Domingo 21 de Ordinario C

21º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C


Primeira Lectura     Is 66, 18-21
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Traerán a todos os vosos irmáns de entre os xentís
  
            Isto di o Señor:
            Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria.
            Porei no medio deles un sinal e mandarei os superviventes de entre eles ás nacións:
a Tárxix, a Pul e a Lud, aos que tensan o arco, a Tubal e a Iaván, ás remotas nacións costeiras que non oíron o meu renome, nin viron a miña gloria.
            Eles manifestarán a miña gloria entre os pobos. Eles traerán a todos os seus irmáns como ofrenda para o Señor, en cabalos e en carros, en liteiras, en mulos e en dromedarios, ata o meu santo monte de Xerusalén ‑dío o Señor ‑, así como os fillos de Israel traen ao templo do Señor a ofrenda en vasillas limpas.
            Tamén collerei a algúns deles para sacerdotes e levitas ‑ dío o Señor ‑.

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 116, 1. 2.
 R/.  (Mc 16, 15):  Ide predica-lo Evanxeo a todo o mundo.
Ou:  Aleluia.

Loade o Señor, todas as nacións,
aclamádeo, todos os pobos.
Porque é firme connosco a súa misericordia,
e a fidelidade do Señor dura por sempre.


Segunda Lectura     Heb 12, 5-7. 11-13
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O Señor proba a quen ama

            Irmáns:
            Xa vos esqueceu aquel consello de Deus, que vos fala coma a fillos:
"Meu fillo, non despreces a corrección do Señor
nin esmorezas cando El te rife;
porque o Señor, a quen lle quere ben, corríxeo,
e zorrégalle a todo aquel que recoñece por fillo".
            Aturade a corrección, para o voso adestramento: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, hai algún fillo a quen non corrixa seu pai?
            Certo que ningunha corrección resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo aos que están exercitados nela págalles co froito sereno da xustiza.
            Por iso, entesade as vosas mans febles e os vosos xeonllos trementes e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.
           
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 14, 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o camiño e a verdade e a vida, di o Señor;
ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 13, 22-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Virán de oriente e de occidente e integraranse no reino de Deus

            Naquel tempo, atravesaba Xesús vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.
            Un preguntoulle:
            ‑ Señor, e logo son poucos os que se salvan?
            El respondeu:
            ‑ Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. Despois de que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: "Señor, ábrenos", el responderá: "Non sei quen sodes".
            Entón empezaredes a dicir: "Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!" El repetirá: "Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!"
            Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abrahán, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus.
            Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.
           
                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



FRONTE AO ELES OU NÓS DOS HOMES, O PLAN DE SALVACIÓN DE DEUS CHÁMANOS Á UNIVERSALIDADE: TOD@S, EN CRISTO FOMOS SALVAD@S
PÓRTICO
Pensar en global, vivir e actuar en local. Esta expresión, que seguro temos escoitado moitas veces, resume claramente o que queremos dicir ao manifestar que a fe é unha invitación que nos abre á universalidade -polo que non é excluínte- de aceptar e acoller por riba de cores, relixións ou linguas a todas as persoas. Pero esta universalidade concrétase, móstrase e realízase no achegamento dos que temos ao lado: familiares, veciños, amigos... o que é sempre unha chamada de atención para que non caiamos na divagación de facer da fe ilusión de boas intencións, pero incapaz de actuar no concreto, mirando de fronte ás persoas, tendéndolles a man e chamándoas polo seu nome.
Que todo canto agora imos celebrar e compartir, nos axude a espertar do sono das boas intencións baleiras, e nos traslade ao compromiso real e concreto de termar e preocuparnos de quen nos necesite...sexa ou non dos “nosos”.

O PERDÓN
     Para que a indiferenza non atope eco nin no noso corazón nin nos nosos comportamentos, SEÑOR, QUE O DESPREZO NON ANIÑE EN NÓS.

     Para que nunca deamos as costas ao sufrimento dos que están máis preto de nós, desviando o noso desinterese polos demais coa falsa preocupación por aqueles que, sabéndoos lonxe, dicimos querer, CRISTO, QUE O DESPREZO NON ANIÑE EN NÓS.

     Para que non esquezamos nunca que a universalidade do amor cristián pasa pola dispoñibilidade cara aos que temos ao noso lado, SEÑOR, QUE O DESPREZO NON ANIÑE EN NÓS.

REMUÍÑO
O Deus cristián non é un Deus excluínte. El non crea guetos sectarios nos que só poden entrar uns poucos elixidos. Non. Como acabamos de escoitar no texto de Isaías, o Deus que acompañou e termou de Israel deixounos unha mensaxe de universalidade, de non rexeitamento, de non deixar a ninguén nas beiras. As portas da súa mensaxe están sempre abertas para todos. El é claro no seu legado, pero, témolo nós, que nos chamamos seguidores seus, o mesmo de claro?. Polos nosos comentarios, polas nosas indiferenzas, polos silencios diante de situacións inxustas... moitas veces parece que teñamos perdido esa claridade. E se fose así, deberiamos preguntarnos en que cremos, ou que sentido e importancia ten a nosa fe. Porque a fe, sendo unha mensaxe de salvación desde a que ir orientando e desenvolvendo a nosa vida cara un futuro en esperanza –resucitar e entrar a formar parte da compaña de Deus, logo de ter chegado ao final do noso camiño persoal- non é algo abstracto e cheo de neboeiras, senón que se vai clarificando e adquirindo contornas de comprensión no vivir e actuar segundo os grandes eixes: valores e actitudes, que continuamente imos descubrindo nos textos da palabra de Deus. E non nos vale dicir que iso é imposible,de que é algo utópico –entendido este como irrealizable, e non como motivador de esforzo continuo polo aínda non acadado- e, como tal, irreal. Vivir a fe para un cristián ten que ser unha tarefa continua de ir convertendo esa oferta de salvación en xestos, comportamentos e maneiras de vivir que vaian mostrando, na nosa relación con nós, co mundo e cos demais, que tomamos a Deus en serio. Que El non é unha distracción nin tampouco un “tapaburatos” das nosas limitacións e incapacidades. A universalidade de fe da que tantas veces temos escoitado falar, ou nos mesmos temos falado, ten que irse despregando a través do noso comportamento concreto e real –nunca abstracto nin xenérico– alí onde esteamos. Desde ela, e vivida deste xeito, poderemos entender a razón que nos leva a chamarnos irmáns uns aos outros, rompendo co reducionismo da irmandade adscrito unicamente aos lazos do sangue. A irmandade de quen ten ao Deus cristián como sentido e referente da súa vida –nós– vennos dada porque compartimos non só a intelixencia e a liberdade cos demais, senón por ter sido creados, modulados á súa imaxe e semellanza, o que nos fai dignos de respecto e iguais. Entrando así no sagrado que o mesmo Deus nos merece, recoñecémolo naqueles aos que chamamos irmáns –“nada hai verdadeiramente humano, que non atope eco no corazón dun cristián” G.S 1- e comparten con nós a súa andaina no mundo. Non é o sectarismo pechado do gueto, senón a apertura gozosa aos demais, como entendemos e podemos vivir o ser homes e mulleres de fe.  E como nos di o Salmo 116, a nosa tarefa é ir polo mundo e anuncialo coa coherencia da nosa vida.

O Señor dinos: arredade de min os que non practicades a xustiza. Pero claro, para algunhas persoas iso é menos importante. A xustiza, a austeridade, o ben común, a participación... son pecata minuta, miudezas, cousas sen importancia. Porque claro, a verdade é que ás veces dentro da nosa Igrexa temos comportamentos que son ou para botar a correr e non parar ou para botar a chorar e non parar. Así, rapidamente se pon o grito no ceo por unha xenuflexión mal feita, por non axeonllarse na consagración, por comulgar na man, por asistir a unha celebración da palabra...; rapidamente facemos sinónimos pecado e sexo, pecado e muller; rapidamente se nos di que debemos ser persoas frías e calculadoras, que a sexualidade é mala e hai que reprimila, que ..... pero nunca se nos fala de que os inxustos non teñen cabida no Reino de Deus. E así seguimos: facendo da relixión un negocio rendible, vagueando e reducindo o noso traballo e a nosa entrega, desbaldindo, explotando, facendo distincións entre a xente segundo teña máis ou menos cartos, máis ou menos estudos ou segundo o posto laboral que ocupe e que nos permita utilizala de cando en vez, querendo sempre saír na foto... porque iso,.... iso non ten que ver coa fe, verdade?. Pois mire, non, vostede está entrando pola porta ancha, pola porta fácil, pola porta da fe desencarnada. Esa non conduce á salvación, vai errado no camiño. Porque é verdade que a salvación esixe esforzo, renuncia, sacrificio, valentía, coherencia.... pois pasa polo camiño da xustiza e da fraternidade. Por iso a súa porta é estreita, porque esixe de nós unha fe comprometida coa xente, coa sociedade, co mundo, e non co noso grupo burbulla. Por iso para salvarnos, grazas a Deus, non fai falla presentar un currículum con haber-debe, coma unha libreta do banco, senón que cómpre practicar a xustiza e o amor. Por iso é complicado, porque o noso egoísmo e a nosa soberbia son tan grandes, que non caben por esa porta. Por iso, hoxe máis ca nunca, podemos dicir, sen medo a equivocarnos: non son todos/as os que están nin están todos/as os que son. Non podía ser de outro xeito: un Deus universal, ofrece unha salvación universal que se desenvolve no día a día do achegamento de uns aos outros.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos romper con un xeito de rezar que nos deixa indiferentes diante dos acontecementos da vida, unimos a nosa palabra e o noso corazón e dicimos xuntos:
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN

     Para que saibamos ser Igrexa asumindo que temos unha tarefa e un compromiso, que nos leva a  estar no mundo de xeito activo e liberador, convertendo o noso actuar en oración, e buscando na oración forza e ilusión para o noso actuar, OREMOS.
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN

     Para que alí onde esteamos, non deixemos pasar a ocasión de ser testemuñas gozosas na construción do Reino, esforzándonos sempre por estar atentos a ofrecer o noso tempo a quen puidera necesitalo, OREMOS.
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN

     Para que sexamos testemuñas de consolo, acompañamento, achegamento, solidariedade e paz nas relacións cos nosos veciños, manifestando deste xeito que é posible vivir a universalidade dos valores do Evanxeo no concreto das nosas relacións cos que temos ao lado, OREMOS.
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN

Señor, que saibamos poñer en relación a nosa oración coa concreción do noso actuar cos que temos máis preto, pois só así conseguiremos que a túa mensaxe sexa universal e chegue a todos sen exclusión: aos enfermos, aos tristes, aos que están sós, aos enganados, aos abusados, aos explotados... P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Non viñeches para xulgar os nosos erros e as nosas parvadas
senón a buscar a quen anda perdido,
a defender a quen está acusado,
a liberar a quen está cativo,
a curar a está ferido,
a acoller a quen está desamparado,
a lavar a quen está manchado,
a sandar a quen está enfermo,
a erguer a quen caeu,
a salvar a quen se sente culpable,
a devolverlle a dignidade a quen a perdeu.

Ti que cres en nós,
Ti que esperas de nós,
Ti que nos amas máis que nós mesmos,
Ti que es maior que todos os nosos pecados,
recréanos e danos un futuro novo e mellor.

CANTOS
ENTRADA:
Amigos nas penas
LECTURAS:
Deixade esta terra
OFERTORIO:
Grazas Señor, graciñas
COMUÑÓN:
Ide e pregoade


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares