É necesario que sexa exaltado o Fillo do Home - Xn 3, 13-17

Exaltación da Santa Cruz A


CANTEMOS A NOBREZA
DESTA LOITA 

Cantemos a nobreza desta loita,
o triunfo de Xesús no seu madeiro;
parecía vencido e en derrota
e gañaba para o mundo o amor primeiro.

Doído o noso Deus da nosa perda,
do noso padecer tanto pecado,
quixo nacer humano nesta terra
para vencer connosco o asoballo.

Nacido de María nun presebe,
amigo foi do humilde desprezado;
dereito sementou e o seu empeño
conduciuno a morrer axustizado.

Maldicido e cuspido polos homes,
mantivo firme o amor que nos libera,
co perdón e coa fe foi o máis forte,
aínda que en cruz o máis débil parecera.

Bendicímoste, cruz, que es unha fonte
da vida nova en Cristo solecida,
con Xesús entrañado á nosa sorte
xa non espanta a morte nin a vida.

Ti recórdasnos, cruz, unha alegría,
o teu madeiro, un gozo que renova;
Deus con nós loita porque nos estima;
contigo e El vencemos desde agora.

Sen semente non dan froito as terras,
non se apañan colleitas sen suores,
tampouco sen traballos se fan festas
nin se fan sen a cruz tempos mellores.

Por iso te adoramos, cruz bendita,
sinal de vida en Cristo conquistada,
sinal do camiñar dos que confían,
sinal da fe da Igrexa rescatada.

A Deus que con amor terma da historia
que é Pai, Fillo e Espírito, loanza,
a quen volve coa cruz unha esperanza
de salvación e vida, sexa a gloria.


Comentarios

Publicacións populares