Domingo 22 de Ordinario C

22º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura    Eclo 3, 19-21. 30-31 (gr 17-18. 20. 28-29)
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Faite humilde; encontrarás graza diante de Deus
  
            Meu fillo, cando sexas rico procede modestamente
e virás a ser máis amado có que fai moitos agasallos;
faite pequeno diante das grandezas do mundo
e encontrarás favor onda Deus.
            Non vaias á procura do difícil de máis para ti
nin pescudes o que te supera;
            Non corras a sandar a ferida do burlón;
non ten cura pois é grelo de planta cativa.
            A mente sabia comprende os ditos dos Sabios,
o oído atento á Sabedoría aledarase.
           
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 67, 4-5ac. 6-7ab. 10-11
R/. (cf. 11b): Na túa bondade, Deus, dispuxeches unha casa para o pobre.

Os xustos alégranse, exultan na súa presenza,
reloucan de contento.
Loade o Señor, cantade o seu nome.
Chámase Señor: exultade diante del.

Os orfos teñen un pai, as viúvas un vingador:
Deus na súa morada santa.
Deus dálles fogar aos solitarios,
libra os presos e enriquéceos,

Vertiches, Deus, chuvia xenerosa,
Fortaleciches a herdade extenuada.
O teu rabaño apousentou no lugar
que ti, Deus, dispuxeras na túa bondade para os pobres.


Segunda Lectura     Heb 12, 18-19. 22-24a
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo

            Irmáns:
            Non estades diante de algo que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta, nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ao sentilas, pediron que non se pronunciase ningunha máis.
            Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da Igrexa dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección, e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza.

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 11, 29ab
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Cargade co meu xugo, di o Señor,
e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 14, 1. 7-14
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen se exalta será humillado e quen se humilla será exaltado

             Un sábado ía Xesús comer á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano.
Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:
            ‑ Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado e que veña o que vos convidou e che diga: "Déixalle o sitio a este", e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar.
            O revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que cando chegue o que te convidou che poida dicir: "Amigo, sube máis arriba". E quedarás moi ben diante de todos os convidados. Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.
E díxolle tamén ao que o convidara:
            ‑ E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti.
            Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

                                    Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


SE TOMAMOS EN SERIO A SINXELEZA E A BONDADE DO ACTUAR DE XESÚS, FAREMOS DO ENCONTRO COMUNITARIO GOZOSA EXPERIENCIA DE AMOR E SERVIZO

PÓRTICO
A experiencia comunitaria da que constantemente nos fala Xesús remítenos a que teñamos sempre unha actitude activa, comprometida e solidaria á hora de estar no mundo e de relacionarnos uns cos outros. Desde as súas orixes, a dimensión social da fe é unha esixencia fundamental do ser cristián...inda que durante moito tempo, por interese da institución eclesial que non da mensaxe evanxélica, fomos fomentando a submisión, o sometemento, o autoritarismo e a falta de criterio nos membros das comunidades cristiás. Para os que mandaban e tiñan o poder, eclesial e social, non interesaba ter cristiáns adultos, maduros, con criterio e autonomía para tomar decisións sen ter que recorrer ao parecer da “autoridade”. O Concilio Vaticano II, hai xa cincuenta anos, cambiou esta xeira, urxíndonos a formarnos e a romper coa dinámica de reducir o ser cristián a unhas celebracións mortas, aburridas e afastadas da vida, que convertían ao cristián nun consumidor de rezos mal aprendidos –non esquezamos que a liturxia era en latín- e totalmente desconectado do resto da súa vida e mais do que pasaba ao seu redor. A ruptura deste xeito de ser e vivir a fe tróuxonos a liberdade de volver ás fontes e alimentarnos da forza que nos ofrece o Evanxeo, e o aire renovador que nos chama a optar, en liberdade, por canto nos fai adultos e nos achega a traballar na pluralidade de opcións e formas de participación na sociedade... e todo isto, como resposta ao evanxeo, e non como un aparte do que rezamos e celebramos.

O PERDÓN
ö  Da tentación da soberbia, AFÁSTANOS, SEÑOR
ö  Da tentación da preguiza, AFÁSTANOS, CRISTO
ö  Da tentación da intolerancia, AFÁSTANOS, SEÑOR

