Ficha e Lectio - Domingo 23 Ord A





LECTIO:

ESTÁ ENTRE NÓS

Aínda que as palabras de Xesús, recollidas por Mateu, son de gran importancia para a vida das comunidades cristiás, poucas veces atraen a atención de comentaristas e predicadores. Esta é a promesa de Xesús: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio de eles”.

Xesús non está pensando en celebracións masivas como as da Praza de San Pedro en Roma. Aínda que só sexan dous ou tres, alí está el no medio deles. Non é necesario que estea presente a xerarquía; non fai falta que sexan moitos os reunidos.

O importante é que “estean reunidos”, non dispersos, nin enfrontados: que non vivan descualificándose uns aos outros. O decisivo é que se reúnan “no seu nome”: que escoiten a súa chamada, que vivan identificados co seu proxecto do reino de Deus. Que Xesús sexa o centro do seu pequeno grupo.

Esta presenza viva e real de Xesús é a que ten de animar, guiar e soster ás pequenas comunidades dos seus seguidores. É Xesús quen ha alentar a súa oración, as súas celebracións, proxectos e actividades. Esta presenza é o “segredo” de toda comunidade cristiá viva.

Os cristiáns non podemos reunírmonos hoxe nos nosos grupos e comunidades de calquera xeito: por costume, por inercia ou para cumprirmos unhas obrigas relixiosas. Seremos moitos ou, talvez, poucos. Pero o importante é que nos reunamos no seu nome, atraídos pola súa persoa e polo seu proxecto de facermos un mundo máis humano.

Temos de reavivarmos a conciencia de que somos comunidades de Xesús. Reunímonos para escoitarmos o seu Evanxeo, para mantermos vivo o seu recordo, para contaxiármonos do seu Espírito, para acoller en nós a súa alegría e a súa paz, para anunciar a súa Boa Noticia.

O futuro da fe cristiá dependerá en boa parte do que fagamos os cristiáns nas nosas comunidades concretas as próximas décadas. Non abonda o que poida facer o Papa Francisco no Vaticano. Non podemos tampouco poñermos a nosa esperanza no puñado de sacerdotes que poidan ordenarse os próximos anos. A nosa única esperanza é Xesús-Cristo.

Somos nós os que temos de centrar as nosas comunidades cristiás na persoa de Xesús como a única forza capaz de rexenerarmos a nosa fe gastada e rutineira. O único capaz de atraer aos homes e mulleres de hoxe. O único capaz de procrear unha fe nova nestes tempos de incredulidade. A renovación das instancias centrais da Igrexa é urxente. Os decretos de reformas, necesarios. Pero nada tan decisivo como o volvermos con radicalidade a Xesús-Cristo.


José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire.

Comentarios

Publicacións populares