Festividade - Exaltación da Santa Cruz (14 de setembro)

Exaltación da Santa Cruz


PRIMEIRA Núm 21, 4b-9
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS
Os mordidos sanaban cando a miraban

O pobo comezou a esmorecer polo camiño. E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: -¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo deste alimento tan miserable? O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: -¡Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes! Moisés rezou polo pobo, e o Señor díxolle a Moisés: -"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun pau ben alto; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.
       Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SAL. RESP. Sal 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38
R/ (cf 7c) Non esquezáde-las obras do Señor

Escoita, meu pobo, a miña instrucción
atende as miñas palabras.
Vouche falar en parábolas,
exporche vellas adiviñas.

Cando os castigaba, eles buscábano,
voltábanse e corrían cara a Deus,
lembrando que Deus era a súa rocha,
o Deus Altísimo o seu redentor.

Coa boca tratábano de enganar;
coa lingua, de lle mentir.
Mais o seu corazón non era firme,
non eran fieis á súa alianza.

Por piedade perdoaba El as súas culpas
e non os destruía.
Moitas veces contivo a súa ira,
non deixou acende-lo seu noxo,


SEGUNDA Flp 2, 6-11
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES
Humillouse a sí mesmo; por iso Deus exaltouno

Xesús Cristo, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus; senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo; fíxose un home normal e presentouse como tal abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡e a morte na cruz!
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle concedeu un título que está por riba de calquera título para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo no ceo, na terra e mais no abismo, e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor.

      Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA
Adorámoste, Cristo e bendicímoste:
porque, pola túa cruz, redimíche-lo mundo



EVANXEO Xn 3, 13-17
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
É necesario que sexa exaltado o Fillo do Home

Dille Xesús a Nicodemo:
ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.
14Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo de Home, 15para que todo o que cre nel, teña vida eterna. 16Pois de tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
17Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.

    
Palabra do Señor                                 
R/. Loámoste, Cristo





SEMENTAR ESPERANZA:
VELAÍ A NOSA TAREFA
24 Domingo TOA: Exaltación da Santa Cruz

ESCOITA ACTIVA

Hoxe é a festa da Exaltación da Cruz. E pode ser que nunha sociedade coma a nosa, que busca apaixonadamente a comodidade e o máximo benestar, haberá xente que se pregunte polo sentido desta festa. Porén, se cadra máis ca nunca, cómpre lembrar que cando celebramos a cruz non enxalzamos o sufrimento, a inmolación e a morte, senón o amor, a proximidade e a solidariedade dun Deus que quixo compartir a nosa vida... e a nosa morte. A cruz é a revelación do noso destino: o triunfo de Cristo é a vitoria de todas as persoas.

Ninguén nos vai quitar as dificultades, a dor, os problemas, as preocupacións; pero si sabemos que todas elas poderán ser superadas naquel en que pomos a nosa forza, a nosa esperanza, a nosa vida. Aquel que soubo superar o fracaso e abrirse á esperanza. Tamén nós, os seus seguidores, somos invitados neste día a non esquecer que a morte, todas as mortes -non só as físicas-, que se producen no noso mundo, poden ser vencidas. Fagamos un exercicio de memoria e lembremos como tantas cousas que noutro tempo nos parecían imposibles, hoxe están acadadas. E aí non paramos, a historia, a nosa historia é lineal, non cíclica, sempre aberta á esperanza e ao futuro. Por iso a cruz é sinal de contradición e superación: o mal foi vencido, a esperanza está a chegar.

Participemos sen nostalxia, pero si con fe da celebración que agora comeza.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

-Pola dureza do noso corazón, que nos fai insensibles diante do sufrimento de tantos e tantas irmáns e irmás nosos,                 SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
-Porque somos moi dados a xulgar, condenar e crucificar os demais; pero non mostramos a mesma dispoñibilidade cando se trata de dar oportunidades, de perdoar ou de acompañar,                                                 CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
-Por ternos quedado na crucifixión, sen camiñar cara á resurrección, 
SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.


PALABRA ENRAIZADA

•             O texto da carta aos Filipenses que acabamos de escoitar é un himno litúrxico que rezaban as primeiras comunidades e co que se expresaba como Xesús ía desenvolvendo a misión encomendada polo Pai. Unha misión da que foi tomando conciencia a medida que a ía realizando –ninguén nace aprendido, dicimos nós moitas veces– ao longo dos seus tres anos de vida pública. Dinos este fragmento que Xesús asumiu a súa condición humana en totalidade, sen figuracións nin representacións teatrais. Naceu ser humano e coma tal viviu e desenvolveu tódalas súas accións. Non era un home de mentiriñas nin para ofrecer un espectáculo que só visen os que o seguían, Tampouco era un enredante que se aproveitaba da boa fe dos que o escoitaban. Non. El mostrábase tal e como era: un coma nós, un dos nosos: sufría coas cousas negativas que lle pasaban a el ou aos que con El estaban; e gozaba cando todo se orientaba de xeito positivo. O seu abaixamento ata a morte axúdanos a entender o porque tantas persoas están dispostas, desde El, a entregar a súa vida polos demais, sen esperar ningún recoñecemento, senón como consecuencia lóxica de querer seguir o camiño que El comezou. Que é hoxe o testemuño de tantos misioneiros e misioneiras que poñen a súa vida ao servizo da humanización dos máis pobres, aínda que iso, como ben sabemos todos, os acabe levando á morte? É máis, sen necesidade de ir lonxe, hoxe tamén esta palabra nos quere falar a nós, para que nos preguntemos se somos capaces de poñer a nosa vida ao servizo dos demais para levarlles a saúde que a súa situación persoal, familiar, laboral ou social lles foi quitando. Que tamén nós, coma Cristo, traballemos por asumir a nosa condición humana sen pretender ser nin mellores nin máis importantes ca os demais, só servindo.

•             Porque a cruz, no noso mundo é esa realidade, ese paradoxo da falsa ilusión na que moitas veces caemos cando afirmamos que somos moi bos porque non matamos nin roubamos. A cruz dinos hoxe que si, que hai moitas cousas que somos capaces de facer, e de facer mal. De que hai moitas das accións que facemos desde a nosa liberdade que destrúen, feren ou matan. De que non é necesario botarlle a culpa aos demais, aos que mandan, aos que dirixen, aos que dominan. Non, miremos para dentro de nós, e nun exercicio de sinceridade asumamos que nós tamén somos partícipes na construción de moitas das cruces no mundo de hoxe: calamos, miramos para outro lado, non dicimos a verdade, enganamos ou mentimos para obter beneficio, non nos comprometemos, pensamos só en nós mesmos, rexeitamos a quen non é dos nosos... E así son moitas as cruces que nós construímos para nós e para os demais. E Deus non queda na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que enviou ao seu Fillo para que poidamos gozar da experiencia da salvación. Ese é o sentido da festa de hoxe: espirnos diante desta cruz na que Xesús se entrega para reconducir o noso camiño, para deixar atrás o antigo, para comezar a vivir no novo. Porque a cruz foi vencida, a morte non é o final de todo para un crente. A esperanza é posible. Cristo abriunos o camiño.



FRATERNIDADE ORANTE

Agradecidos porque Deus non enviou ao seu Fillo ao mundo para xulgar, senón para salvar, dicimos xuntos:
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

       Pola Igrexa, por todos e todas nós, para que non nos ocupemos tanto de xulgar e condenar como de salvar e acoller, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
       Polas nosas comunidades, para que a fe sexa alento que nos empurre a crear espazos de colaboración, perdón, acollida e misericordia, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
       Por cada un e cada unha de nós, para que, sentindo na nosa vida a ledicia de sabérmonos salvados por Deus lla saibamos transmitir coas nosas obras a tantas persoas crucificadas do noso mundo: as que sofren con máis intensidade a crise, os parados, os enfermos, os marxinados, os que non teñen motivo para a esperanza, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

Grazas, Señor, porque día a día nos dás mostras da túa misericordia e nos mostras a túa salvación no noso quefacer cotiá. P.X.N.S. Amén.



MIRADA DE ESPERANZA

A miña forza e o meu fracaso es ti.
A miña herdanza e a miña pobreza.
Ti a miña xustiza, Xesús.
A miña guerra e a miña paz.
A miña libre liberdade.

A miña morte e a miña vida.
Palabra dos meus berros.
Silencio da miña espera.
Testemuña dos meus soños.
Cruz da miña cruz.
Causa da miña amargura.
Perdón do meu egoísmo.
Crime do meu proceso.
Xuíz do meu pobre pranto.
Razón da miña esperanza.
A miña terra prometida es Ti.
A Pascua da miña Pascua.
A nosa gloria por sempre, Señor Xesús. Amén.
 (P. Casaldáliga)

CANTO GOZOSO

ENTRADA: 
Amigos nas penas e na festa amigos
LECTURAS:
Señor Xesús
OFERTORIO: 
Grazas, Señor, graciñas
COMUÑÓN: 
Seguirei os teus pasos


POWER POINTS


Comentarios

Publicacións populares