións solidarias… só terán sentido se o facemos guiados polo respecto que todas as persoas nos merecen... pois todos somos presenza de Deus e a fe ha levarnos a un compromiso no mundo e co mundo para denunciar calquera atropelo contra a dignidade das persoas, sexa no lugar que sexa e sexa no ámbito que sexa: eclesial, laboral, xudicial, político...... A salvación xógase na casa do mundo, tomándoo en serio, e non evadíndonos en rezos rituais ou costumes cheas de tópicos. Un bo inicio para esta nova xeira pode ser que non encirrar dentro de nós sentimentos de enfrontamento, provocación inútil ou desprezo cara aos demais.

•        E se camiñamos por ese vieiro de empatía, misericordia, colaboración e servizo, chegaremos ao pleno cumprimento da lei, é dicir o amor. Non fagamos del una frase puramente poética ou unha fermosa palabra comodín que sempre acae ben. Poñámoslle vida, actitudes, preocupación polos demais, proximidade, solidariedade, capacidade de escoita, tempo compartido con quen o necesita .... Abrámoslle as portas a Deus e abrámoslle ás portas aos demais. Se nós somos capaces de amar, quen nos vexa será capaz de descubrir quen é e por que dixo Xesús o que dixo: amádevos. O seu mandado de amor, como nos lembra o Evanxeo de hoxe, lévanos a arriscar, canto somos e temos, polos irmáns. Insistir unha e outra vez. A tempo e a destempo, con constancia e paciencia. Constancia e paciencia que nos conforman como persoas decididas a poñer a nosa referencia non só en nós, no que nos peta, nos gusta ou nos apetece.


•        Porque nunha sociedade que prema a cantidade sobre a calidade, nós, os seguidores de Xesús, primamos a calidade sobre a cantidade. Cando falaba do Reino, Xesús non puña o til en grandes pretensións sociais, senón que se refería a el coma lévedo oculto, sal transformadora, pequena semente..... Na Igrexa de Xesús non se pode estar de calquera xeito: por costume, por inercia ou por medo. Trátase de xuntarse no seu nome, conscientes de que sempre precisamos conversión. Xesús, como nos lembra o evanxeo de Mateu que vimos de proclamar, tróuxonos un novo tipo de relacións que nós estamos chamados a poñer en práctica: relacións baseadas na verdade (dicir si, dicir non, non basearse en suposicións, senón en datos certos); relacións de franqueza, que nos leven a planear os problemas cara a cara; relacións de liberdade, respecto e tolerancia; relaciones de amabilidade e comprensión; relacións de desbloqueo (non gardar as cousas, porque nos pechan aos demais e o día menos pensado estoupan e causan graves feridas.... ás veces incurables); relacións de esperanza, sen perder nunca a perspectiva de que todos podemos cambiar; relacións cinguidas polo amor.


FRATERNIDADE ORANTE

Poñemos por riba do altar a nosa oración comunitaria e dicimos xuntos:
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS

•   Para que na Igrexa teñamos sempre presente que por riba do cumprimento da lei están as persoas, OREMOS.
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS

•   Moitas veces nas nosas parroquias volvémonos inxustos e insensibles cara aos demais, estando sempre dispostos a xulgalos, pero poucas veces a escoitalos. Para que abandonemos este atallo e collamos o camiño do amor e da comprensión mutua, OREMOS.
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS

•   Por cada un e cada unha de nós, para que sempre esteamos dispostos a pedir perdón a quen ofendemos e tamén a perdoar a quen nos ten ofendido a nós, OREMOS.
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS

Grazas, Señor, por abrirnos a mente e o corazón a unha vivencia do Evanxeo que pasa por aprender a ver na xente a túa presenza gozosa e esperanzada. P.X.N.S Amén.


MIRADA ESPERANZADA

Onde reina a competencia desleal, 
   nós anunciamos a lealdade.
Onde reina o afán de poñerse por riba dos demais, 
   nós anunciamos a igualdade.
Onde reina o desexo de figurar, 
   nós anunciamos o servizo.
Onde reina a dificultade para as relacións mutuas, 
   nós queremos estar sempre dispoñibles.
Onde reina a explotación, 
   nós anunciamos a solidariedade.
Onde reina a inxustiza, 
   nós traballamos a prol da xustiza.
Onde reina o desleixo, 
   nós anunciamos o compromiso e a implicación.
Onde reina o silencio, 
   nós anunciamos a denuncia profética.
Onde reina o rancor, 
   nós anunciamos o perdón e a misericordia.
Onde reina a lei, 
   nós anunciamos o amor como única e verdadeira lei.

CANTO GOZOSO

•        ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
•        LECTURAS: Eu soñei
•        OFERTORIO: Todos xuntos
•        COMUÑÓN: O amor é o meirande

POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario