Ficha e Lectio - Domingo 21 Ord C






"NON TODO VALE"     

Xesús vai camiñando cara a Xerusalén. A súa marcha non é a dun peregrino que sobe ao templo para cumprir os seus deberes relixiosos. Segundo Lucas, Xesús percorre cidades e aldeas "ensinando". Hai algo que necesita comunicar a aquelas xentes: Deus é un Pai bo que ofrece a todos a súa salvación. Todos son convidados a acoller o seu perdón.

A súa mensaxe sorprende a todos. Os pecadores énchense de alegría ao ouvirlle falar da bondade insondable de Deus: tamén eles poden esperar a salvación. Nos sectores fariseos, con todo, critican a súa mensaxe e tamén a súa acollida a recadadores, prostitutas e pecadores: non está Xesús abrindo o camiño cara a unha relaxación relixiosa e moral inaceptable?

Segundo Lucas, un descoñecido interrompe a súa marcha e pregúntalle polo número dos que se salvarán: serán poucos?, serán moitos?, salvaranse todos?, só os xustos? Xesús non responde directamente á súa pregunta. O importante non é saber cantos se salvarán. O decisivo é vivir con actitude lúcida e responsable para acoller a salvación dese Deus Bo. Xesús lémbrallo a todos: «Esforzádevos por entrar pola porta estreita».

Desta maneira, curta de raíz a reacción de quen entenden a súa mensaxe como unha invitación ao laxismo. Sería burlarse do Pai. A salvación non é algo que se recibe de maneira irresponsable dun Deus permisivo. Non é tampouco o privilexio dalgúns elixidos. Non basta ser fillos de Abrahán. Non é suficiente coñecer ao Mesías.

Para acoller a salvación de Deus é necesario esforzarnos, loitar, imitar ao Pai, confiar no seu perdón. Xesús non rebaixa as súas esixencias: «Sede misericordiosos como o voso Pai é misericordioso», «Non xulguedes e non seredes xulgados», «Perdoade setenta veces sete»... como o voso Pai: «Buscade o reino de Deus e a súa xustiza».

Para entender correctamente a invitación a «entrar pola porta estreita», habemos de lembrar as palabras de Xesús que podemos ler no evanxeo de Xoán: «Eu son a porta; se un entra por min será salvo» (Xn 10,9). Entrar pola porta estreita é «seguir a Xesús»; aprender a vivir como el; tomar a súa cruz e confiar no Pai que o resucitou.

Neste seguimento a Xesús, non todo vale, non todo dá igual; habemos de responder o amor de Pai con fidelidade. O que Xesús pide non é rigorismo legalista, senón amor radical a Deus e ao irmán. Por iso, a súa chamada é fonte de esixencia, pero non de angustia. Xesucristo é unha porta sempre aberta. Ninguén a pode pechar. Só nós se nos pechamos ao seu perdón.

                                       José Antonio Pagola

TOMADO DE: 



Comentarios

Publicacións populares