REMUÍÑO
ü  Constantemente os textos da biblia atribúenlle a Deus características humanas, pero presentadas de maneira sublime e plena. A analoxía, así se chama este xeito de referirse a Deus, serve para ir vendo cal é o camiño que nós necesitamos realizar para chegar a esa plenitude e a esa esixencia que xa se dá en Deus. Un exemplo claro disto atopámolo hoxe no texto da primeira lectura, cando se afirma que Deus actúa con humildade, o que lle serve ao autor para poñelo en relación co que debe ser o actuar do ser humano se quere seguir o vieiro que leva a gozar de Deus en plenitude. Actuar con humildade supón revisar as actitudes coas e desde as que abordamos as respostas que imos dando nas relacións cos demais e no ir construíndo a nosa persoal escala de valores que nos supón crecer e ir acadando a madureza como persoas. A humildade, na que nós temos que ir crecendo, ábrenos á tarefa de esforzarnos por afastar a tentación de pensarnos os mellores, de crer que xa o sabemos todo e que os demais o que teñen que facer é escoitarnos; namentres nós non facemos outra cousas que escoitarnos só a nós mesmos. Isto orixina que nos afastemos da realidade –comezamos a vivir nunha percepción irreal do mundo-, impedíndonos facer autocrítica e contrastar o noso comportamento e o noso xeito de ver as cousas cos outros. Se non somos capaces de poñer distancia para prezar a diferenza, acabamos vivindo nunha burbulla imaxinaria que nos deshumaniza converténdonos, ben en intolerantes e incapacitados para entender e atoparnos cos demais –lonxe do que hoxe chamamos intelixencia emocional–, ben en afastados sociais, incapaces de sentir e percibir aos outros como iguais e enriquecedores da nosa propia existencia. Neste mesmo senso incide o salmo responsorial ao presentar a Deus actuando coa bondade que posibilita o encontro e a disposición para acoller e tratar desde a igualdade aos demais, único camiño no que ir construíndo a ética da fraternidade.

ü  Todo isto que vimos de dicir, non pode facerse máis que convertendo o día a día de cada un de nós nun esforzo permanente por ser sinxelos -que non simples-, á hora de facer as cousas, pondo sempre por diante non o “eu” da egolatría, senón o “nós” da comuñón e da vivencia comunitaria. Só quen ten descuberto isto, será capaz de entender o porqué da historia de amor entre Deus e nós. Un amor concretado e vivido na encarnación de Xesús quen, asumindo a nosa mesma condición, mostrounos que si é posible, por riba de culturas e tempos, converter a súa mensaxe en motor que dá sentido a moitos homes e mulleres, os cales rompendo co pensamento líquido e débil, se esforzan por non caer na mediocridade do que está de moda nin no mimetismo do que fan todos. É deste xeito como temos que entender as palabras de Xesús en relación á exaltación e á humillación. Non é necesario nin sacar peito para mostrar que estamos aquí mandando, impoñendo e obrigando aos demais; nin tampouco apoucarse e someterse aos ditados dos que escravizan marcando e impoñendo modas que non nos diferencian e nos fan perder e esquecer o “propium” de cada un e de cada pobo.


ü  A humillación da que nos fala Xesús non consiste en volvernos amocados, infantís e sometidos aos máis fortes, senón que é toda unha invitación a non deixarnos reducir á nada, a romper cadeas que escravizan e converten ás persoas en números e estatísticas sen nome, como se detrás delas nun houbera seres humanos coas súas propias traxedias e tamén coas súas ilusións. A humillación á que nos invita Xesús supón e esíxenos ter criterio, non deixarnos asoballar, nin tampouco caer na tentación de asoballar aos demais e impoñer o noso criterio. Humildade na liberdade e respecto na diferenza -mesmo na discrepancia-, como camiño no que ir recoñecendo a presenza de Deus en cada unha das persoas coas que imos topando e tratando cada día.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Chamados a ser sinxelos, na sinxeleza que non deixa que outros nos asoballen, dicimos:
QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN

*    Para que sexamos unha Igrexa incluínte que sabe escoitar, respectar e valorar outros criterios e outras opinións, sen impoñer nunca a propia, OREMOS.
QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN

*    Para que construamos comunidades cristiás humildes e sinxelas, pero sen deixarnos someter por grupos de presión ou de influenza, que mandan e gobernan para si, esquecendo a opinión dos demais, OREMOS.
QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN

*    Para que nós, na nosa vida persoal, saibamos, ao encontrarnos cos demais, ser sinxelos, humildes e servidores naquelas tarefas nas que puideran necesitarnos, OREMOS.
QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN

Grazas, Señor, por axudarnos a entender que a sinxeleza e a humildade non son o mesmo que o sometemento e o dominio dos demais para o noso propio interese. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Xesús, manso e humilde de corazón:

Escóitame e afástame:
- Do desexo de ser estimado,
- Do desexo de ser loado,
- Do desexo de ser honrado,
- Do desexo de ser aplaudido,
- Do desexo de ser preferido a outros,
- Do desexo de ser consultado,
- Do desexo de ser aceptado,
- Do temor de ser humillado,
- Do temor de ser desprezado,
- Do temor de ser corrixido,
- Do temor de ser calumniado,
- Do temor de ser esquecido,
- Do temor de ser posto en ridículo,
- Do temor de ser inxuriado,
- Do temor de ser xulgado con malicia.

Que sempre desexe:
-Que outros sexan máis estimados ca min.
-Que outros crezan e se valoren as súas opinións e achegas, sen que  eu sexa sempre o centro.
-Que outros sexan loados e de min non fagan caso,
-Que outros sexan empregados en cargos e a min se me xulgue inútil,
-Que outros sexan preferidos a min en todo,
-Que os demais sexan máis santos ca min con tal que eu sexa todo o santo que poida.   

 (Sobre unha idea do Cardenal Merry del Val)


CANTOS
 ENTRADA
Temos unha festa
LECTURAS
Señor, Xesús, bendito sexas
OFERTORIO
Grazas, Señor na mañá
COMUÑÓN
Acharte presente na vida

POWER POINTS



Comentarios

Publicacións populares