Ficha e Lectio - Domingo 26 de Ordinario A





LECTIO:

POR DIANTE DE NÓS

Un día Xesús pronunciou estas duras palabras contra os dirixentes relixiosos do seu pobo: “Asegúrovos que os publicanos e as prostitutas lévanvos a dianteira no camiño do reino de de Deus”.
Hai uns anos puiden comprobar que a afirmación de Xesús non é unha esaxeración.

Un grupo de prostitutas de diferentes países, acompañadas por algunhas Irmás Oblatas, reflexionaron sobre Xesús coa axuda do libro “Xesús. Aproximación histórica”. Aínda me conmove a forza e o atractivo que ten Xesús para estas mulleres de alma sinxela e corazón bo. Rescato algúns dos seus testemuños.

“Sentíame sucia, baleira e pouca cousa, todo o mundo me usaba. Agora séntome con ganas de seguir vivindo porque Deus sabe moito do meu sufrimento... Deus está dentro de min. Deus está dentro de min. Deus está dentro de min. Este Xesús enténdeme!...”

“Agora, cando chego a casa despois do traballo, lávome con auga moi quente para arrincar da miña pel a sucidade e despois rézolle a este Xesús porque el si me entende e sabe moito do meu sufrimento... Xesús, quero cambiar de vida, guíame porque só ti coñeces o meu futuro...

“Eu pido a Xesús todo o día que me separe deste xeito de vida. Sempre que me ocorre algo, eu chámoo e el axúdame. El está preto de min, é marabilloso... El lévame nas súas mans, el carga comigo, sento a presenza del...

“Na madrugada é cando máis falo con el. El escóitame mellor porque neste horario a xente dorme. El está aquí, non dorme. El sempre está aquí. A porta pechada, axeónllome e pídolle que mereza a súa axuda, que me perdoe, que eu loitarei por el...”

“Un día eu estaba apoiada na praza e dixen: Oh, meu Deus, será que eu só sirvo para isto?” “Só para a prostitución?”... Entón é o momento en que máis sentín a Deus cargando comigo, entendiches?, transformándome. Foi naquel momento. Tanto que eu non me esquezo. Entendiches?...”

“Eu agora falo con Xesús e dígolle: aquí estou, acompáñame. Ti viches o que lle sucedeu á miña compañeira (refírese a unha compañeira asasinada nun hotel). Rógoche por ela e pido que nada malo lle suceda ás miñas compañeiras, Eu non falo, pero pido por elas pois elas son persoas coma min...

“Estou furiosa, triste, doída, rexeitada, ninguén me quere, non sei a quen culpar, ou sería mellor odiar á xente e a min, ou ao mundo. Fíxate, desde que era pícara eu crin en Ti e permitiches que me pasase isto... Douche outra oportunidade para protexerme agora. Ben, eu perdóoche, pero por favor non me deixes de novo...


José Antonio Pagola

Comentarios

Publicacións populares