Ficha e Lectio - Exaltación da Santa Cruz
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
VER TAMÉN:
LECTIO:
OLLAR CON FE AO CRUCIFICADO
A festa que hoxe celebramos os cristiáns é incomprensíbel e
ata disparatada para quen descoñece o significado da fe cristiá no Crucificado.
Que sentido pode ter celebrarmos unha festa que se chama “Exaltación da Cruz”
nunha sociedade que busca apaixonadamente o “confort” a comodidade e o máximo
benestar?
Máis dun preguntarase como é posíbel seguir aínda hoxe
exaltando a cruz? Non ficou xa superado para sempre ese xeito morboso de
vivirmos exaltando a dor e buscando o sufrimento? Temos de seguir alimentando un
cristianismo centrado na agonía do Calvario e nas chagas do Crucificado?
Son sen dúbida preguntas moi razoábeis que necesitan unha
resposta clarificadora. Cando os cristiáns ollamos para o Crucificado non
enxalzamos a dor, a tortura e a morte, senón o amor, a proximidade e a
solidariedade de Deus que quixo compartir a nosa vida e a nosa morte ata o
extremo.
Non é o sufrimento o que salva senón o amor de Deus quen se
solidariza coa historia dolorosa do ser humano. Non é o sangue o que, en
realidade, limpa o noso pecado senón o amor insondábel de Deus que nos acolle
como fillos. A crucifixión é o acontecemento no que mellor se nos revela o seu
amor.
Descubrirmos a grandeza da Cruz non é atribuírlle un non sei
que misterioso poder ou virtude á dor, senón confesarmos a forza salvadora do
amor de Deus cando, encarnado en Xesús, sae a reconciliar o mundo consigo.
Neses brazos estendidos que xa non poden abrazar aos nenos e
nesas mans que xa non poden acariñar aos leprosos nin bendicir aos enfermos, os
cristiáns “contemplamos” a Deus cos seus brazos abertos para acoller, abrazar e
soster as nosas pobres vidas, rotas por tantos sufrimentos.
Nese rostro apagado pola morte, neses ollos que xa non poden
mirar con tenrura ás prostitutas, nesa boca que xa non pode berrar a súa
indignación polas vítimas de tantos abusos e inxustizas, neses beizos que non
poden pronunciar o seu perdón aos pecadores, Deus estanos revelando como en
ningún outro xesto o seu amor insondábel á Humanidade.
Por iso, ser fiel ao Crucificado non é buscarmos cruces e
sufrimentos, senón vivirmos coma el nunha actitude de entrega e solidariedade
aceptando se é necesario a crucifixión e os males que nos poden chegar como
consecuencia. Esta fidelidade ao Crucificado non é dolorista senón esperanzada.
A unha vida “crucificada”, vivida co mesmo espírito de amor con que viviu
Xesús, só lle espera resurrección.
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario