Ficha e Lectio - Domingo 19 Ord C
FICHA ADAPTADA DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO DIVINA:
Despois da advertencia sobre a cobiza e o perigo das riquezas que lemos o domingo pasado, Xesús convida os seus discípulos á plena confianza coa imaxe dos paxaros do ceo e os lirios do campo que son coidados por Deus, canto máis coidará Deus dos seus fillos! (Lc 12,22-31). No evanxeo de hoxe continúa co tema da confianza e segue adiante ensinando sobre a vixilancia e a responsabilidade.
O texto é un discurso de Xesús interrompido por unha pregunta de Pedro no v. 41. Nel podemos distinguir tres partes: a primeira (vv.32-34) en que conforta aos seus discípulos e convídalles a vendelo todo e ter un tesouro no ceo. Na segunda (vv. 35-40) que presenta dúas parábolas sobre a vixilancia, e a terceira parte (vv. 41-48) na que fala da fidelidade no que o Señor pide.
O texto comeza cunha frase que esperta unha confianza sorprendente: "non temas pequeno rabaño, porque ao Pai pareceulle ben darche o Reino" (v.32). O Reino é ante todo don do Pai, e elixe os pequenos, aos discípulos para entregarllo. Este don supón tamén unha correspondencia, unha correspondencia radical, por iso segue: "vendede o que tedes e teredes un tesouro no ceo" (v. 33). E culmina coa explicación: "porque onde estea o teu tesouro, alí estará o teu corazón" (v.34).
A actitude do discípulo ante o don do Reino debe ser de vixilancia porque o Señor vén, aínda que non se saiba cando. Esta vixilancia está expresada de diversos modos "estade coa roupa cinguida e as lámpadas acesas" (v.35); "estade a velar" (v.37); "estade preparados" (v.40). Todas estas imaxes dan a entender que é necesaria unha actitude de atención, de esforzo, de servizo. Isto supón vencer o cansazo da noite para vixiar (nos textos bíblicos moitas veces identifícase o pecado coa noite, (ver 1 Tes 5,5-7) e permanecer alerta, como quen coida a súa casa para que non a rouben. Con todo todo ese esforzo non ten comparación coa recompensa: "El mesmo (Señor) porase o delantal, faraos sentar á mesa e serviraos un por un" (v. 37).
A última parte do texto comeza coa pregunta de Pedro, con todo o Señor non lle responde directamente. Xesús segue ensinando sobre a fidelidade e responsabilidade daqueles a quen se encomenda un ben. Lembremos que no v. 32 di que o Pai lles deu aos discípulos o Reino. Ese don non permite neglixencia, hai que darse totalmente para corresponder a Aquel que tivo confianza en nós.
Outra vez máis se insiste nas ignorancias sobre o momento da vinda: "Virá o Señor na hora menos pensada" (v. 46. Ver v.40). Esta ignorancia non é negativa, senón que quere porse como un estímulo para que os discípulos estean sempre atentos servindo aos demais, na espera da vinda definitiva do Señor.
Comentarios
Publicar un comentario